ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

Amosando publicacións coa etiqueta Terror. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terror. Amosar todas as publicacións

22/04/17

Nas montañas da loucura

Comentario de Roberto Agra Buján


Nas montañas da loucura
Lovecraft
Urco



Sendo este o terceiro relato de Lovecraft que leo, debo dicir que este foi o que máis me impresionou, non só pola profundidade da historia, senón tamén polo aire enigmático que envolve toda a novela e que non desaparece, nin sequera ao final desta.

Ao principio o libro non me enganchou moito, non sei se isto é debido a que ao meu entender, o interesante da novela non empeza ata a metade do libro ou se foi porque só fun capaz de ir lendo aos poucos, dúas páxinas un día, outras dúas outro. Iso si, cando rematei os exames e puiden pórme a ler o libro con calma, engancheime e fun capaz de lelo con bastante velocidade.

Aínda que o libro é unha obra mestra do xénero do terror material, non direi que non ten puntos a mellorar, por suposto que os ten, un deles por exemplo é o exceso esaxerado de descripción da cidade onde ocorren a maioría de feitos sobrenaturais, acabei de baixorrelevos, medallóns e portas en arco ata as narices, sempre descrición durante o que a min me pareceu un interminable conxunto de páxinas.

En resumo, Lovecraft volveume sorprender coa mestría que tiña para os relatos de terror e a suprema destreza da que facía gala para englobar todo nun mesmo universo, todas as historias que lin están unidas aos Antigos e ao Necronomicón dunha ou doutra maneira e iso é algo que me fascina profundamente.

21/04/17

A gorida do Verme Branco

Comentario de Roberto Agra Buján


A gorida do Verme Branco
Bram Stoker
Urco



Verdadeiramente é unha mágoa que toda a obra de Bram Stoker estea eclipsada por Drácula. Bram Stoker tamén escribiu outros libros á parte dese e un deles é "A gorida do Verme Branco", un libro de gran calidade e que me atrapou desde o principio.

Neste libro todavía hai certa, digamos, reminiscencia, de "Drácula" pois o personaxe que a min máis me gustou chamado Sir Nathaniel de Salis é unha especie de erudito moi similar a Van Helsing en moitos aspectos.

Centrándome xa no libro en si, debo dicir que é moi bo, toda a narrativa é contada con gran mestría, toda a ambientación é moi atrapante e todos os misterios son, sen dúbida ningunha, enrevesados.

Os personaxes gozan dun carisma pouco habitual, isto consegue que aborrezas aos antagonistas, aos cales vas vendo caer en decandencia conforme o libro avanza, e que adores e lle teñas certo cariño aos protagonistas.

Rematando xa, como conclusión debo dicir que "A gorida do Verme Branco" é un gran libro e que por desgraza non gozou da fama que se merecía por estar eclipsado por "Drácula".

20/04/17

Drácula

Comentario de Roberto Agra Buján


Drácula
Bram Stoker
Xerais


Que podo dicir desta novela de Bram Stoker? Unha vez lido o libro só me queda rendirme á evidencia e explicar que "Drácula" é unha obra mestra, unha novela que estableceu uns piares no xénero do terror que perduran ata os nosos días. Antes de entrar en materia gustaríarme facer unha mención a que "Drácula" tamén se entende como a maior novela erótica victoriana, ao principio tiña os meus receos con respecto a este tema pero logo de rematalo libro, só podo dicir que é absolutamente certo.

Por onde empezar a gabar esta novela? Reloce en todos os aspectos; narrativa, personaxes, ambientación... E o final, que final! Non direi moito sobre el, pero podo asegurar que me fixo conter a respiración ata o último intre, todo podía pasar e a incerteza por non saber como acabaría todo estivo a piques de estresarme ata tal punto que estiven tentado a mirar directamente a última páxina para saber como remataba todo. Por fortuna non o fixen e grazas a iso, levei unha enorme sorpresa.

Os personaxes son, nunha palabra, perfectos. Cada un ten os seus propios puntos fortes e gustoume sobre todo que Drácula non fose un deus, refírome a que Drácula ten os seus propios temores e non é todopoderoso. Os protagonistas teñen os seus propios medos mais aínda así enfróntanse ao medo e traballan conxuntamente por un obxetivo común, acabar con Drácula.

A novela vaise relatando a través dos diarios dos protagonistas e algún que outro recorte de periódico, todo isto ao principio non me acabou de convencer pero acabou por encantarme, grazas a este simple sistema, os enigmas multlipícanse e iso engánchate de maneira máis forte se cabe a seguir coa lectura.

Coido que logo de todo o que escribín, a miña opinión sobre "Drácula" está máis que clara, estamos ante unha obra mestra do terror e que sen dúbida fai que moitas das novelas deste xénero parezan simples relatos cotiáns un pouco inquietantes. Aínda que eu teño certa indiferencia frente ao medo (moitas novelas deste tipo levo xa lidas), "Drácula" fixo que tremese de medo en certos puntos pola impresión que me causaban certos feitos que ocorrían e esta impresión víase incrementada por estar lendo a novela de noite. En resumo, a min "Drácula" encantoume.

20/03/17

A maldición de Dunwich

Comentario de Roberto Agra


O horror de Dunwich
Lovecraft
Urco


"O horror de Dunwich" ten un grandísimo argumento e unha moi boa ambientación.

Esas referencias a uns seres superiores e incriblemente poderosos, sempre envoltos nunha escuridade de misterio, fan que necesites seguir lendo para saber se conseguirán someter á humanidade ou se pola contra serán derrotados por uns valentes homes que lles tentarán facer fronte.

Todos os enigmas imperantes no relato fan que pouco a pouco unha inquientante sensación se vaia apoderando de ti porque o libro mergúllate de tal maneira na historia que parece que a esteas a vivir nas túas propias carnes.

Por último, creo que é obrigado dicir que Lovecraft creou un novo subxénero dentro do terror e que "O horror de Dunwich" é un dos máximos representantes deste subxénero.Tamén, debo dicir que agora entendo porque este relato se considera parte do núcleo duro dos Mitos de Cthulhu, é un dos que conserva máis intacta a ensencia do terror materialista no que se basean a maioría de relatos de Lovecraft.

12/03/17

A neve interminable

Comentario de Roberto Agra Buján


A neve interminable
Agustín Fernández Paz
Xerais


Había tempo que non lía un libro de Agustín Fernández Paz, obviando iso si, o que tiven que ler na primeira avaliación por mor dun traballo. Pero volvendo ao tema, este libro encantoume, non só por ese estilo que tiña Agustín de englobar nunha gran historia historias máis pequenas pero que enganchaban de igual modo. A novela xira en torno a un grupo de guionistas que viaxan a unha casa de turismo rural illada en Fonsagrada para conseguir inspirarse; logo de levar un tempo alí, a neve empeza a caer sen pausa, os guionistas seguen co seu labor e cada un escribe un relato, ditos relatos chegarán a nós e poderemos ver como cada guionista busca o terror á súa maneira.

Todos os relatos son pequenas xoias que amenizan unha, xa de por si, interesante historia. Todos os relatos tratan diversos argumentos típicos do xénero que ten por premisa causar medo, dende un monstro do que case non se dan detalles, ata unhas nenas que se converten en pantasmas, pasando por unha vinganza dende o máis alá e os xa clásicos vampiros. Aínda que é unha decisión complicada, se tivese que dicir o relato que máis me gustou, escollería "Herdanza de sangue", un máis que estremecedor relato sobre os vampiros.

A historia principal na que se basea o libro bebe de directamente da reunión que varios nobres e escritores mantiveron no 1816, entre eles están a escritora de Frankestein, Mary Shelley, o instaurador na literatura europea da figura do vampiro, John Polidori, e o creador do poema postapocalíptico Darkness, o nobre inglés Lord Byron.

"A neve interminable" é un relato que xoga coas apariencias e tenta sorprender en cada capítulo, cousa que consigue sen dúbida, que se centra na historia principal. Este é,  na miña humilde opinión, un dos mellores libros de Agustín Fernández Paz.

12/11/16

Gárgola

Comentario de Roberto Agra Buján


Gárgola
Carlos Vila Sexto
Galaxia






Como me gusta o xénero de terror, dá gusto ler este tipo de novelas, se ben é certo que este relato non é dos mellores que lin, tampouco é dos peores, o suspense imperante durante toda a novela sobre a historia do pai do protagonista é o que máis me enganchou.
O argumento da novela é fácil de resumir, un día, uns coñecidos do protagonista, chamado Jeremy, o cal sofre uns extraños pesadelos, aparecen mortos, a partir dese momento Jeremy empeza a atoparse con un escuro home que lle di que o seu pai matou á súa irmá e á súa nai.
Os personaxes non son o punto forte do relato, cumpren máis a función de fíos condutores que vinculan diferentes datos ou feitos, os personaxes non teñen unha gran carisma coa cal poidas encariñarte con eles.
Gárgola é un relato que sen brillar en moitos aspectos, fai que o relato te enganche de tal maneira que acabes por ler o libro nunha tarde.

25/05/16

A estrada

Comentario de María Rodríguez


A estrada
Cormac McCarthy
Faktoría K




Novela de aventura  e de terror. Mostra  a penuria que pasan un pai e o seu fillo deambulando  por un mundo frío, sen vida, desolado...  Cheos de fame,  con frío e tristeza, empurran o  seu carriño pola estrada, un camiño sen fin, de aí o título do libro, A Estrada.
Nesta novela pálpase  a relación que hai entre a paisaxe e o medio físico. É un medio natural sen vida. O ceo cuberto de cinzas e o entorno no que viven os protagonistas non é o máis adecuado para os seres vivos polo que teñen que facer un gran esforzo para sobrevivir e  para buscar algo mellor.
O pai aparece como unha persoa sufrida e obsesionada  por buscar un mundo mellor para el e para o seu fillo, querendo preparalo, física e psicoloxicamente, para cando el non estivera, pretendendo  deixarlle  unha forma humana de sobrevivir . Por outro lado, o pai,  a pesares de que quere loitar, na súa mente,  tamén está o suicidio.
O pai, ao  longo da historia, vese alimentado por todos os recordos gardados antes da catástrofe. Podemos observar momentos puntuais de alegría, o mesmo tempo que, un gran cariño e o amor que existe entre os dous, pai e fillo.
A Estrada é unha historia de supervivencia,de  loita continua, de  espírito de superación,  e onde os protagonistas sacan forzas de onde non as hai para seguir adiante.
Por un momento, detívenme  a pensar, se calquera de nós chegásemos a nacer nun medio semellante a ese,  eu creo que, sería imposible loitar con esa forza pola vida tentando superar todos eses obstáculos . A min axudoume a cuestionar como vemos e  valoramos a vida que estamos levando hoxe en día.  A esperanza é o último que se perde!
Esta obra, aínda que moi triste, gustoume moito.  Recoméndoa!

06/04/16

A lenda de Sleepy Hollow e outros relatos

Comentario de Adrián Mato



A lenda de Sleepy Hollow e outros relatos 
Washington Irving
Urco 



Gústanme moito os libros de terror e este non ía ser menos. Agradáronme todas as historias pero especialmente a de Tom Waltter e o Demo, porque me encanta a forma na que o autor castiga a avaricia de Tom e a súa muller, que a pesar de ter vivido na miseria, non se compadecen dos que antes podían haber sido eles, persoas que lle van pedir un préstamo e das cales se aproveita para sacarlle ata o último can que posúen. Outra historia que tamén me sorprendeu moito foi a aventura do alemán, polo abraiante do seu relato e o insólito final. Como alguén pode ser capaz de namorar dunha face que ve en soños, para máis tarde atoparse con ela na rúa e casar. Quizais a que menos me agradou foi a de Sleepy Hollow posto que esperaba máis dun relato que foi levado ao cine. Quizais esperaba unha maior importancia do cabaleiro sen cabeza e non tanto da súa vítima.  

29/05/15

O gato negro e outros contos de horror

Comentario de Jorge González


O gato negro e outros contos de horror
Edgar Allan Poe
Vicens Vives




Cando comecei a ler este libro titulado "O gato negro e máis contos de horror", de Edgar Allan Poe xa sabía que ía tratar sobre distintos relatos de medo, porque este autor, para min, é un dos mellores escritores de contos de horror.
Algúns dos relatos que contén este libro, cando os les, transmítenche medo e a veces dáche uns calafríos.
O relato que máis me gustou foi, "A mascarada da Morte Vermella", porque este relato fala un chisco da Peste Negra que sufriu Europa na Idade Media.
A linguaxe desta novela era un pouco difícil de entender, porque había moitas palabras que eu non utilizo diariamente.
En resumo, a min gustáronme moito estes contos de horror e recoméndollo a outras persoas ás que lles guste pasar un pouco de medo mentres están a ler un libro. 

12/01/15

Gárgola

Comentario de Adrián Mato


Gárgola
Carlos Vila Sexto
Galaxia
 
 
 
 Gárgola foi un libro que me fixo traspasar as tapas deste e poñerme na pel de Jemy, sentindo os seus medos e soñando o seu soño. Pode que a historia se faga interesante  e non aburrida porque dende a primeira folla aparece o enigma que ten que resolver, o soño. En realidade o seu subconsciente só quere axudalo ante un perigo maior, tan grande que foi quen de controlar a seu pai para que matase a súa nai e a súa irmán. Pouco a pouco Jemy vai investigando, pero as persoas que lle axudan, cando está a piques de desvelarlle o segredo, morren. O único que foi quen de axudarlle sen morrer foi Circuito, un compañeiro de clase, bo na informática. O final sorprendeume, esperaba un home, aínda que en realidade existía a gárgola de verdade.
Encantoume este libro.