ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

28/02/13

Makinaria

Comentario de Aida Vilariño

Makinaria
Carlos Negro
Xerais



Ao principio cando merquei o libro pensei que non me ía gustar nada xa que a poesía non é o meu punto forte pero cando comecei a lelo encantoume porque fala sobre a xuventude e os riscos que corren, beben, saen de festa, andan como tolos nos seus coches e non se paran a cavilar no futuro, viven o presente ao límite, disfrutando cada momento coma se fose o último; ou polo menos así o interpretei eu. Nunca lera ningún libro de Carlos Negro pero se todos son así ou similares, con ese punto de vista, seguro que me gustan. Os poemas que máis me chamaron a atención foron os de "Game Over", collín moitas frases interesantes deles.

Poetízate

Comentario de Paula Gamallo 


Poetízate
Fran Alonso
Xerais






Teño que ser sincera, cando nos propuxeron ler este libro a verdade semellaba un tanto raro. Poucas veces  recomendan un libro de poesía como lectura trimestral. Ao principio remitinme a pensar un pouco de xeito antiquista, e crer que o libro non me ía aportar demasiado pero a medida que me ía integrando na lectura dábame conta de que efectivamente, estaba equivocada.
Como ben di o autor, a poesía non morde. O único que precisamos é un anaquiño de tempo para mergullarnos neste marabilloso mundo do que eu, polo menos, non me arrepinto de entrar.
Teño que dar a miña mellor crítica a este libro xa que me fixo comprender moitas mensaxes nas que quizais ata agora non me detiven a pensar. Tamén me serviu para coñecer mellor unha infinidade de autores galegos cun talento verdadeiramente destacable. A mestura entre o pensamento dos poetas máis antigos e os máis modernos dálle ao libro un carácter curioso e singular.
 Verdadeiramente, ten unha natureza moi variada, ao comezar a lelo podemos somerxirnos nun mundo repleto de ideas e opinións, todas redactadas dende un punto de vista artístico moi apreciable. A ironía e a retranca son características propias da verba galega e, como non podería ser doutro xeito, están presentes en moitos dos poemas . Son moitos os poetas que se centraron en enxalzar ó noso pobo. A cultura, a lingua e os costumes galegas xogan un papel verdadeiramente importante nestes textos, son poucos os que non adican algunhas das súas composicións á nosa terra ou a loita na súa defensa.
Por un lado, chamou á miña atención a reiterada reivindicación das mulleres galegas ao longo da historia pola defensa da súa condición, dende Rosalía de Castro ata poetas máis modernas como poden ser Chus Pato, que destaca pola súa brevidade e precisión a hora de escribir,  vese clara a concepción de igualdade que se mantiña xa dende un principio, este tema sempre tocou moi fondo nos meus ideais polo tanto estas poetas desataron en min un profundo interese e admiración. Realmente a muller sempre estivo moi censurada en todos os ámbitos artísticos ou culturais e estas poetas tentan concienciarnos do difícil que é cambiar a mente da sociedade, móstrannos a realidade mesma dun xeito no que a muller era e segue a ser un obxecto sumido en milleiros de inxustizas.
Por outro lado, a poesía adicada a Galicia, esa é outra que deixou unha pegada especial no meu interior. Grazas a estes poemas, son capaz de observar a dor daqueles que viviron sumidos no fascismo, franquismo, clericalismo… de todos aqueles obrigados a emigrar que sufriron o desarraigo e a morriña nas súas carnes, aqueles que tiveron que  expresarse e desenvolverse nunha lingua que non era a súa, aqueles que viviron sumidos baixo o poder dunha sociedade radicalista onde a liberdade non tiña cabida para os máis desfavorecidos… si, doume conta desa dor, dese gran sufrimento; pero tamén me dou conta de que a problemática segue vixente no presente, a corrupción, os abusos de poder, a desigualdade de razas… son dilemas que seguen afectando á nosa sociedade de xeito habitual.
Debo facer certo fincapé nun poeta en concreto, un gran poeta, Celso Emilio Ferreiro ,que me fixo emocionar coa súa poesía de carácter social e humilde, dende o clásico "Moraima" e numerosos poemas amorosos ata aqueles que se amosan dun xeito máis reivindicativo e nos fan reflexionar sobre as inxustizas da sociedade.  Hai unha frase no poema A nosa amiga que di:  A poesía non depende do home, pro está no home, Celso era un gran amante do seu traballo e convídanos a todos a que o sintamos con el.
Creo que a mensaxe é clara e concisa,  a poesía é unha forma de expresión do sentimento, unha forma de independencia plasmada nun papel, un escapismo cara a liberdade da que carecemos, grazas a ela podemos descubrir un mundo máis alá, podemos rebelarnos contra todo o que nos abafa por dentro. O autor convídanos a manifestarnos, a declarar todo iso que gardamos no máis profundo de nós mesmos. A min, animoume.
 

26/02/13

Prohibido casar, papá!

Comentario de Lucía García Rodríguez


Prohibido casar, papá!
Fina Casalderrey
Galaxia 


Este libro reflicte os problemas de calquera adolescente. Cando lin por primeira vez o título do libro fíxenme unha pequena idea de comos sería, que coincidiu co seu contido. O final xa mo esperaba.

Esta historia fíxome sentir triste pola orfandade, pero alegre por Xián. Pero tamén me produciu empatía porque aínda que é un libro, é realista. Comprendo a actitude e o carácter de Elia, xa que é difícil adaptarse a unha situación así que calquera a pode vivir.
Esta novela encantoume e recoméndoa.

Flanagan de Luxe

Comentario de Ana Colmeiro Corral


Flanagan de Luxe
Andreu Martin, Jaume Ribera
Xerais


Como me encantan as novelas policíacas, esta non tivo problema para me enganchar por completo.
Gustoume moito a historia da broma que lle fan a Flanagan aínda qeu se ma fixesen a min xa non me gustaría tanto porque é bastante pesada. Non é normal que un urda unha trama tan grande e traballosa só para rirse do detective Flanagan, alomenos eu non o faría.
Este último pareceume un mozo moi espelido que, por sorte ou por tristura, case non ten pais que se preocupen del, pero que soubo atopar a súa vocación e sobrevivir a moitos perigos. Tamén atopou o amor.
Erreá é un tipo insoportable que de ser eu lle torcería a cara inmediatamente de me vir co problema co que empezou todo. O que máis lle importan son os cartos xa que está disposto a estafar ao seu propio pai para conseguir trescentos millóns de pesetas.
En fin, o libro encantoume e paréceme unha boa escolla para as persoas que, coma min, gostan do xénero policial.

O principiño

Comentario de Victoria Drach

O principiño
Antoine de Saint-Exupery
Galaxia

É un libro que trata dun neno que debuxaba de pequeno, pero os seus debuxos non os entendía ninguén. Ata que un día no deserto coñeceu a un principiño. Era un neno moi pequeno que viña dun planeta igual de pequeno ca el, e quería que o protagonista lle pintara un ano e de aí fixéronse moi amigos. O principiño ía contándolle cousas que lle pasaran, as viaxes que fixo, os planetas que coñeceu.
Gustoume a historia do quinto planeta que era o máis pequeno de todos, aí estaba o faroleiro que tiña un traballo moi estraño que era prender a farola pola mañá e apagala pola noite.
Cando o principiño tivo que marchar para o seu planeta estaban os dous moi tristes polo que se fixeron moi amigos.
É un libro que me gustou moito e que fala da importancia da amizade.

Poetízate

Comentario de Rebeca Broemser


Poetízate
Fran Alonso
Xerais

Posto que é un libro de poemas non sei que dicir del. Gústame a poesía e gústame lela pero teño gustos fóra do común, ou tal vez non, quen sabe dicilo? O caso é que non atopei no libro un poema que me chegara.
Non me agrada que un poema sexa estenso, como o de "Rúa de canceleiro" de Ramiro Fonte. En cambio, consideros que aínda que un poema sexa breve é capaz de transmitir moito máis, como por exemplo "Quérote como aquel home" de Raúl Gómez Pato.
Sinto dicir que ningún poema me fascinou, aínda que os que máis me gustaron foron "o que amo é o amor", "Barathmur" e "o poema é unha pedra na cabeza".
Como compilación de poemas para achegarse á poesía galega está ben. Pero, repito, a min non me encantou.

Poetízate

Comentario de Esperanza Rodríguez


Poetízate
Fran Alonso
Xerais


Admito que ler a introdución foi coma se se dirixise a min, pois eu como di o libro era unha desas persoas que pensaba que a poesía mordía. Porén, ao empezar a ler sorprendinme que me gustara, que me fixeran os poemas maxinar historias coma se fosen relatos. Ademais, provocáronme unhas ganas tremendas de pórme a escribir poesías e plasmar nelas os meus sentimentos.
Teño que dicir que os que máis afondaron en min foros os poemas dos escritores xa falecidos.
O libro está xenial para calquera que non teña pensado ler poesía!!!

25/02/13

Far-west


Comentario de Lucrecia Balagué


Far-west
Carlos Negro
Xerais


As poesías de Carlos Negro son fáciles de entender, e iso gústame, xa que a maioría de poesías que leo non as entendo. Os poemas falan sobre as mortes causadas polo  alcol, o tabaco... as saídas ás discotecas non son boas, ocorren moitas cousas. Dinos que os homes non valen nada, valemos máis as mulleres, somos as que facemos todo na casa, eles só se tomban no sofá a ver a televisión e a beber e a fumar, mentres nós traballamos. Tamén comenta os avances que fixemos tanto culturais como rurais, vivir nunha cidade é máis fácil ca vivir nunha aldea, na aldea cooperamos todos coidando o gando e demais, mentres na cidade...
Gustoume sobre todo "Por un puñado de dólares", onde fala das diferenzas entre a cidade e a aldea.

24/02/13

Héleris


Comentario de  Alberto García Fernández


Héleris
Carlos Negro
Espiral Maior 




O libro conta, en forma de poesía, como chegan a estar xuntos Helena e Paris.
   Explica como co paso do tempo, Helena pasa de soñar a chegar a ser unha princesa, a acabar traballando para poder comer, casando co home que lle manda súa nai... queda embarazada, ten un fillo e morre xunto ao seu home sen chegar a ser princesa.
   Por outra parte fai o mesmo con Paris, que logo dos catorce anos, ten que traballar para vivir pola súa conta e logo de se casar para alimentar a súa familia.

   Este libro transmitiume moita mágoa pola pobreza na que vivían, e pola que hai no mundo en xeral.
   Houbo cousas que non entendín, pero estes libros estanme facendo cambiar o meu modo de pensar sobre a poesía.

  Gustoume moito e lese axiña.
 

Poetízate

Comentario de Marina Miguélez



Poetízate
Fran Alonso
Xerais



Paréceme un libro bastante interesante. Eu aprecio a poesía e penso que tense que ter unha gran capacidade para escribila e non calquera o pode facer. A pesar de que a min non me gusta moito creo que a temática está moi ben e admiro que queiran que nos interesemos pola poesía. É unha maneira máis innovadora de que nos guste, ainda así eu sigo preferindo a narrativa antes que a poesía.