Comentario de Paula Gamallo
Poetízate
Fran Alonso
Xerais
Teño que ser sincera,
cando nos propuxeron ler este libro a verdade semellaba un tanto raro. Poucas
veces recomendan un libro de poesía como
lectura trimestral. Ao principio remitinme a pensar un pouco de xeito
antiquista, e crer que o libro non me ía aportar demasiado pero a medida que me
ía integrando na lectura dábame conta de que efectivamente, estaba equivocada.
Como ben di o autor, a
poesía non morde. O único que precisamos é un anaquiño de tempo para mergullarnos
neste marabilloso mundo do que eu, polo menos, non me arrepinto de entrar.
Teño que dar a miña
mellor crítica a este libro xa que me fixo comprender moitas mensaxes nas que
quizais ata agora non me detiven a pensar. Tamén me serviu para coñecer mellor
unha infinidade de autores galegos cun talento verdadeiramente destacable. A
mestura entre o pensamento dos poetas máis antigos e os máis modernos dálle ao
libro un carácter curioso e singular.
Verdadeiramente, ten unha natureza moi variada, ao comezar a lelo podemos somerxirnos nun mundo repleto de ideas e opinións,
todas redactadas dende un punto de vista artístico moi apreciable. A ironía e a
retranca son características propias da verba galega e, como non podería ser
doutro xeito, están presentes en moitos dos poemas . Son moitos os poetas que
se centraron en enxalzar ó noso pobo. A cultura, a lingua e os costumes
galegas xogan un papel verdadeiramente importante nestes textos, son poucos os
que non adican algunhas das súas composicións á nosa terra ou a loita na súa
defensa.
Por un lado, chamou á
miña atención a reiterada reivindicación das mulleres galegas ao longo da
historia pola defensa da súa condición, dende Rosalía de Castro ata poetas máis
modernas como poden ser Chus Pato, que destaca pola súa brevidade e precisión a
hora de escribir, vese clara a
concepción de igualdade que se mantiña xa dende un principio, este tema sempre
tocou moi fondo nos meus ideais polo tanto estas poetas desataron en min un profundo
interese e admiración. Realmente a muller sempre estivo moi censurada en todos
os ámbitos artísticos ou culturais e estas poetas tentan concienciarnos do
difícil que é cambiar a mente da sociedade, móstrannos a realidade mesma dun
xeito no que a muller era e segue a ser un obxecto sumido en milleiros de
inxustizas.
Por outro lado, a poesía
adicada a Galicia, esa é outra que deixou unha pegada especial no meu interior.
Grazas a estes poemas, son capaz de observar a dor daqueles que viviron
sumidos no fascismo, franquismo, clericalismo… de todos aqueles obrigados a
emigrar que sufriron o desarraigo e a morriña nas súas carnes, aqueles que
tiveron que expresarse e desenvolverse
nunha lingua que non era a súa, aqueles que viviron sumidos baixo o poder dunha
sociedade radicalista onde a liberdade non tiña cabida para os máis desfavorecidos…
si, doume conta desa dor, dese gran sufrimento; pero tamén me dou conta de que
a problemática segue vixente no presente, a corrupción, os abusos de poder, a
desigualdade de razas… son dilemas que seguen afectando á nosa sociedade de
xeito habitual.
Debo facer certo fincapé
nun poeta en concreto, un gran poeta, Celso Emilio Ferreiro ,que me fixo
emocionar coa súa poesía de carácter social e humilde, dende o clásico "Moraima"
e numerosos poemas amorosos ata aqueles que se amosan dun xeito máis reivindicativo
e nos fan reflexionar sobre as inxustizas da sociedade. Hai unha frase no poema A nosa amiga que di: A poesía non depende do home, pro está no home,
Celso era un gran amante do seu traballo e convídanos a todos a que o sintamos
con el.
Creo que a mensaxe é
clara e concisa, a poesía é unha forma
de expresión do sentimento, unha forma de independencia plasmada nun papel, un
escapismo cara a liberdade da que carecemos, grazas a ela podemos descubrir un
mundo máis alá, podemos rebelarnos contra todo o que nos abafa por dentro. O
autor convídanos a manifestarnos, a declarar todo iso que gardamos no máis
profundo de nós mesmos. A min, animoume.
Sen comentarios
Publicar un comentario