ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

08/03/18

22 segundos

Comentario de Lucía Failde Beleda

22 segundos
Eva Mejuto
Xerais
 
Conta en primeira persoa e ao longo de vinte e dous capítulos, de forma tenra e con humor, a historia de Álex, un mozo transexual que decide tomar as rendas da súa vida e contar diante dunha cámara todo o que leva dentro agardando dende hai moito tempo.

Considéroo un gran libro polo xeito en que se amosa como xa de pequeno se interesaba e tiña gustos diferentes, tanto na estética coma nas afeccións e xogos, do resto das nenas da súa idade, por moito que a xente que o rodeaba se empeñasen en ignorar a realidade ou non decatarse.
Por outra banda, resulta fácil empatizar dun xeito natural con cada confidencia por parte de Álex. E así, ser quen de comprender a súa impotencia e frustración diante dunhas sensacións, que dende cativo recoñece coma propios pero que no exterior resulta difícil de asimilar ou non queren percibir.
Foi grazas ao agarimo e ao apoio da súa familia, especialmente o avó que para min foi un personaxe entrañable; a nai e a axuda dunha psicóloga especializada, como logrou reunir o necesario para dar o paso cara á felicidade e asumir o seu tránsito de Ánxela a Álex.

É unha novela recomendable a calquera idade pois fomenta a busca dunha sociedade máis xusta e equitativa sen prexuízos, pois o único que fan é provocar dor e illamento.

07/03/18

Coma unha áncora

Comentario de Cristina Guerra Vila


Coma unha áncora
Iria Collazo
Galaxia




Un libro distinto, chamativo, que te cativa dende un principio, que chama a atención pola súa peculiaridade.
Vainos contando as diferentes historias dos seus protagonistas, Manuel e María, namorados dende cativos, e de Amalia, unha anciá cun pasado moi duro. O que ó principio parecía unha típica historia de amores e naufraxios, resultou ser unha novela de misterio, de loita. Unha novela onde se xuntan a realidade e a fantasía, onde se entremesturan a morte e a vida, onde se forma unha realidade máis alá da sabedoría humana, xogando co descoñecido do universo.
Unha novela de misterio e de introspección. Historias que flúen a través de pequenos detalles que se converten en escuros secretos do pasado que tornarán nun presente do que non poderán escapar.

No ámbito persoal, foi un libro que realmente me chamou a atención. Nunca me considerei partidaria da “fantasía”, pero con este de seguro que fixen unha excepción. Tamén me resultou peculiar a maneira na que está escrito, ese constante cambio do pasado ó presente que me fixo estar completamente absorta cando o lía.

06/03/18

Invisibles

Comentario de Zerua Galego Insua


Invisibles
Montse Fajardo



Invisibles é un libro que conta en forma de relatos a experiencia de varias mulleres diferentes, vítimas do maltrato machista. Persoalmente, pareceume un moi bo libro que pode axudar a identificar o maltrato nunha relación, a coñecer o caso doutras persoas que conseguiron saír dese cárcere no que as súas parellas as meteran e a transmitirlles ás mulleres que están sendo maltratadas que non están soas.
Así como nese sentido me gustou moito, tamén me facía ferver de rabia, e darme conta de que o mundo non é tan simple e fermoso como o fan ver.
É un libro que lle recomendaría moito a aquelas persoas que non cren no maltrato machista e que seguen a culpar ás mulleres do seu propio inferno, e a aquelas que pensan que o maltrato é algo normal nunha relación e facelas ver que non o é, que en caso de maltrato, hai que cortalo de raíz.

Corredora

Comentario de Lucía Failde



Corredora
María Reimóndez
Xerais
 





Genet Mullugueta, a protagonista, narra a loita pola supervivencia de nenos e nenas contra a fame. Como tamén demostra a incrible importancia que pode adquirir a palabra amor, ao sentilo cara a unha nai.

O personaxe que máis me gustou foi Toiba, a nai. Pois o seu esforzo e amor pola súa filla é un verdadeiro exemplo a seguir, xa que fixo o imposible por ela. Tamén creo que é admirable o personaxe de Meseret, un gran exemplo de bondade, pois a causa da carencia de cartos de Genet axudoulle, sen importarlle non recebir nada a cambio, feito que me parece moi humilde e digno de destacar.

É un libro recomendable a calquera idade, pois abre os ollos ás ignoradas situacións que sofre moitísima xente en moitas zonas do mundo. Á súa vez demostra que o máis importante é o esforzo e o traballo, como tamén fai ver que ambos sexos son iguais, realidade que incluso a día de hoxe non está asumida, e que co paso do tempo se debería ir introducindo máis  en todos os tipos de sociedade.

05/03/18

Xa non estou aquí

Comentario de Lucía Failde Beleda


Xa non estou aquí
Iria Misa
Xerais




É unha novela impredecible que ensina as difíciles situacións que se afrontan na vida cotiá durante a adolescencia. Neste caso,  Ánxela, a protagonista, sofre de primeira man a necesidade de pertencer a un grupo de amigos, para non sentir ese sentimento de exclusión, tamén no amor e incluso a incompresión por parte da súa propia familia. E con todo iso, amosa o calibre no que poden influír todas esas situacións sobre un mesmo.

Gustoume moito María, unha rapaza que xunto cos Murnios, o seu grupo de amigos, acaban unídonse a Ánxela, e facéndose así boas amigas. Ademais, é moi peculiar e de ideas claras.

Recomendaría ler este libro especialmente na etapa da xuventude e adolescencia. Pois fai decatarse dos sucesos que vivimos no día a día como espectadares sen darnos conta da verdadeira importancia que ten, sabendo que lle podería pasar a calquera.

04/03/18

Corredora

Comentario de Noelia Ferreiro



Corredora
María Reimóndez
Xerais
 
 
 
A autora deste libro é María Reimóndez. É coñecida por ser escritora, feminista e doutora en tradución e interpretación española. Cultiva a narrativa, lírica, teatro e o ensaio.

Corredora recolle a tradición atlética de Etiopía na busca activa de talentos entre crianzas do rural ou empobrecidas nas cidades.
Esta novela conta a historia dunha rapaza chamada Genet. Ela naceu nunha aldea de North Wolloh en Etiopía. Dende moi cativa gustáballe correr polo ventre da montaña sentindo como só estaba ela , a terra o aire e o seu corpo.
A fame obrigou a súa nai e mais a ela a marchar da aldea cara á cidade. A súa nai comezou a traballar para unha muller, a cambio dun teito baixo o cal durmir e algo de comida para levar a boca ela e a súa filla. Pouco era o que lle pagaba a señora á súa nai , polo que Genet tiña que ir polas rúas da cidade vendendo panos e gomas de mascar para conseguir algo máis de diñeiro. Foi así como coñeceu a Adebe, un adestrador de atletismo que tamén era médico. Genet fíxose pasar por rapaz, dicindo que o seu nome era Solomon.
Adebe comezou a adestrala, e preparouna para a súa primeira carreira, a cal era da categoría masculina. Ela gañou a carreira.
No momento en que Adebe descubriu que era unha moza, cambiouna para o grupo de rapazas. Genet continuou esforzándose , ela quería superarse a si mesma. Adebe animábaa dicíndolle que ía chegar lonxe, e de feito chegou.
Tras moitas vitorias, Genet foi para o equipo da selección. Alí coñeceu a Tamiru, un mozo co cal comeza unha amizade. El fora o rapaz ao que adiantara na primeira carreira que gañara.
Genet segue superándose a si mesma, gañado carreira tras carreira, e se non quedaba primeira, era segunda ou terceira, mais ela tiña o seu posto no podio.
Grazas ao seu esforzo chegou ao equipo olímpico. Nestes xogos de Londres gaña a maratón, e aí entende que levantarse e  correr, e non renderse nunca, foi o que aprendeu no camiño daquela montaña da súa terra.

Cómpre indicar, que na novela tamén se fala da situación das mulleres e das nenas de Etiopía. Mencionase o matrimonio por rapto, no cal homes tomaban a mozas pola forza, acto que viña seguido do obrigado matrimonio. Tamén se fala de como mulleres , por conseguir algo que lle dar aos seu fillos, se teñen que someter a accións totalmente denigrantes, como manter relacións sexuais sen desexalo. Ademais, nesta historia tamén se reflexa a violencia de xénero, en concreto o maltrato psicolóxico, onde o pai de Genet ameaza a súa nai con vender a filla. O motivo desta ameaza era que ela non lle permitía que lle puxera a man enriba. 

Finalmente , este libro pareceume moi interesante xa que conta unha historia que ensina que superándose constantemente podes chegar moi lonxe.  Ademais, a autora mostra a actitude dunha nai que fai o posible por protexer a súa filla, e que mostra unha postura forte contra un home que nunca lograría asoballala.
 

03/03/18

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta

Comentario de Ánxela Adán Sangiao


Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta
Ledicia Costas
Xerais



"Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta", de Ledicia Costas, cóntanos sobre o paso de Jules Verne por Vigo e a súa razón secreta, investigar se a lenda dunha clase de mulleres metade planta en Galicia era real. Tamén se nos mostra a perspectiva de Violeta, unha rapaza metade planta á cal lle encantan os libros de Verne.
Este libro deixoume cunha sensación agridoce, xa que por unha parte encántanme os personaxes, dende Violeta ata o seu avó ou Jules parécenme personaxes moi ben feitos e perfectamente realistas, e a historia tamén me atrae, encántame a fantasía así que unha historia con mulleres metade planta é bastante interesante para min. Por outra parte fíxoseme algo pesado, xa que para min ten demasiada descricións, aínda que estas se fagan necesarias nalgunhas ocasións, non me gusta pasar tres páxinas sen diálogos co fin de que se describa unha habitación á perfección.
En conclusión este libro, aínda que algo pesado, e bastante recomendable, cunha historia apta dende persoas máis pequenas ata os máis maiores, faise  entretido ver a Jules Verne dando voltas por Vigo xunto cunha rapaza que non é de todo humana.

02/03/18

Xa non estou aquí

Comentario de Adriana Pampín


Xa non estou aquí
Iria Misa
Xerais


Este libro gustoume moito, ao ler o resumo pareceume moi interesante, cando o comecei a ler non foi o que esperaba, pero segundo iba avanzando comezou a entreterme máis.

Esta historia fíxome reflexionar en que sobre todo na adolescencia, non nos podemos deixar influenciar nin convencer por persoas ou hábitos que non nos interesan ou son malos para a nosa saúde. Doume pena a situación de Ánxela xa que era unha rapaza de boa familia, estudosa e boa persoa, pero ao xuntarse con malas compañías acabou moi mal, e isto pode pasarlle a calquera persoa de nosa idade. Deberiamos fixarnos neste tipo de historias tan realistas que pensamos que están moi lonxe de nós, pero en realidade non é así, polo que debemos de ter moito coidado e ser conscientes do que facemos e das súas consecuencias.

Penso que todos os adolescentes deberiamos ler este libro para concienciarnos sobre este tema e saber no que podemos acabar ao xuntarnos con malas influencias ou simplemente por decidir facer algo que pode acabar como acabou neste caso.