ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

28/05/18

Anagnórise


Comentario de Zerua Galego Insua


Anagnórise
Mª Victoria Moreno
Galaxia




Anagnórise, de María Victoria Moreno, trata dunha muller que recolle na estrada a un rapaz chamado Nicolau Arís, que fai autostop coa intencion de chegar a Madrid, cargado cun quilo de haxix. O rapaz foxe do pasado e de si mesmo, pero a viaxe coa descoñecida, a cal garda o seu nome coma un tesouro, terá repercusión na súa vida.
É un libro que me gustou moito pola evolución de Nicolau. Como pouco a pouco vai aceptando as cousas e enfrontándose ao seu pasado. 
Vese tamén como cambia a súa forma de pensar en canto ás mulleres, e en canto á rapaza que lle rompera o corazón. A relación que vai desenvolvendo coa conductora a medida que avanza a historia, está tratada dunha maneira que persoalmente encántame: pasa de desconfiar e non valorala a querela como unha amiga. 
Gustoume todo deste libro, a redacción, a historia, os personaxes... 
O único que me deixa un pouco triste, é a morte da compañeira de viaxe de Nicolau, que non puideran despedirse, e que Xulia, como se chamaba en realidade, o que Nicolau sabe por unha carta que ela lle deixa, non lle dixera quen era e por qué o coñecía tanto dunha forma menos traumática.

11/05/18

Anagnórise


Comentario de Sara Granja Sanmartín


Anagnórise
Mª Victoria Moreno
Galaxia




A historia de Anagnórise presenta a Nicolau Arís, un rapaz que decide fuxir de casa e, aínda que as súas ideas eran distintas, remata viaxando no coche dunha muller camiño de Madrid. A partir dese momento comezará unha viaxe, non só polas beirarrúas de España, senón tamén polos pensamentos, dúbidas e recordos do protagonista.
Non é fácil comezar a ler este libro. Ao principio, mentres un non se acostuma á narración e ó ritmo da historia, pode resultar un pouco lento e ás veces tamén aburrido. Aínda así, a historia non tarda en volverse máis áxil, sendo fácil de rematar canto antes.
En canto á trama, toda transcorre nunha viaxe, e, ademais do pasado de Nicolau e o misterio da muller que viaxa con el, non ocorre nada realmente importante. O libro, na súa maioría, consiste no desenvolvemento das personaxes e en como Nicolau entende outra maneira de ver o mundo.
Por último, o final. A grande anagnórise do libro aparece nas últimas páxinas, e aínda que é algo que cambia completamente a forma de ver a historia, é bastante predicible.
En conclusión, o libro gustoume, pero aínda así non o recomendaría.

09/05/18

O diario violeta de Carlota


Comentario de Sara Granja


O diario violeta de Carlota
Gemma Lienas
Galaxia
  
 
 
Este libro non conta ningunha historia. Non sucede ningunha aventura e a historia non segue un eixe cronolóxico moi marcado.
No seu lugar, O diario violeta de Carlota mostra como, aínda que actualmente pensemos que está superado, segue habendo machismo na nosa sociedade, e de que se prestamos un pouco de atención, veremos moitas inxustizas que antes parecían normais.
É o libro perfecto para abrir os ollos a todo o mundo e que, como Carlota, poñamos os lentes violetas. Un gran libro para iniciarse no feminismo e para entender a importancia e o significado do movemento.
Aínda que estou de acordo cas ideas que dá, debo dicir que non me rematou de gustar a forma na que se fala dos ideais de beleza femininos na industria da moda, non pola idea que transmite, senón polas palabras que utiliza.
De todas maneiras, penso que este é un libro moi recomendable e, na miña opinión, debería ser lido de maneira obrigatoria nos institutos.