ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

Amosando publicacións coa etiqueta Cómic. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cómic. Amosar todas as publicacións

21/05/16

Engurras

Comentario de Telmo García



Engurras
Paco Roca
El Patito editorial






Este pequeno cómic gustoume moito porque faite ver que os anos pasan para todos, e que as súas consecuencias están aí esperando por nós.

A Emilio diagnostícanlle alzhéimer e dende entón todo cambia para el, xa que a enfermidade obriga aos seus fillos a internalo. Comeza nese momento unha loita entre o Emilio que foi e o Emilio que agora é; entre o home activo do pasado  e o home perdido no olvido do presente.

Esta obra invita a reflexionar sobre o paso do tempo, sobre o  valor da amizade e a infinita soidade que viven algunhas persoas maiores. Cando tes quince anos non pensas en nada do que reflicte este cómic, por iso me encantou lelo, porque me abriu os ollos sobre a vida dos nosos vellos.

Tiven cando o lin unha sensación entre doce e amarga, un gústame e non me gusta ao mesmo tempo porque o libro mostra as facetas máis crueis da vellez como a falta de cariño dos fillos hacia aos pais, os abusos da xente cos velliños e a falta de compañeirismo que a personaxe de Miguel simboliza claramente. A situación que vive a velliña Rosario, vítima do abuso de Miguel,  anoxoume moito. 

Sen embargo, dentro das miserias de sentimentos que mostra o libro, tamén hai unha mensaxe positiva: o amor e a compañía fan máis levadeira a vellez. Ata un malo coma Miguel acaba buscando un amigo e sacrificando todo por estar con el. Ao final da vida parece que o único que nos importa é  non estar só e sentir que alguén nos quere.

Un cómic que eu recomendaría para xente nova e xente vella.

04/03/16

Goražde, zona segura

Comentario de Laura García Moldes


Goražde, zona segura
Joe Sacco
Rinoceronte





Goražde, zona segura é un relato ambientado na Guerra de Bosnia nos anos 1992-1995.
O noso protagonista é un xornalista estadounidense que viaxa a Goražde para investigar e informarse sobre o que están a vivir os seus habitantes, ou o que viviron. Para isto, verase acompañado principalmente de Edin, un habitante de Goražde que viviu a guerra dende o comezo.
Ao longo do libro, vainos contando o que está a vivir o xornalista, pero tamén se introducen partes do que recorda a xente da guerra, do que viviu. Como o que tivo que pasar unha muller embarazada, do que viviu Edin, ou seu pai, etc. 
Este relato amosa o sufrimento dos afectados por esta guerra, o feito de ter que ver morrer aos teus familiares e veciños, ou a escaseza de servizos que fai que os habitantes se vexan desesperados para conseguir uns simples pantalóns, cremas, anestesias, etc.
Non é complicado de ler, pero a súa historia é moi tráxica e seria que o fai un pouco pesado ás veces.
 

07/12/15

Ardalén

Comentario de Lucía Otero


Ardalén
Miguelanxo Prado
El Patito Editorial




Este libro pareceume dos mellores que lin nunca, porque fun descubrindo cousas novas da historia dos personaxes que non imaxinei velas así. Encántanme as partes de cando ven o Ardalén e saen as baleas, ou cando está Fidel na casa e de repente vense peixes, cando ven Xana, Rosalía ou Ramón falar con el.

Ao principio non me gustaba moito Rosalía, parecíame que se quería aproveitar de Fidel, pero ao longo da historia funlle collendo certo cariño, ao contrario de Ramón, con quen me pasou todo o contrario, pero Xana sempre me gustou bastante. Sabela encantoume desde o primeiro momento, pareceme moi riquiña, ao igual que Fidel, que me dá moita pena que non poida recordar quen é. Non me gusta nada Tomás, paréceme unha persoaxe despreciable, que non sabe ser amigo; nin sequera persoa.

O final pareceume impresionante, todo o desenvolvemento, e que non conte cousas, senón que aparezan documentos, cos que ti vas resolvendo as dúbidas sobre a historia.

Encántame tamén que trate moitos temas, coma o amor, o odio, amizade.. Os debuxos son inmellorables, as cores da auga da habitación, as expresións esaxeradas, non teño palabras, gustoume desde a primeira páxina que vin.
Pouco malo teño que dicir deste libro, sinceramente. Espero atopar outros tan bos coma este.

06/06/15

36-39 Malos Tempos

Comentario de Lucía Otero


Carlos Giménez
36-39 Malos Tempos
El Patito Editorial 





Este libro pareceume moi diferente do resto de cómics que teño lido, respecto ó tema e ás historias. É interesante ver a guerra desde o punto de vista da xente que a sufriu, ver as súas ilusións e angustias,  como perden á xente que as rodea, como loitan por comer, e polos recursos que precisan.
Paréceme unha forma de ver a guerra dende un punto de vista mais cercan, vendo as vidas dos cidadáns, sentindo o que pasan e por pouco sufrindo coma eles.
Encantoume como a rapaciña que tiña un saco onde metía alí todo o que vía de valor, coidaba dos seus irmáns, pasaba fame por gardar a comida e repartila entre os seus famentos irmáns.
Estiven todo o tempo que o lin moi atenta  e intrigada, cando caían bombas e a muller anciá chegou chorando porque lle mataran ao seu marido, sentín unha gran empatía por ela.
Gustoume moitísimo este libro aínda que fose tan triste.

26/04/15

36-39 Malos Tempos

Comentario de Raquel García 


Carlos Giménez
36-39 Malos Tempos
El Patito Editorial





"36-39 Malos tempos" é un cómic que trata sobre a Guerra Civil, dende principio a fin. Lendo este libro a verdade é que me fixo reflexionar moito xa que todo o que me tiña contado miña avoa (que tiña 6 anos cando comezou a Guerra Cívil) está recollido neste libro.
  Con este libro puiden imaxinar como se sentiron os que por desgraza viviron a guerra, unha época na que atopar cadáveres na rúa era do máis cotiá. A historia de Marcelino marcoume bastante xa que tiña que ser durísimo vivir esas épocas e máis sendo un cativo aínda que Marcelino como rapaz ao principio non era totalmente consciente do que estaba a provocar a Guerra Cívil.
 Paréceme brutal que esta guerra fose provocada só porque dous bandos de persoas, os republicanos e os fascistas, tivesen ideoloxías contrarias. Non dou comprendido como por que unha persoa teña ideas contrarias ás túas acabes coa súa vida, como se a súa vida non tivese valor.
 Aqueles tempos foron tempos moi duros nos que caían bombas, mísiles e a cotío un constante "pam, pam" entre bala e bala. Por enriba de sufrir a Guerra Cívil tamén tiveron que soportar a fame ata tal punto en que algúns como o fillo do señor Tomás chegaban a morrer por non ter nada que levar á boca. O que máis rabia me deu foi como conta o libro que caían ás veces en vez de bombas pan cunhas tarxetas que poñían "Esta é a España de Franco" como querendo humillar aos republicanos por se comían o seu pan; o que admiro é que pese a que morreran coa fame non quixeron comer ese pan.
 Despois de que o bando republicano caese e Franco tomase o poder, en teoría aí acabará todo pero non, xa que despois dunha guerra sempre toca sufrir as represalias que neste caso sufriron os de esquerdas, deixándoos sen diñeiro xa que era diñeiro "roxo" e polo tanto non se admitía, matándoos a moitos e mesmo humillándoos como a muller que foi acusada sen ningún fundamento de ser comunista e lle raparon a cabeza.
 Por se non fose suficiente houbo unha epidemia de tuberculose que matou a moita xente xa que era moi contaxiosa e pegaba duns noutros. Nesta parte do libro deume moita pena Abel xa que o pobre despois de ver á súa irmá Rosa tras padecer aquela enfermidade e ver o enterro non quería morrer, consumíao máis a idea de morrer ca a propia enfermidade.
 Para rematar quero dicir que este libro me gustou lelo, para saber mellor como foi a Guerra Cívil pero que xa que reflicte case exactamente o suceso dos feitos pareceume un libro bastante duro.

28/02/15

Nómades

Comentario de Alberte Payo


Nómades
Xosé Tomás
Galaxia




Esta obra de Xosé Tomás trata un tema social moi dado no mundo pola escaseza económica de moitas persoas : A inmigración.
Neste libro fálase de diferentes situacións protagonizadas por mulleres que tiveron que marchar dos seus países de orixe para acadar un traballo e darlle o mellor aos seus fillos.
En cada historia, a muller protagonista é dun país diferente ás outras polo que trata diferentes clases sociais; pero normalmente clases baixas sen diñeiro.
Na miña opinión este libro é moi entretido e moi sinxelo de ler, eu remateino dunha tirada. Como xa comentei con anterioridade o libro trata un tema tan serio coma ilegal pois son sen papeis e ademáis teñen que pagar un alto custo a mafias que se dedican a iso; pero todos arriscan a súa vida para chegar ao país no que levarán, segundo pensan eles, unha vida mellor.