ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

20/12/07

Diario de Ana Frank

Comentarios de Noelia Souto Rozados

Diario de Ana Frank
Kalandraka


Páxinas 1-28

A verdade: non sei moi ben como empezar a contar o que me produciu este pequeno fragmento que lin. Para comezar, non entendín o que contaba de que á xente se lle asignou unhas iniciais calquera. Non sei por que hai persoas que non queren rebelar a súa identidade. É un acto de covardía?
Xa centrándome na historia, síntome identificada con Ana nalgúns aspectos; encólleseme o corazón cando describe a súa amizade con Hello; non sei se poderá seguilo vendo agora que marchan a vivir a un lugar que me é imposíbel de maxinar. Alucino coas prohibicións ás que estabas sometidos os xudeus; que importa a relixión se somos todos PERSOAS? Que significa que deban levar a estrela de David?

Páxinas 28-128
Conta como é o día a día dunha persoa escondida. Describe todo: as discusións familiares, o ambiente, as bombas, o medo... todo o que facían para non seren descubertos. Creo que as discusións son inevitables nesas condicións de vida: conviven con outra familia nun espazo pequeno.

Páxinas 128-195
Teño que recoñecer que ata agora o libro non me entusiasmaba demasiado pero esta parte gustoume moito. As reflexións que Ana fai sobre a vida, como en dous anos foi madurando e foi cambiando o seu xeito de pensar. Ás veces non somos o que parecemos... finximos no noso comportamento. Quero destacar a maneira na que fala da súa nai. Creo que todos algunha vez experimentamos ese sentimento de odio cara ás nosas nais. "Que é o amor? O amor é comprender unha persoa, querela, compartir con ela felicidade e desgraza". Si, iso é o amor.

Páxinas 195-311
Agora que coñezo como remata esta historia decepcioneime un pouco, aínda que non me sorprendeu. Estas últimas reflexións sobre ela mesma, iso de ser dúas persoas diferentes nunha soa, creo que nos pasa a todos nalgún momento.
Algunhas veces o libro resúltame aburrido e repetitivo, nas discusións ou cando fala da guerra. Pero é interesante comprobar como Ana foi madurando nestes dous anos de diario. Gustoume a súa reflexión sobre a valentía das mulleres: soldados que combaten cada día para sobrevivir.

O libro gustoume pero menos do que Gracia aseguraba.

Cartas de amor

Comentarios de Cristina Ares Carballude

Cartas de amor
Fran Alonso
Xerais


Ilegal:

O autor advertía ao comezo do libro que non nos iamos atopar coa típica carta de amor ou desamor, e é ben certo, mais esta primeira carta que relata unha muller chegoume ao corazón, gustoume, pero fíxome sentir impotente.
Conta como era a súa vida en Senegal, lugar do que ten que marchar pola pobreza... conseguiríao??

Desde as tebras:
Sabela está detida en Bagdad, escríbelle ao seu home, única esperanza, e cóntalle o que lle aconteceu, conta da guerra e das súas consecuencias. Realmente pide axuda e non sabe que vai ser dela...

Confesión:
O feito de ser homosexual, lesbiana, non cambia o concepto que teñas dunha persoa. Dá igual para a amizade, porén hai xente que xa os despreza pola súa orientación sexual. Parece incrible que aínda suceda, pero é así.

:
Esta carta é preciosa, a desigualdade de xénero é outro dos maiores problemas da nosa sociedade.

O que nunca me preguntaches:
Quedei abraiada. O feito de ser muller parece dar permiso para todo tipo de violacións dos Dereitos Humanos.

Lonxe:
A emigración é algo moi duro, afastarse de familiares e amigos...

O hobbit

Comentarios de Luis Segade Penela


O Hobbit
J.R. Tolkien
Xerais

Este non é o típico libro de historias fantásticas no que hai un mago e o seu acompañante, que conta as súas historias. Este é un libro diferente a todos eles no que o autor plasma as vivenzas dos seus intrépidos aventureiros. É un libro fácil de ler, e no que conta a historia dun hóbbit chamado "Bilbo Bulseiro", quen dispoñía dunha casa (burato-hóbbit) que dispoñía dun gran espazo. El como calquera hóbbit comía moitas veces ao día. Pero un día da temporada estival, visitouno un mago de importante prestixio que se chamaba Gandalf quen lle propuxo que o acompañara nunha aventura. Bilbo, que nese momento disfrutaba dunha vida tranquila, contéstalle que non. Pero nese mesmo instante, recobrou o seu afán aventureiro que herdara dos seus antecesores; máis tarde arrepentiuse de tal cousa.
Desta forma o noso protagonista partiu cara ás Montañas por un tesouro esquecido e defendido por un gran dragón.
O único do libro que non me gustou foi que se pasaba moito nas descricións. Por certo recomendo este libro a todas as persoas que lle guste este xénero.

14/12/07

Made in Galiza

Comentarios de Manuel Maceira Cabaleiro

O libro gustoume moito, porque critica o castelán e a xente de Galicia que o fala, intenta concienciar a xente para que fale galego, senón pode ata desaparecer; pareceume un libro moi fácil de ler, con algunhas historias divertidas e outras non tanto, e recomendaríalle este libro a todos porque é bastante bonito e lese moi rápido. A parte que non me gustou é que ten moitos relatos moi curtos e son difíciles memorizalos.

Made in Galiza

Comentario de Andrea Presas Blanco

Pois non teño moito que dicir deste libro.

Gustoume moito, é un libro de relatos super entretido, conta unhas historias metade de fantasía e metade de realidade. A parte de fantasía é por exemplo cando un home foi comprar palabras, outro que caeu dunha nube...
A parte de realidade é que denuncia a vergoña que ten a xente de falar galego, cousa que non debía ser así xa que a nosa lingua é un dos patrimonios máis importantes que ten Galiza.

Made in Galiza

Comentarios de Damián Santomé Soto

Pareceume un libro moi realista, xa que este libro trata da actualidade galega. Aínda que pareza mentira a xente avergóñase de falar o galego, por exemplo, vas ao médico e parece que non te entende se lle falas galego, entón fálaslle castelán. Non che pasou de cando eras pequeno que os teus pais che falasen castelán aínda qu e eles falasen galego? Este tipo de situacións son as que trata o libro de Sechu Sende, Made in Galiza. Mediante varios conto curtos ou simplemente situacións dentro da vida cotiá amósanos como os galegos vemos reprimido o noso idioma ao saír pola porta da casa. Pareceume un libro moi bo para pequenos e maiores, recoméndovolo.

Made in Galiza

Comentarios de Esther Giadás Caramés

Este libro conta unha chea de historias moi divertidas nalgúns casos, pero todas falan sobre a súa propia lingua. Gustoume porque penso que unha lingua non se debe esquecer e hoxe en día hai moita xente, sobre todo nas cidades, que fala castelán aínda que a súa orixe sexa galego. Non deberían ocorrer este tipo de cousas xa que o lugar de nacemento de cada un é moi importante.

Made in Galiza

Comentarios de Alex Fernández Mosquera

A min este libro pareceume moi interesante, pero ao mesmo tempo, algúns dos capítulos son un pouco raros.
Está moi ben porque trata os problemas polos que está a pasar o galego e como a nosa lingua está menosprezada por parte dalgunhas persoas.
O feito de que os pais galegofalantes lles ensinen a falar castelán aos seus fillos dende pequenos, porque pensan que é unha lingua de máis importancia e nivel que o galego, paréceme moi triste e penoso.
En xeral é un libro que me gustou e gústame a súa temática.

12/12/07

Tonecho de Rebordechao

Comentarios de Jessica Taboada Costa


Este libro é moi interesante, porque unha vez que o empezas a ler segues e segues ata cansar, podes pasar un montón de tempo lendo sen enteirarte. É un libro que gusta a todo o mundo, ou polo menos aos rapaces e ás rapazas..
A min persoalmente gústame moito porque é moi interesante, pola forma de contar os feitos que lle ocorren ao protagonista, polo uso característico da linguaxe que usa o autor... En fin, na miña opinión é un libro moi bonito e recomendo a todos aqueles que non o leron que o fagan, que é un libro que lles vai gustar seguro.

Tonecho de Rebordechao

Comentarios de Moisés Pacheco Lorenzo


A min gústame o libro porque explica historias que son como propias de Galiza. É un libro especial, diferente, que conta as cousas coma se fosemos nós mesmos, e que trata do que nós vivimos todos os días sen nos dar conta de que é precioso. Nesta historia transmítenos como é ou era Galiza, como vivimos e todo isto con moito humor, e -como digo- con galeguidade.

Tonecho de Rebordechao

Comentarios de Laura Gómez Vales


A min este libro pareceume moi divertido. Gústame como redacta as incribles historias que lle suceden a Tonecho, ao seu avó e á súa avoa e a todos os personaxes que aparecen nesta historia. Ademais, o autor propón unha historia que pode acontecer na realidade. É moi bonito e recoméndollo a calquera.

Tonecho de Rebordechao

Comentario de Alex Iglesias Rita

A min gustoume moito a historia de Tonecho. O personaxe que máis me gustou foi o protagonista porque creo que se parece un chisco a min (ou eu a el) cando pide as videoconsolas. E o capítulo que máis me gustou foi o capítulo no que aparecía a loba defendendo os cachorros.
Recomendo lelo a todo o mundo porque está moi ben e ten cousas graciosas.

Tonecho de Rebordechao

Comentarios de Aida Núñez López

O libro gustoume moito porque é gracioso, divertido e entretido. Gustaríame ler máis libros coma este. Tamén lle quero dar as grazas ao autor por ser quen de crear un libro tan marabilloso, darlle a noraboa, e recomendalo a todo o mundo.

Tonecho de Rebordechao

Comentarios de Juan L. Fontao Gestoso


Este libro foi o mellor libro que lin na miña vida porque rin moito e sobre todo o que máis me gustou foi cando o avó ía por Tonecho ao colexio.

Tonecho de Rebordechao

Comentarios de Roberto, 1º D


Gustoume este libro porque ao lelo déronme ganas de seguir lendo; ademais algúns capítulos gustáronme moito, como cando lle compran aquelas cousas que el tanto desexaba.

Tonecho de Rebordechao

Comentario de Alexandra Iacob Estefanía (1º D)

A min gústame este libro porque é divertido e gracioso, aínda que me deu moita pena que morresen os pais e ter que marchar lonxe cos avós. E faime graza que lle gustara a profesora, ao igual que ao seu amigo.

Tonecho de Rebordechao

Comentarios de Beatriz González Fernández

Este libro é moi divertido e interesante para aqueles que lle gusten os contos de aventuras e de misterio, pois este trátase diso. Recoméndovos que vos animedes a lelo.

10/12/07

Rematar para comezar

Recoñezo que me encantan esta nena e o seu ghatiño, con esa paixón pola lectura, e dando na diana:

Tonecho de Rebordechao

Comentario de Rita Domínguez Rodríguez

Tonecho de Rebordechao
Breogán Riveiro
Galaxia



Sen dúbida ningunha, este é un libro ameno e sobre todo divertido. O que máis me gusta del é a naturalidade coa se expresa o autor, a historia é tamén moi realista nalgúns aspectos. Os comentarios da avoa, a forma de falar do avó, o Langrán, e sobre todo as aventuras que vive Tonecho no pobo, servirían paran encher follas e follas.
Para min foi estupendo coñecer este libro e poder coñecer a Tonecho, o único neno de Rebordechao.

08/12/07

Seda

Comentarios de Thalía Troitiño González

Seda
Alessandro Baricco
Rinoceronte



Realmente este libro non me inspirou nada, pero considero que é unha boa lectura para coñecer máis a sociedade desa época e o seu comercio. Neste caso, como o propio título indica, a seda. E é a seda quen fai que o protagonista acuda a Xapón, onde vive unha gran historia de amor, unha historia imposíbel. O lilbro tamén nos amosa outras culturas afastadas e o seu xeito de entender a vida.
Os capítulos son moi curtos, o que fai que a lectura do libro sexa moi doada.

06/12/07

Que me queres, Amor?

Comentarios de José Antonio Rey García

Que me queres, Amor?
Manuel Rivas
Galaxia



Que me queres, Amor?

Gustoume moito este relato xa que amosa que ás veces os ladróns ou outro tipo de delincuentes non pretenden facer mal ningún, senón que en moitas ocasións vense obrigados a roubar, porque doutro xeito morrerían de fame, ou porque son dunha clase marxinal como os drogaditos e non atopan traballo.


A lingua das bolboretas

O final deste relato cabréame porque se ve que a xente actúa en contra dos seus propios sentimentos, por medo ao que lles poida pasar, e hai inxustizas como a de levar preso ao mestre quen o único delito que cometeu foi o de tentar ensinar o mellor que se podía.


Un saxo na néboa

Paréceme incrible como Boal trata á súa muller, coma se fose un animal, dando ordes e facendo cumprilas.


En xeral, recomendo este libro xa que me parece entretido, variado, con dezaseis relatos, e é moi diferente a outros libros. Ao lelo, sentes todo tipo de sentimentos: rabia, anguria, intriga, mágoa...)

Xuntos e máis nada

Lectura e comentarios de Cristina Ares Carballude


Xuntos e máis nada
Anna Gavalda
Galaxia



Acabo de comezar o libro e non sei moi ben con que me vou topar, pero o comezo faime lembrar os silencios de xente humillada que non debería calar.
¿Ganas ou forzas? Esta é unha frase do libro: case sempre dicimos que non temos ganas de algo, pero o que realmente nos faltan son as forzas...
Xulgamos ás persoas pola apariencia e iso é un erro. Outras veces xulgamos polo traballo ou pola posición social. Sempre é un erro. Todos somos iguais, máis feos ou máis guapos, pero iguais.

Veño de rematar o libro con bágoas nos ollos, ao principio non daba expresado os meus sentimentos, non daba atopado as palabras axeitadas para plasmar o que o libro me foi producindo día tras día. Pero agora, co libro rematado, podo dicir que foi un dos mellores libros que lin, é marabilloso, e é incrible como a vida dos catros protagonistas che poden facer sentir tantas emocións: chorei, entristecinme, aledeime, cabreeime...
É un dos libros máis fermosos que lin até o de agora. Gústame como a vida destas catro persoas anónimas van tapando ocos do pasado e esquecendo lembranzas amargas. Catro persoas diferentes sen nada en común que tentan sobrevivir a todos os seus males. Catro persoas xuntas que só se teñen a si mesmas. É suficiente.

Tres segundos de memoria

Reflexións de Andrea Díaz Casal

Tres segundos de memoria
Diego Ameixeiras
Xerais



Este libro chegou ás miñas mans de casualidade, posto que non está incluído na lista que nos entregou a profe. Pero é un libro moi fácil de ler, cheo de anécdotas simpáticas e de vocabulario sinxelo. Relata o día a día dun mozo que representa dalgunha forma a xuventude actual, con estudos, sen traballo e dependendo economicamente dos pais. Non é máis que unha especie de diario, un diario moi entretido.

O inferno de Marta

Comentarios de Laura Carballo Mato

O inferno de Marta
Pasquall Alapont
Xerais




Acabo de comezar o libro e xa teño ganas de lelo enteiro. Por agora non fala de nada estraño, fala dos típicos pais preocupados pola súa filla e o seu benestar. Esta vive lonxe e acaba de pasar o mal trago da separación do mozo. Agora coñece a outro.

"Marta percibiu que sen mudar nada, todo mudara". Esta frase gústame xa qeu expresa que aínda que fora os lugares non cambian, xa nada sería igual.
Odio a actitude deste rapaz protagonista, o xeito de tratala, de humillala. E ela é quen de perdoalo!
"Estaba cega, tiña medo de que a felicidade que tanto lle custara acadar se lle escapase das mans coma a auga dun funil". Con esta frase dime todo: só quere a felicidade por riba de todo. De todo?
É incrible o cegos que podemos estar por amor. Nunca pensei que unha persoa se poida pechar de tal xeito aos consellos dos demais, a acepar o que eles ven e un non quere ver. Marta prefire perder ás súas amigas antes que a quen a maltrata. Pero despois logra entender que non o coñecía.
Por sorte, todo remata ben. Recoméndoo a todo o mundo, xa que reflicte a sociedade de hoxe en día, a situación que viven moitas mulleres. Dáme vergoña, noxo, carraxe... que sucedan estas cousas.

Diario de Ana Frank

Reflexións de Eva García Bibián

Diario de Ana Frank
Kalandraka


16-10-07

Incrible? Quizais é esta a palabra para describir o que lin nestas follas.
Incredulidade? Quizais é esta a palabra para describir o que sentín.

Paréceme incrible que haxa xente á que non lle importe pisotear aos demais. Paréceme incrible como esas familias toman o seu destino, a súa vida nova forzada, invisible; como invisibles son esoutras xentes maltratadas e mortas, humilladas ata seren destrozadas.
Paso as páxinas e sigo a me preguntar, ¿por que? Por que a esta xente? Por que todo este sufrimento?
E non hai resposta.


19-10-07

Inmadura, quizais: pequena, pode ser; infantil, non o creo; simplemente, rapaza.
Como podo dicir o que sinto sen nomeala? Ana. Sería eu tan forte ou tan feble nas súas condicións? Eu creo que é moi valente. Non son quen de maxinarme vivindo así.
E a súa nai... como non vai fallar de cando en vez? Confeso que tamén a comprendo.
Aprendo moito coa lectura deste libro. É un moi bo libro


26-10-07

Abráime a madurez, a sinceridade. As persoas que non teñen reparos en expresar os seus sentimentos son dignas de admiración. Canton non o facemos?


31-10-07

"O amor. Que é o amor? Creo que non pode expresarse con palabras. O amor é comprender unha persoa, querela, compartir con ela felicidade e desgraza. E co tempo tamén forma parte del o amor físico, cando se compartiu, deuse e recibiuse, e non importa se se está casado ou se é para ter un fillo ou non, non ten importancia, ¡o que importa é ter alguén ao teu lado para o resto da vida que te comprende e que non tes que compartir con ninguén!" Estas liñas son para min pura tenrura, parece que ata dá esperanza saber que hai xente que ama sen reparos, que disfruta do amor, en calquera circunstancia.
O que me estraña é que vivindo nesas circunstancias se poida seguir tendo tanta fe, tanta ilusión, tanta esperanza. Dáme ata medo o final, porque cada liña que leo na que existe esa esperanza, temo que ao final non servirá de nada.


29-11-07

Remateino. O libro gustoume, metinme na pel da rapaza e creo que eu nunca sería tan forte. Con el aprendín a que debo interiorizar e analizarme a min mesma, analizar á xente que me rodea. non me sorprende o final, estaba case segura del.
Recoméndollo a todo o mundo, posto que nel non hai fronteiras de idades, ideoloxías..

03/12/07

Que me queres, Amor?

Comentarios de Icíar Rodríguez Nóvoa

Que me queres, Amor?
Manuel Rivas
Galaxia


Algúns dos seus relatos:

.- No primeiro relato, un neno fala da muller que lle gusta, soña moitas veces con ela. O relato remata tristemente, todo por tentar impresionala.
.- Na "Lingua das bolboretas" conta a historia dun neno que quere moito ao seu mestre. Conta o que ocorre por mor da guerra, do comportamento bestial do ser humano no medio da muchedumbre. Eu creo que preferiría que me detiveran con todos os que pensan igual ca min antes de comportarme dese xeito.
.- "Un saxo na néboa" relátanos a vida dun rapaz que toca o saxo e que é contratado por unha orquestra. Namórase dunha moza e soña con ela, tocando de marabilla grazas ao seu influxo.
.- "A leiteita de Vermeer" fala dun neno que se sente impresionado por este cadro. Este relato non me gustou.
.- "Só por aí" é un relato que conta o que pasan uns pais moi preocupados pola ausencia do fillo. ESta historia fai reflexionar sobre a situación actual de moitas casas con fillos rebeldes.
.- "Vostedes serán felices" trata dun doutor e a súa muller que convidan a unha parella británica á súa casa.
.- "Carmiña" era unha muller moi guapa, cun fiel namorada que a ía visitar a cotío.
.- "Conga, Conga": nesta historia o protagonista é un pallaso que ten que ir a unha festa de aniversario dun neno, pero a este parece non agradarlle a súa presenza. En realidade, a min este neno paréceme un maleducado insoportable.
.- "Debuxos animados" trata dunha debuxante que rompe co seu mozo porque os debuxos que fai el son tan bos como os dela, polo que son inimigos comerciais, o que impide a súa relación. Este relato gustoume moito.
.- "A luz da Yoko" fala dun neno enganchado á televisión e do seu pai que tenta axudalo.

Rebeldes

Comentarios de María Agustina González

Rebeldes
Susan Hinton
Alfaguara



Sorprendeume moito este libro xa que non o imaxinaba así.

Empeza falando das bandas xuvenís que hai nas grandes cidades (neste caso Nova Iorque) e que se enfrontan normalmente pola sinxela causa de ser de diferentes clases sociais e por defender o seu suposto territorio.
Falaban das bandas e de como todos se consideraban unha gran familia, aínda que nun principio non o demostraba posto que eran fríos, ruíns, duros... a ningún lle importaba nasda. Pero despois demostrouse o contrario.
Tamén falaba dos problemas que teñen tres irmán ao morrer os seus pais. Como buscaban a súa vida, e como o irmán maior deixa todo para empezar unha nova vida coidando dos seus irmáns. Isto gustoume moito, o feito de seren unha familia unida.
Os demais da banda tiñan a sorte de ter pais... pero unha mala sorte, porque eran pais maltratadores, que non os querían, que desafogaban sobre eles as súas frustracións.
Tamén o libro toca o tema dos marxinados sociais, a xente míraos e trátaos coma se non tivesen sentimentos...
Pero o libro deixa claro por unha serie de circunstancias que as etiquetas non existen, que as persoas son iso, humanas, estean onde estean, sexan quen sexan. Moitos destes mozos dos que fala o libro non querían ser así, non querían estar aí, querían coñecer a felicidade e a tranquilidade. Agora dáme vergoña pensar que moitos de nós así nos comportamos cando vemos a un marxinado, sen lle dar unha oportunidade.
Tamén me chamou a atención o feito de que a Amizade estea presente en todo o libro, como algo moi importante para todo o mundo. Son capaces de dar a vida polos amigos.

Recoñezo que ao principio o libro non me gustaba pero logo encantoume. Por todo o que conta e por todo o que me fixo sentir, case ata as bágoas... Recoméndovolo a tod@s

Chamábase Luís

Comentarios de Adrián Furelos Sampayo

Chamábase Luís
Marina Mayoral
Xerais



Paréceme mal que a ademais de estaren metidos na droga, que a vendan. Hai un primeiro encontro entre os mozos ao principio do libro
Fálannos de diferentes lembranzas e tristura.
É triste ver a Luís así, un personaxe a quen se lle colle cariño. É difícil a situación. Difícil de recoñecer, de analizar. A droga é un problema moi fondo e moi común que deberiamos analizar máis detidamente.