ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

29/04/17

Alma. Un sopro de aire fresco.

Comentario de Marcos Quintana Cuñarro


Alma. Un sopro de aire fresco.
José Lorenzo Tomé
Baía




Este libro custoume lelo un puco, non porque fose difícil de ler, senón polos acontecementos que ían ocorrendo; xa que ían dun en un como se fose a auga que leva un río. 
Nesta historia, Galiza tivo un importante papel para salvar ao pobo xudeu dos campos do exterminio, nesta acción tiveron un importante papel as irmás ribadavienses Touza.

Este libro fala de algo coñecido. Mediante documentais, películas baseadas en feitos reais, aulas... sabemos da historia das guerras. Por iso o libro semella algo coñecido. Pareceume un bo libro para aprender algo máis de cultura e de información acerca destes feitos e recoméndolle este libro a todas esas persoas que estean interesadas neste mundo mergullado da historia.

27/04/17

Made in Galiza

Comentario de Álba Rodríguez Rois

Made in Galiza
Séchu Sende
Galaxia
 
 
Neste libro Séchu Sende é capaz de nun conxunto de corenta pequenos relatos facernos reflexionar sobre a situación da lingua galega. Da man destes relatos van o humor, a ironía e a retranca galega. O escritor cóntanolo de xeito sinxelo e cotiá, por exemplo por que ós meniños pequenos os pais non lles falan en galego, acaso pensan que van obter unha mellor educación en castelán ou van ser máis cultos? Entre o feixe de relatos, un dos que máis recordo e  máis me gustou foi: instrucións para aprender galego.
Este foi un libro que me gustou moito pola súa creatividade e orixinalidade, e sobre todo gustoume a idea da retranca e ironía que Séchu introduciu para poder facer que moitos galegos e galegas pasen un bo tempo lendo este libro. Penso que cada lingua debe ser libre e dende logo a lingua galega non ía ser menos!

26/04/17

O centro do labirinto

Comentario de Alba Rey


O centro do labirinto
Agustín Fernández Paz
Xerais








O centro do labirinto é un libro escrito por Agustín Fernández Paz, que se sitúa no ano 2054. Europa  transformouse nunha sociedade uniforme, onde a variedade de linguas e culturas son só un recordo do pasado. Sara Mettmann, membro da organización que o controla todo dende a sombra, viaxa a Galicia en compañía de David, o seu fillo adolescente, para examinar uns enigmáticos petróglifos. Cando David desaparece misteriosamente, vese arrastrada a unha aventura complexa e fascinante, que acabará por cambiar o destinado da humanidade.
A través dun rapaz moi crible, David, para quen a viaxe supón o descubrimento das súas raíces e a entrada na vida adulta, o autor crea un mundo no que a identidade, a tolerancia e a diferenzas son os rasgos positivos. É unha novela que nos traslada a un futuro para facernos reflexionar sobre o presente.
Direi que é un libro que cando o comecei a ler pareceume moi pesado, pero segundo avanzaba na lectura descubrín todo o contrario, que dende o meu punto de vista o podo considerar como un libro apaixonado e escrito dende a oposición ao pensamento único.

25/04/17

Dragal. A herdanza do dragón

Comentario de Silvia Souto


Dragal. A herdanza do dragón
Elena Gallego Abad
Xerais





Dragal, a herdanza do dragón de Elena Gallego Abad é o primeiro dunha trioloxía de fantasía cuxos protagonistas son dous mozos. Hadrián, un mozo que se ve obrigado a mudar de vila, acabará descubrindo moitos segredos que xiran en torno a el. En cambio, Mónica é unha nova amiga coa que acabará compartindo todo o que sabe de Dragal, un dragón que comezara a falar na súa mente e que, sorprendendo ós rapaces, calaba na misteriosa igrexa de San Pedro.
Cunha maneira pausada de narrar e sendo un libro cheo de descricións, un consegue imaxinarse todo o que acontece incluíndo aqueles momentos incribles. Gustoume moito todo o que acontecía en torno a Dragal, todos os seus misterios e a maxia que o rodeaba. Quizais o que menos que gustou foi como encaixou o tema do bulling con Dragal ao facer que os acosadores  perseguiran ós mozos para saber do tema. 
É un libro recomendable e que espero que vos guste.

24/04/17

Todos teriamos que ser feministas

Comentario de Alba Roqueiro Galego


Todos teriamos que ser feministas
Chimamanda Ngozi Adichie
Sushi Books 



Este libro é unha novela de carácter social autobiográfico no cal a autora narra diferentes situacións cotiáns que lle deron paso a descubrir que é o feminismo en si, cal é a definición.

Vivir en Nixeria, unha cidade africana, é realmente complexo para unha muller que non acepte a cultura tan interiorizada que hai alí. Ben sexa porque están  moi asimilados detalles ou máis ben situacións nas que o home é moi superior á muller fai que á xente lle resulte incómodo falar do feminismo e isto impide a concienciación das persoas sobre o que este implica.
Poñamos por caso cando a autora do libro conta que ó darlle propina a uns limpiadores de coche en lugar de darlle as grazas a ela déronllas ó seu amigo Okoloma que a acompañaba pola falsa crenza de que unha muller necesita economicamente do seu home.

Neste libro aprendín que a base para poder construír unha futura sociedade igualitaria é necesaria unha educación dos nenos e nenas por igual. Na que por exemplo tanto o fillo como a filla saiban poñer o lavalouzas, lavar a roupa, cociñar... en definitiva, non depender de ninguén. O feminismo só é a igualdade de xénero e non implica odiar as saias, os tacóns ou os homes.
Gustoume moito  porque aínda que é curto presenta os conceptos moi claros, sinxelos e algúns decoñecidos para min ata o momento
 

23/04/17

Agosto do 36


Comentario de Alba Rey


 
Agosto do 36
Xosé Fernández Ferreiro
Xerais
 



Neste libro Xosé Fernández Ferreiro trata de volver aos inicios da Guerra Civil cando os falanxistas tratan de limpar España de comunistas. Introducíndose nas situación vividas na época, ademais dos métodos empregados para esa “limpeza”, a obra reflicte un caso concreto dos moitos que neses momentos ocorrían.
 A historia do libro plasma o profundo odio que sente un falanxista, Manuel o Garabís, cara a un mestre, Gregorio o Xirandón, enfrontados os dous en tempos pasados polo amor dunha muller, Sara. A cruel vinganza que leva a cabo Manuel vai máis alá do feito de que o mestre sexa comunista, así a verdadeira razón é o rancor que sente a nivel persoal contra Gregorio. A atrocidade toma forma de persoa no falanxista que se volve capaz de aldraxar, humillar e por último, asasinar a muller da que estivera e aínda está namorado. E, de feito, ela, Sara, unha vítima inocente que paga inxustamente o desbordamento dos sentimentos levados da man polo orgullo e a vinganza que mostra a cara máis despiadada do ser humano.

Pareceume un libro moi cruel, aínda que conte realmente os sucesos desa época, e tamén me pareceu incrible que o amor e o odio se toquen.

22/04/17

Nas montañas da loucura

Comentario de Roberto Agra Buján


Nas montañas da loucura
Lovecraft
Urco



Sendo este o terceiro relato de Lovecraft que leo, debo dicir que este foi o que máis me impresionou, non só pola profundidade da historia, senón tamén polo aire enigmático que envolve toda a novela e que non desaparece, nin sequera ao final desta.

Ao principio o libro non me enganchou moito, non sei se isto é debido a que ao meu entender, o interesante da novela non empeza ata a metade do libro ou se foi porque só fun capaz de ir lendo aos poucos, dúas páxinas un día, outras dúas outro. Iso si, cando rematei os exames e puiden pórme a ler o libro con calma, engancheime e fun capaz de lelo con bastante velocidade.

Aínda que o libro é unha obra mestra do xénero do terror material, non direi que non ten puntos a mellorar, por suposto que os ten, un deles por exemplo é o exceso esaxerado de descripción da cidade onde ocorren a maioría de feitos sobrenaturais, acabei de baixorrelevos, medallóns e portas en arco ata as narices, sempre descrición durante o que a min me pareceu un interminable conxunto de páxinas.

En resumo, Lovecraft volveume sorprender coa mestría que tiña para os relatos de terror e a suprema destreza da que facía gala para englobar todo nun mesmo universo, todas as historias que lin están unidas aos Antigos e ao Necronomicón dunha ou doutra maneira e iso é algo que me fascina profundamente.

21/04/17

A gorida do Verme Branco

Comentario de Roberto Agra Buján


A gorida do Verme Branco
Bram Stoker
Urco



Verdadeiramente é unha mágoa que toda a obra de Bram Stoker estea eclipsada por Drácula. Bram Stoker tamén escribiu outros libros á parte dese e un deles é "A gorida do Verme Branco", un libro de gran calidade e que me atrapou desde o principio.

Neste libro todavía hai certa, digamos, reminiscencia, de "Drácula" pois o personaxe que a min máis me gustou chamado Sir Nathaniel de Salis é unha especie de erudito moi similar a Van Helsing en moitos aspectos.

Centrándome xa no libro en si, debo dicir que é moi bo, toda a narrativa é contada con gran mestría, toda a ambientación é moi atrapante e todos os misterios son, sen dúbida ningunha, enrevesados.

Os personaxes gozan dun carisma pouco habitual, isto consegue que aborrezas aos antagonistas, aos cales vas vendo caer en decandencia conforme o libro avanza, e que adores e lle teñas certo cariño aos protagonistas.

Rematando xa, como conclusión debo dicir que "A gorida do Verme Branco" é un gran libro e que por desgraza non gozou da fama que se merecía por estar eclipsado por "Drácula".

20/04/17

Drácula

Comentario de Roberto Agra Buján


Drácula
Bram Stoker
Xerais


Que podo dicir desta novela de Bram Stoker? Unha vez lido o libro só me queda rendirme á evidencia e explicar que "Drácula" é unha obra mestra, unha novela que estableceu uns piares no xénero do terror que perduran ata os nosos días. Antes de entrar en materia gustaríarme facer unha mención a que "Drácula" tamén se entende como a maior novela erótica victoriana, ao principio tiña os meus receos con respecto a este tema pero logo de rematalo libro, só podo dicir que é absolutamente certo.

Por onde empezar a gabar esta novela? Reloce en todos os aspectos; narrativa, personaxes, ambientación... E o final, que final! Non direi moito sobre el, pero podo asegurar que me fixo conter a respiración ata o último intre, todo podía pasar e a incerteza por non saber como acabaría todo estivo a piques de estresarme ata tal punto que estiven tentado a mirar directamente a última páxina para saber como remataba todo. Por fortuna non o fixen e grazas a iso, levei unha enorme sorpresa.

Os personaxes son, nunha palabra, perfectos. Cada un ten os seus propios puntos fortes e gustoume sobre todo que Drácula non fose un deus, refírome a que Drácula ten os seus propios temores e non é todopoderoso. Os protagonistas teñen os seus propios medos mais aínda así enfróntanse ao medo e traballan conxuntamente por un obxetivo común, acabar con Drácula.

A novela vaise relatando a través dos diarios dos protagonistas e algún que outro recorte de periódico, todo isto ao principio non me acabou de convencer pero acabou por encantarme, grazas a este simple sistema, os enigmas multlipícanse e iso engánchate de maneira máis forte se cabe a seguir coa lectura.

Coido que logo de todo o que escribín, a miña opinión sobre "Drácula" está máis que clara, estamos ante unha obra mestra do terror e que sen dúbida fai que moitas das novelas deste xénero parezan simples relatos cotiáns un pouco inquietantes. Aínda que eu teño certa indiferencia frente ao medo (moitas novelas deste tipo levo xa lidas), "Drácula" fixo que tremese de medo en certos puntos pola impresión que me causaban certos feitos que ocorrían e esta impresión víase incrementada por estar lendo a novela de noite. En resumo, a min "Drácula" encantoume.