ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

13/08/14

Recinto Gris

Comentario de Mariña Castro


Recinto Gris
Ledicia Costas
Xerais





Nunha metáfora do holocausto nazi viven os nosos peculiares personaxes. Todos son persoas diferentes ao resto, distintos dos considerados "normais". Inventores, mendigos, tolos...
Que son retidos e explotados polos lobos nunha misión de "limpeza".

"Non son humanos", repítense constantemente os reclusos. Realmente deben pertencer a outra raza, ser doutra especie, auténticos lobos. Pois como podería un ser humano mostrar esas actitudes propias das peores bestas?

O que máis me conquista da historia son as relacións que teñen os reclusos entre eles, que poida xurdir a amizade nun lugar tan escuro e nunhas condicións tan nefastas.
Hai momentos moi tenros que che chegan, que che deixan un doce sabor de boca entre tanta amargura.
O avó, Nube, o neno lepidóptero, Mun o rapaz albino... Todos teñen algo que os fai diferentes e todos teñen algo que os fai grandes. O valor.
Podes humillalos, explotalos, podes quitarlles a identidade, pero non a esperanza. Coa unión e o desexo de vivir poderán saír deste recinto despótico da intolerancia, da hipocresía, deste recinto gris.


12/08/14

Ámote Leo A. Terminal de... chegadas?

Comentario de Denise Varela


Ámote Leo A. Terminal de... chegadas?
Rosa Aneiros

Xerais






Por fin! Xa chegou ata as miñas mans, o último libro da triloxía de Rosa Aneiros, Ámote Leo A. Terminal de... chegadas? Estaba impaciente por poñerme a lelo!
Nesta aventura, Leo decide facer unha viaxe a América, concretamente a América do sur. Isto foi algo que me decepcionou, non que Leo viaxase ata alá, senón que eu esperaba que visitase a América do Norte.
Aínda asi,  encantantoume o xeito de como transmitiu a estancia nestes países. Fíxoo de tal maneira que parecía nun momento, como se ti algunha vez tamén visitaras estes lares tan remotos, singulares e diferentes á nosa cultura. Realmente incrible.
Hai algo que  non me chamou a atención, e é que  dende un principio sempre sospeitei da persoa que deixaba as pintadas de "ámote Leo A." por todo o mundo, e efectivamente non me equivoquei.  O que si me chamou a atención foi o xeito no que o fixo. Realmente esperábame outra cousa, pero foi curiosa e sorprendente, nisto podo asegurar que Rosa me pillou por sorpresa.
O conxunto dos tres libros encantoume. Aprendín moito de Leo, esta rapaza tan valente que decide facer a viaxe ela soa, con todas as consecuencias. A min gustariame seguir os seus pasos, e viaxar ata estes lugares tan alucinantes.  Quizais o de facelo soa sería o que máis medo me dese, sobre todo viaxando a lugares que descoñezo, e realmente quizais foi o que máis me impresionou desta fantástica triloxía.