ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

31/10/16

Normal, diferente

Comentario de Noa Villar Gallego




Normal, diferente
Kristina Dunker



Dei con este libro por pura casualidade; no medio dunha longa lista de títulos, autores e editoriais, os meus ollos repararon en dúas palabras que chamaron a miña atención: “Normal, diferente”. Pode parecer un título sinxelo ou pouco pensado para un libro, pero algo tiña que me fixo buscar a ficha do libro en Internet. Despois de descubrir un pouco de que ía, decidinme a lelo, e que ben fixen!
Normal, diferente cóntanos unha historia de amor que sae do común, unha historia nada convencional que te encadea ao libro e que non te deixa ata que o rematas. Vera (máis coñecida como Speedy) está namorada de Jan, un rapaz un tanto diferente. Ela faríao todo por chamar a atención do seu amor, pero non é tan doado. Cando unha noite quedan os dous para ir a un concerto, Vera fai un descubrimento que a perturba e lle dá que pensar.
Nesta novela trátanse temas moi interesantes como o rexeitamento social cara á homosexualidade, a comprensión cara a unha persoa que che revela algo do que non se sente moi cómodo falando ou incluso o amor que reside dentro dunha gran amizade. Non pode haber mellor título para a obra, e soamente caes niso unha vez que a les. As palabras “normal” e “diferente” reflicten o xeito no que a sociedade actual ve a un heterosexual fronte a un homosexual e tamén o xeito no que Vera vía a Jan: coma unha persoa normal mentres que os seus compañeiros o vían coma se fora diferente a eles.
Foi unha lectura moi interesante, xa que hoxe por hoxe, costa atopar unha novela que trate o tema do amor dun xeito que non sexa: mozo namórase de moza. Unha obra que fai pensar, que trata un tema fóra do común noutras novelas, que está ben escrita e que ten un bo final. Que máis se lle pode pedir?
 
                                                                                                     
                                                                                                                          

28/10/16

Enderezo descoñecido

Comentario de Iria Lareu Coego



Enderezo descoñecido
Kressman Taylor
Xerais 





Este é un libro que che fai sentir unha inmensa pena e dor ao ver como os seres humanos podemos volvernos tan crueis, amósanos a peor cara do ser humano, e como se pode pasar do amor ao odio dun día para outro.
Tamén nos impulsa para non deixarnos lavar a cabeza por ninguén e que os erros que sucederon no pasado queden aí e non deixemos que se volvan repetir, tamén nos serve para dar máis valor ás amizades verdadeiras.
Por outra parte vese reflectido o machismo da época, xa que se ve como a muller queda nun segundo plano, sen poder ter as súas propias ideoloxías políticas e seguindo o que o seu marido lle ordene sen saber nin sequera o que iso supón, e este acontecemento ponme os pelos de punta, e por iso mesmo lle recomendo este libro a calquera persoa.
 

27/10/16

Marta ante o espello

Comentario de Noa Villar Gallego


Marta ante o espello
Teresa Calo Fontán
Xerais




Marta ante o espello preséntanos un monólogo dunha adolescente duns dezaseis anos que sufriu unha enfermidade tan complexa como é a anorexia. Xa dende que reparas na imaxe e no título que nos amosa a cuberta, comezas a notar a dureza desta lectura. Unha lectura sinxela pero que non deixa de tratar un tema tan complicado e tabú na nosa sociedade como é a anorexia.
O libro conta a vida de Marta, unha adolescente xa morta que recorda os seus últimos meses de vida, antes de morrer a causa de anorexia. Mentres ela vai avanzando no seu monólogo, aparecen personaxes que dialogan con ela, tal coma o seu propio esqueleto ou unha báscula. É un texto que ten certa crueldade posto que en determinados momentos, a enfermidade é tratada de xeito un pouco humorístico. Conta a loita de súa nai para que ela superase a enfermidade, as causas polas que comezou a entrar nese mundo e ata as consecuencias que iso lle trouxo.

Como opinión propia direi que é un bo libro para iniciarse na lectura dos textos teatrais e,  pouco acostumada a ler escritos deste tipo, pareceume interesante e moi sinxelo de ler. Tamén foi un libro que che fai cavilar ao mesmo tempo que o fai a protagonista. En definitiva, unha lectura perfecta para atacar nun día de reflexión.

26/10/16

Enderezo descoñecido

Comentario de Lara Verde Iglesias



Enderezo descoñecido
Kressman Taylor
Xerais




Así definiría eu este libro, un libro que paga a pena, de misivas entre un xudeu e un alemán.
Ademais de interesante, o que máis me chamou a atención foi descubrir que non é o típico libro no que se relatan as barbaridades que cometían os alemáns cos xudeus nos campos de concentración. Fala do sorprendente poder que pode ter unha persoa, neste caso Hitler, nas mentes dunha sociedade, e de como afectou toda esta calvarie ás persoas.
Nesta historia, amósase claramente como se pode partir da amizade ao odio en pouco tempo, dous anos de estadía na Alemaña nazi.

Paréceme inaudito como un só home conseguiu convecer a toda unha nación (ou a gran maioría) de que a solución para alcanzar, un cambio, o avance, a mellora dun país, que fora asolado polas guerras, era a exterminación dos xudeus. Este libro encantoume porque me fixo reflexionar e como xa dixen antes sorprendeume o control que unha persoa exerce sobre a mente dunha sociedade, ansiosa dun cambio.

25/10/16

A Viaxe de Gagarin

Comentario de Silvia Souto Froján


A Viaxe de Gagarin
Agustín Fernández Paz
Xerais



A Viaxe de Gagarín do escritor Agustín Fernández Paz é unha novela ambientada na época de Franco. Nela ,Miguel, cando xa terminara a dictadura, comeza a escribir a súa infancia, pasando por toda clase de recordos. Este libro dá a sensación de querer pasar ó protagonista por todo tipo de situacións: dende que se namora por primeira vez, dende que un profesor a toma con el polas súas ideas ou cando seu pai foxe por un longo período e súa nai pasa dous longos días nos calabozos. Quizais esa parte na que o pai foxe pola ditadura é unha das miñas partes favoritas, aínda que non é agradable, Miguel comeza a ver o mundo tal e como é, e á súa vez, a facerse máis maduro. Tamén é aí cando se desvelan moitos dos segredos que o rodean e que el só sospeitaba.

Non foi un libro que me encantara e penso que a razón foi que apenas tiña unha importante historia detrás de todo. Trata moitos temas pero ningún a fondo, salvo quizais cando se namorou. Gustaríame que houbese varios feitos que me chegaran a sorprender, ou que na súa vida pasase algo que a volvera distinta á dun rapaz normal na época na que vivía. Destacou pola súa fascinación polo espazo, aínda que non tratou moito o tema.  O libro iníciase e termina con dúas datas espaciais moi importantes: primeiro co cosmonauta Gagarin e despois coa chegada do home á lúa para rematar.

24/10/16

Tres pasos polo misterio

Comentario de Noa Villar Gallego



Tres pasos polo misterio
Agustín Fernández Paz
Xerais 




Comecei o libro cunhas espectativas bastante altas, anteriormente xa tiña lido un par de libros de Agustín e parecéranme moi entretidos. En canto a este, teño que dicir que me decepcionou un pouco. O libro conta tres historias diferentes que tratan de temas moi variados, todos eles cun suposto fondo de “misterio”. O primeiro fala dunha maldición agochada durante miles de anos nun monumento megalítico; o segundo conta unha historia de amor adolescente que surxe debaixo dun ceo estrelado e a terceira, do misterio que rodea un faro maldito dende a Guerra Civil.
O argumento das tres historia desenvólvese de forma que eu considero un pouco aburrida, exceptuando quizais a historia do faro. Na miña opinión podería ter sido unha lectura moito máis interesante do que foi xa que me faltou un pouco máis do factor misterio tan característico do escritor. Penso que non está mal de todo pois Fernández Paz mantense (dentro do que cabe) na súa liña pero vindo del, esperaba atoparme con algo moito máis intrigante que me fixera non poder deixar de pensar en que pasará. Desenrolándose o libro nunhas terras como son as galegas, tan cargadas de contos populares, de maxia, de bruxas e curuxas, da Santa Compaña... poderíalle ter sacado moito máis partido a determinados temas.
Como conclusión direi que pese a todo o anteriormente dito, non foi unha lectura extremadamente complicada e recomendaríallo a quen queira comezar a entrar no mundo literario do misterio.