Comentario de Noa Villar Gallego
Normal, diferente
Kristina
Dunker
Dei con este
libro por pura casualidade; no medio dunha longa lista de títulos, autores e
editoriais, os meus ollos repararon en dúas palabras que chamaron a miña
atención: “Normal, diferente”. Pode
parecer un título sinxelo ou pouco pensado para un libro, pero algo tiña que me
fixo buscar a ficha do libro en Internet. Despois de descubrir un pouco de que
ía, decidinme a lelo, e que ben fixen!
Normal, diferente cóntanos unha historia de amor que
sae do común, unha historia nada convencional que te encadea ao libro e que non
te deixa ata que o rematas. Vera (máis coñecida como Speedy) está namorada de
Jan, un rapaz un tanto diferente. Ela faríao todo por chamar a atención do seu
amor, pero non é tan doado. Cando unha noite quedan os dous para ir a un
concerto, Vera fai un descubrimento que a perturba e lle dá que pensar.
Nesta novela
trátanse temas moi interesantes como o rexeitamento social cara á
homosexualidade, a comprensión cara a unha persoa que che revela algo do que non
se sente moi cómodo falando ou incluso o amor que reside dentro dunha gran
amizade. Non pode haber mellor título para a obra, e soamente caes niso unha
vez que a les. As palabras “normal” e “diferente” reflicten o xeito no que a
sociedade actual ve a un heterosexual fronte a un homosexual e tamén o xeito no
que Vera vía a Jan: coma unha persoa normal mentres que os seus compañeiros o
vían coma se fora diferente a eles.
Foi unha
lectura moi interesante, xa que hoxe por hoxe, costa atopar unha novela que
trate o tema do amor dun xeito que non sexa: mozo namórase de moza. Unha obra
que fai pensar, que trata un tema fóra do común noutras novelas, que está ben
escrita e que ten un bo final. Que máis se lle pode pedir?
Sen comentarios
Publicar un comentario