ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

Amosando publicacións coa etiqueta Amizade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Amizade. Amosar todas as publicacións

07/11/21

Reencontro

 Comentario de Guillermo Pérez Fernández


Reencontro
Fred Uhlman
Galaxia

 

Reencontro é a ópera prima de Fred Uhlman, escritor alemán de orixe xudeu, que foi publicada no ano 1971 e que axiña se convertiría nun gran éxito literario.
Esta novela curta xira arredor da amizade que xurde entre dous mozos adolescentes, unha amizade idílica ata que a cruel realidade dunha Alemaña nazi se interpón entre eles.
Hans é un mozo alemán de orixe xudeu que leva exiliado en Nova York trinta anos. Un día recibe unha carta do seu antigo instituto pedíndolle unha axuda económica para levantar un monumento en homenaxe a todos eses alumnos caídos na 2ª Guerra Mundial. Xunto coa carta hai un libro que contén os nomes de todos eles. Esta lista supón para Hans un reencontro con moitos dos seus compañeiros
pero dunha maneira especial, con Konradin que, de entre todos eles, era ao único ao que podía chamar amigo. Á cabeza de Hans viñeron todos os recordos daquel ano compartido con Konradin no instituto. Lembrou o día no que o coñeceu e como quedara embelesado pola súa elegancia e saber estar; como fixera todo o posible para chamar a súa atención e así conseguir que se fixese o seu amigo. Lembraba
tamén as súas conversas mentres paseaban polas rúas de Württemberg, as súas excursións de fin de semana, as visitas á súa casa e como non, todos e cada un dos momentos que acabaran finalmente truncando a súa amizade.
Dende o meu punto de vista, Reencontro é unha novela intimista, escrita nunha linguaxe sinxela que nos transmite un valor moi importante: que a amizade debe estar por enriba da política, da relixión e da clase social . Hans e Konradin fixéronse os mellores amigos aínda que viñan de mundos moi diferentes: Hans era fillo dun médico de orixe xudía e Konradin pertencía a unha das familias aristocráticas máis importantes de Alemaña. A pesar de todo eso, fixéronse inseparables, compartían afeccións e crearon un mundo alleo aos problemas que os rodeaban. Porén, non foron capaces de escapar desa realidade que pouco a pouco os foi envolvendo e que acabou por separalos. A nai de Konradin odiaba aos xudeus e non quería que o seu fillo se relacionara con Hans, por iso o mozo só o convidaba á súa casa cando os seus pais non estaban e diante deles non lle falaba.
Co paso do tempo, Konradin foise deixando influenciar pola súa nai e empezou a sentir admiración por Hitler aínda que as ideas que este defendía ían en contra do seu amigo. Coa chegada do caudillo ao poder, Hans tivo que deixalo todo e marchar para América pero nunca esqueceu a Konradin e agora tamén descubre que o seu amigo nunca lle fallou xa que ao decatarse da barbarie que Hitler estaba
cometendo, púxose en contra del e, aínda que morreu, demostrou o valor da amizade.

09/04/18

O pintor do sombreiro de malvas

Comentario de Alba Gómez Barros
 
O pintor do sombreiro de malvas
Marcos Calveiro
Xerais



Trata sobre un adolescente que ten que pasar unha tempada cunha tía na vila de Auvers. Durante os días de verán coñece a Vicent, un pintor do que se fará inseparable. Ademais coñecerá o amor e algúns misterios sobre o seu pasado e enfrontarase á morte, que o obriga a tomar unha decisión sobre o futuro que lle agarda.
É importante resaltar que dende un primeiro momento estiven na pel dos personaxes e gocei coa lectura. O que máis me chamou a atención foi a vida do mozo que a pesar de ter 16 anos, tense que enfrontar a moitas dificultades e tamén á morte.
Este libro tamén destaca pola relación entre o mozo e o pintor, xa que as súas confidencias tivéronme entretida ata o final.
Pareceume impactante, xa que na primeira páxina comeza cunha frase que me chamou moito a atención (“Non esquezamos que as pequenas emocións son os grandes capitáns das nosas vidas”)
En conclusión este libro gustoume moito, resultoume entretido e pareceume moi boa a forma que utiliza o autor para contar esta historia. Recoméndoo a calquera persoa xa que estou segura de que lles gustará.
 

27/02/18

Nubes de evolución

Comentario de Adriana Pampín


Nubes de evolución
Andrea Maceiras
Xerais



Este libro encantoume, pareceume unha historia preciosa, aínda que a base parece ser a soidade, o fracaso, o frío e a tristeza, resulta en amor, complicidade, amizade, recordos e sobre todo felicidade e soños cumplidos, todo grazas a unha simple frase: “When will those clouds all dissapear?”

A autora mostra como os tres personaxes (unha nai solteira que traballa como limpadora, un adolescente con problemas familiares e amorosos, e un vello profesor de instituto que non asume a morte da súa muller) van establecendo entre eles unha relación, a base de silencios e pequenas conversas, vanse desprendendo de fríos, de tristuras, de odios e de amarguras e asumirán o reto de recobrar as súas vidas. O final pareceume moi bonito aínda que un pouco feliz de máis, polo que non resulta moi creíble. Tamén me gustou moito o xogo das dúas Ánxelas. O meu personaxe favorito é Amanda pola súa gran capacidade de mellora ao longo da novela. O personaxe que menos me gustou foi Luís, pola súa amargura e desdén pola vida, os seus anacos de historia foron os que me resultaron menos entretidos.

En conclusión, pareceume unha historia moi bonita, que non é a típica que estou acostumada a ler e gustoume moito. Recomendaríalla ler a todas as persoas para demostrar que con traballo e ilusión todo será máis fácil de conseguir.

26/02/18

O inferno de Marta

Comentario de Sara Granja Sanmartín


O inferno de Marta
Pasqual Alapont
Xerais
 
 
Este é un deses libros que todos deberíamos ler polo menos unha vez na vida.
O inferno de Marta conta a relación entre Marta e Héctor desde que se coñecen ata a súa vida diaria vivindo xuntos.
As primeiras páxinas xa deixan moi claro que este libro falará do avance dunha relación de maltrato, pero tamén trata temas como a amizade, a confianza e o medo en xeral.
Por último, o libro tamén conta cunha parte na que, no lugar de contar a historia, fálase directamente ao lector ofrecendo consellos sobre como detectar ou rematar unha relación tóxica.
Nunha época na que a violencia de xénero é algo que se da a diario este é un libro moi importante para concienciar a xoves e adultos.
 

06/03/17

Nubes de evolución

Comentario de Laura Nóvoa Fraiz


Nubes de evolución
Andrea Maceiras
Xerais
 
 
Nubes de evolución é unha novela de tipo social e en certa parte tamén de amor.
Este libro cóntanos tres historias:  a dunha nai solteira que traballa de limpadora na estación de autobuses, a dun rapaz que lamenta a ruptura coa súa moza e a separación dos seus pais, e a dun vello profesor que ten que agardar todos os días polo seu autobús. As tres acábanse convertendo nunha, grazas ao frío da estación.

Este libro gustoume moito, porque as tres historias fixeron que reflexionara; a cantidade de nais novas que teñen que traballar todo o día para manter os seus fillos porque están soas; ou rapaces que sofren os divorcios dos seus pais. 
Aínda que é o típico final feliz gustoume como tres persoas que se vían case todos os días se coñeceran por unha simple sensación, o frío, acabasen tan unidos. Unha das cousas que máis me chamou a atención foi a frase “ ¿ Cando desaparecerán todas as nubes? “ 

Recomendo lelo, xa que me gustou moito.

28/02/17

A neta do señor Linh

Comentario de Noa Presas González


A neta do señor Linh
Philippe Claudel
Rinoceronte
  


Esta historia revélanos unha serie de sentimentos e circunstancias asociados coa perda, coa perda do  fogar, das novas sensacións ao chegar ao un novo destino, tan alleo ao lugar onde viviu sempre, como nos numerosos recordos que o asolan da terra onde naceu e na que foi feliz ata que a guerra destruiu toda esa felicidade acabando con todos os seus seres queridos excepto esa pequena neta coa que unha vez, perdido todo, decide marchar moi lonxe, para darlle unha nova oportunidade na vida.

Tamén nos ensina que a amizade é pura e xenerosa, cando coñece ao señor Bark, cuxa muller falecera recentemente, un afecto espontáneo xorde entre estos dous, que aínda que falan diferentes linguas unha expresión ou unha intención transmite máis que unha hora de charla.

Ambos encóntranse regularmente nun banco do parque ata que, unha mañá, os servizos sociais conducen ao señor Linh a un hospicio que non está autorizado a abandonar. Este consegue escapar e toparse co seu amigo Bark, pero desafortunadamente atropéllano coa súa neta nos brazos, e é entón aquí  cando chegamos a unha revelación ao sorprendente final, onde o autor nos di que a neta é unha boneca. Esta nena tan silenciosa que nunca chora, esas miradas na xente, a negativa do médico a atendela… Pero soamente Bark síguelle o xogo dende o proncipio, xa que entendeu que o seu amigo Linh tiña unha razón moi poderosa para facer o que fai.
Esa razón é a dor do avó, e tal o desgarramento que, en nese preciso momento onde ve ao seu fillo esnaquizado pola malicia da guerra, para poder sobrevivir e aferrarse a algo que dea sentido a súa vida colle a boneca e convértea en neta.

Para min esta foi sen dúbida unha das novelas máis conmovedoras que lin, e onde apreciamos que ás veces é preciso mentirse a un mesmo para esconder a dor, onde a amizade xoga un papel clave e onde a se aprecia que a terra onde un, o seu berce lévase de por vida no corazón.

12/02/17

A neta do señor Linh

Comentario de Noa Villar Gallego


A neta do señor Linh
Philippe Claudel
Rinoceronte
  

Quen dixo que para poder escribir unha boa novela era preciso ser moi rebuscado nos recursos lingüísticos? Ou que había que buscar unha gran cantidade de palabras complicadas para poder presumir de culto? Ou que facía falta utilizar trinta mil adxectivos cada vez que quixeramos explicar como era algo? Pois nada máis lonxe da realidade, e iso é o que nos demostra esta novela.
 O señor Linh viaxa na popa dun barco mirando cara ao horizonte, deixando atrás o país que o vira nacer. Un país que quedou asolagado por culpa da guerra, un país no cal só queda pena e desgraza, un país que el levará sempre no corazón. Consigo, soamente leva unha pequena maleta con algo de roupa, unha fotografía, un saquiño con un pouco de terra e, o máis importante,  acompáñao a súa neta, a pequena Sang Diu. É por ela que decide subirse a ese barco, precisa marchar para que a súa queridísima neta poida medrar e ter unha boa vida. Tras semanas de viaxe no barco, o señor Linh chega a unha cidade na que non coñece a ninguén, nin tampouco a lingua; unha cidade na cal vai moito frío e a cal non cheira a nada. Unha cidade na cal coñece a Bark, un home solitario co que establece unha amizade fóra do común, unha amizade rara pero tamén esperanzadora e necesaria.
Esta novela é unha desas lecturas que, unha vez rematada, non deixa indiferente a ninguén. Unha novela que nos mostra a mirada amable, limpa e bondadosa dun home que ten que pasar moitas adversidades. Unha novela chea de pequenos detalles que a fan moito máis especial. Unha novela que nos mostra a realidade tal como é, sen adornos. Unha novela entrañable que transmite tenrura en cada páxina. Unha novela intensa, cun final moi difícil de esquecer e que recomendo ao cen por cen.