ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

07/11/21

Reencontro

 Comentario de Guillermo Pérez Fernández


Reencontro
Fred Uhlman
Galaxia

 

Reencontro é a ópera prima de Fred Uhlman, escritor alemán de orixe xudeu, que foi publicada no ano 1971 e que axiña se convertiría nun gran éxito literario.
Esta novela curta xira arredor da amizade que xurde entre dous mozos adolescentes, unha amizade idílica ata que a cruel realidade dunha Alemaña nazi se interpón entre eles.
Hans é un mozo alemán de orixe xudeu que leva exiliado en Nova York trinta anos. Un día recibe unha carta do seu antigo instituto pedíndolle unha axuda económica para levantar un monumento en homenaxe a todos eses alumnos caídos na 2ª Guerra Mundial. Xunto coa carta hai un libro que contén os nomes de todos eles. Esta lista supón para Hans un reencontro con moitos dos seus compañeiros
pero dunha maneira especial, con Konradin que, de entre todos eles, era ao único ao que podía chamar amigo. Á cabeza de Hans viñeron todos os recordos daquel ano compartido con Konradin no instituto. Lembrou o día no que o coñeceu e como quedara embelesado pola súa elegancia e saber estar; como fixera todo o posible para chamar a súa atención e así conseguir que se fixese o seu amigo. Lembraba
tamén as súas conversas mentres paseaban polas rúas de Württemberg, as súas excursións de fin de semana, as visitas á súa casa e como non, todos e cada un dos momentos que acabaran finalmente truncando a súa amizade.
Dende o meu punto de vista, Reencontro é unha novela intimista, escrita nunha linguaxe sinxela que nos transmite un valor moi importante: que a amizade debe estar por enriba da política, da relixión e da clase social . Hans e Konradin fixéronse os mellores amigos aínda que viñan de mundos moi diferentes: Hans era fillo dun médico de orixe xudía e Konradin pertencía a unha das familias aristocráticas máis importantes de Alemaña. A pesar de todo eso, fixéronse inseparables, compartían afeccións e crearon un mundo alleo aos problemas que os rodeaban. Porén, non foron capaces de escapar desa realidade que pouco a pouco os foi envolvendo e que acabou por separalos. A nai de Konradin odiaba aos xudeus e non quería que o seu fillo se relacionara con Hans, por iso o mozo só o convidaba á súa casa cando os seus pais non estaban e diante deles non lle falaba.
Co paso do tempo, Konradin foise deixando influenciar pola súa nai e empezou a sentir admiración por Hitler aínda que as ideas que este defendía ían en contra do seu amigo. Coa chegada do caudillo ao poder, Hans tivo que deixalo todo e marchar para América pero nunca esqueceu a Konradin e agora tamén descubre que o seu amigo nunca lle fallou xa que ao decatarse da barbarie que Hitler estaba
cometendo, púxose en contra del e, aínda que morreu, demostrou o valor da amizade.

Sen comentarios