ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

31/03/08

O señor Ibrahim e as flores do Corán

Comentario de Laura Carballo

O señor Ibrahim e as flores do Corán
Éric-Emmanuel Schmitt
Faktoría K

É un libro fermoso e triste. Está contado por un rapaz que sofre moitas desgrazas. Desde que nace ata que tan a sorte de ser "adoptado" por Ibrahim, e aínda así, cando parecía que lle chegara a felicidade, esta desparece de súpeto, inxustamente.
Recomendo ler este libro, aínda que sexa tan triste. Nun principio non me resultaba moi interesante pero despois a medida que ía lendo ía gustándome máis e máis.

Así nacen as baleas

Comentario de Laura Carballo

Así nacen as baleas
Anxos Sumais
Galaxia


Este libro pareceume moi bonito e entretido, aínda que ao principio é bastante complexo e difícil de comprender, ata o final, que se van aclarando as cousas.
A historia xira en torno a un protagonista e mestura os tempos, presente e pasado, lembranzas, feitos vividos...
O personaxe que máis me gustou foi Ramón, xa que é divertido e emotivo, e converteuse para min no personaxe central do libro. Ademais, é quen lle dá título ao libro. Este é como unha especie de confesor das penas da protagonista en todo momento, aínda na súa ausencia definitiva.

O neno do pixama a raias


Comentario de Laura Carballo


O neno do pixama a raias
Jhon Boyne

Faktoría K

Non me gustou moito o libro porque me pareceu moi triste. É bonito porque é moi inocente, aínda que non me pareceu xusta a actitude dos pais e o seu silencio ante todo o que pasaba arredor.

30/03/08

A miña planta de laranxa lima

Comentario de Noelia Souto

A miña planta de laranxa lima
José Mauro de Vasconcelos
Primerapersona



Este libro é perfecto para todas aquelas persoas ás que lle gustan as historias reais. Para o meu gusto é un libro precioso, cargado de verbas e de relatos que che encollen o corazón. É moi triste, pero lamentablemente a historia que conta puido ser totalmente real.
A primeira parte non me entusiasmou demasiado e non me enganchou como eu pensaba que o faría; pero na sengunda parte foi demasiado, impresionoume moito como describe todo, cando falaba da brutalidade das malleiras doíanme a min, e cando reflicte a súa amizade é moi gratificante, aínda que non me esperaba o final, non contaba con que acabase tan tristemente. Pero cando lin a última páxina sentín como un alivio e quedei moi contenta de habelo lido.

29/03/08

As aventuras de Sherlock Holmes


Comentario de Marcos González

As aventuras de Sherlock Holmes
Conan Doyle
Galaxia


Este libro conta varios casos que resolve Holmes. No primeiro hai unha loita de "mente contra mente" na que non sabería dicir quen foi o gañador. É a primeira vez que leo que Holmes remata enganado.
Outro personaxes, Lestrade, paréceme un chulo, pensa que sabe todo, descreditando ao resto da xente, cando moitas veces non ten razón.
Hai casos que me gustan máis ca outros. Nalgún non me gusta o xeito de rematalos, parece que o autor tivese présa, noutros o corazón latexaba a toda marcha por saber o resultado final, outros son totalmente incribles, outros decepcionánme algo.
En xeral, o libro gustoume moito, é coma ler varios libros de Holmes nun.

26/03/08

Asasinato de Roger Ackroyd

Comentario de Thalía Troitiño González

Asasinato de Roger Ackroyd
Agatha Christie

Galaxia

Gustoume moito este libro. Amosa un misterioso final incapaz de maxinar ata case o remate. É tan sorprendente o final que maxinarías calquera menos ese. Para min resultou moi novidoso este final.
A historia representa un misterioso crime, un crime dunha persoa de gran prestixio. No misterio que hai arredor da súa morte vese implicada un gran número de persoas, e será Poirot o encargado de resolver e aclarar todo o misterio. A súa capacidade é envexada por todo o corpo de policías.

Recomendo este libro pois é un misterio que paga a pena ler. Se o empezades, non logrades deixalo ata o final. Garantido. Por suposto, se vos gustan este tipo de libros.

Un estudio en escarlata

Comentario de Thalía Troitiño González

Un estudio en escarlata
Sir Arthur Conan Doyle
Galaxia



Pareceume un libro moi interesante e apaixonado. Teño que admitir que ao principio non me atraía moito, parecía un simple libro de misterio, pero segundo lía íame atraendo máis e encandilábame cara a unha gran aventura.
Unha cousa que me sorprendeu foi o xeito que tivo o autor de estruturar o libro. Empezando pola presentación e resolución do crime e rematando pola causa dese fatal desenlace.
Recoméndoo porque é un libro sorprendente que che axuda a maxinar que es un detective e a meterte na historia ata parecer o propio protagonista.
Gustoume a apaixonante historia de amor que se viu frustrada polo destino cruel dunhas simples crenzas, crenzas absurdas e inhumanas que contrariaban o dereito da muller.

A pensión Eva

Comentario de Iciar Rodríguez Nóvoa

A pensión Eva
Andrea Camilleri
Galaxia



Este libro, a verdade, pareceume algo raro. Pouco sentín ao lelo. Porque ata as últimas vinte páxinas só fala do que se lle pasa pola cabeza ao protagonista e á xente da pensión. Ao final do libro sentín ledicia por que a vida do protagonista non cambiara a pesares da guerra, e por que a súa familia e a súa casa seguía intacta. Pero sorprendeume o final respecto á pensión.
Non me gustou moito porque conta algunhas "porcalladas", e non é coma outros libros que lerías moitas veces.

Made in Galiza

Comentario de EnmaVázquez Rivas


Made in Galiza
Sechu Sende

Galaxia


Por que os galegos falamos castelán ante xente máis prestixiosa? Para acadar a súa situación social? Lendo este libro xurdíronme miles de preguntas coma estas, preguntas que aínda andan na procura da súa resposta.
En si o libro gustoume porque fai unha crítica da realidade do galego en Galiza. É moi faciliño de ler con capítulos/historias curtos, aínda que hai algunhas raras.

25/03/08

Crime e castigo

Comentario de Hadriana Rey García

Crime e castigo
Galaxia



"O que máis teme a xente: dar un paso novo..." Chamáronme a atención estas palabras do protagonista: todos temos medo ás novidades, a meter a pata nalgo que nunca antes fixeramos.
A historia da vida do protagonista é moi triste; fala sobre os malos tratos, e estes nunca teñen explicación. Como non ten explicación golpear aos animais.
O xeito como está contado o crime é incrible, mentres estaba a ler mesmo me parecía que estaba a ver todo cos meus propios ollos: a machada, o sangue...
Todos temos algo especial, un agasallo como ningún outro: a vida. E no libro tamén se menciona isto. Isto fai reflexionar ao protagonista. Así mesmo reflexiona sobre os remordementos e a conciencia, esta é o peor castigo para un asasino, porque non o deixa vivir en paz.

O libro gustoume moito. E iso que a profe tiña medo porque a súa estética é completamente diferente á actual.

Ollos de auga

Comentario de Carla Gómez Ferradás




Ollos de Auga
Domingo Villar

Galaxia



Pois é un libro moi interesante. A verdade é que nunca pensei que se podía asasinar a unha persoa dun xeito tan cruel e menos tan asqueroroso e doloroso. Pero aínda maxinaba menos quen era o asasino.

É un libro que se le moi rápido porque engancha moito, pero gustaríame que tivese outro final. De todos os xeitos, recoméndoo encarecidamente.

Pano. O derradeiro caso de Poirot

Comentario de Carla Gómez Ferradás


Pano. O derradeiro caso de Poirot
Christie, Agatha
Galaxia

Encantoume este libro. É impresionante.
Parecíame imposible adiviñar moitos casos antes de acabar de lelos. É difícil chegar a unha conclusión cando se expoñen os casos. O que máis me sorprendeu foi a gran mentira de Poirot. Pensei que non era quen de mentir, nos outros libros que lin nos que el aparece vese un Poirot sincero que só se preocupa polo caso que está a investigar, pero aquí el preocúpase pola súa mentira e por tentar que o asasino non mate máis xente inocente.
Foi un libro marabilloso.

O señor Ibrahim e as flores do Corán

Comentario de Hadriana Rey García



O señor Ibrahim e as flores do Corán


Faktoría K



Gustoume moito este libro porque é moi fácil de ler e conta unha historia moi bonita: a amizade entre dúas persoas. É un libro triste, polos momentos que pasa o protagonista, pero paga a pena lelo

Seda

Comentario de Andrea Díaz Casal


Seda

Alessandro Baricco

Rinoceronte



Encantoume! Encantoume o libro! Tanto por como escribe o autor como pola historia que conta. Dos libros que lin ata agora este foi o que máis me gustou, emocionoume o final e sorprendeume moito. Encantáronme as descricións e todo e a organización do capítulo.

Recoméndoo porque ademais lese deseguida.

20/03/08

Asústate, Merche!

Comentarios de Iciar Rodriguez


Asústate, Merche!
Fina Casalderrey
Xerais




A historia cóntanos un montón de cambios que experimenta a vida de Auria.
Sobre todo o cambio que ten ela na súa opinión respecto aos rapaces. Ela non quería saber nada de ningún, porque seu pai abandonou á sua nai cando estaba embarazada dela.
Auria vai de excursión e ali coñece a Paio, acábase namorando del. É moi bonita a súa historia. Encantoume que se namoren en Paris, ademais foron por todos os sitios que fumos nós na nosa excursión hai pouco, foi precioso.
Pero Auria entéirase dalgo terrible, o seu pai máis o de Paio, son o mesmo! é dicir, que son irmáns! Esto destrózaa e decide non ver máis a Paio. Pasan dous meses realmente dolorosos, ata que un día deciden quedar para aclarar todo, porque Paio non tiña nin idea do motivo que fixera que Auria non lle falara máis. Paio explicoulle que ese non era seu verdadeiro pai, e de novo a vida de Auria deu un deses xiros de 360 grados que tantas veces dera, e salvouna da morte.
Ao redor desta historia hai moitas máis, pero esta foi a que máis me gustou, foi un libro moi bonito, por moito que ti dixeras que era de nenos pequenos...
Pois eso, que me encantou, foi precioso todo.

19/03/08

A pista de area


Comentario de Marcos González Fernández


A pista de area
Andrea Camilleri
Galaxia


Desde o principio pensei que o libro ía resultar interesante, ademais de fácil de ler. Estrañoume moito o feito de introducir soños do protagonista e o realimos destes, son como relatos verídicos na novela.
Encántame ese ton humorístico que lle pon o autor, resultoume moi divertido. En canto ao caso, quedei moi sorprendido por como se descobre e as voltas que dá; tamén me gustaron as "trampas" que lle tendían a algúns personaxes para sacar información.

05/03/08

Así nacen as baleas

Comentarios de Icíar Rodríguez Nóvoa

Así nacen as baleas
Anxos Sumais
Galaxia


Este libro é moi distinto a todos os que lin ata agora. Ao principio costoume entendelo pero a medida que fun encaixando todo encantoume.

A historia cóntaa unha rapaza duns 25 anos, que ten que irse do seu actual fogar, México, para volver a Galicia a visitar á súa nai, coa que nunca tivo boa relación e que está moi enferma.

A rapaza ten unha historia totalmente triste. O seu pai abandonouna a ela e á súa familia cando aínda non nacera, e nunca o coñeceu. A súa nai nunca a tratou con cariño. Pero tiña ao seu irmán, Ramón, que sempre xogaba con ela e a facía rir.

Ramón nacera morto, pero por sorte espertara. Tiña dezaseis anos pero por problemas no parto nacera retrasado mentalmente. Os seus tíos desprezábano por eso, pero a súa nai e mais a súa irmá queríano inmensamente. Aínda que tiña aspecto de mangallón e fose un neno grande tiña un corazón tan grande coma o de unha balea.

A nai da protagonista estaba moi triste pola ausencia do seu marido, e á vez moi enfadada, e pagábaas sempre coa sua filla, á que nunca lle mostraba aprecio.

O que máis me sorprendeu do libro foi que a nai mantiña relacións co seu fillo, Ramón.

Ramón sempre estaba alegre, a súa irmá e a súa nai para el érano todo. Ata que un día que Ramón e a súa irmá estaban xogando na piscina dos seus tíos, Ramón, intentando imitar como nacían as baleas para que a súa irmá rira un pouco, deu un golpe contra as baldosas do fondo e morreu. Foi un golpe moi duro para a súa irmá e mais a súa nai. Dende ese día distanciáronse cada vez máis. Ata que a rapaza marchou da casa a cambio de 3000 euros ao mes, a petición da súa nai.

Volvendo ao presente, a historia narra as cousas que ve a nena, que xa non é unha nena, e que tanto cambiaron, e a pesar dos anos que pasaron, ela aínda segue recordando ao seu irmán Ramón, protexéndoa en todo momento e facéndoa rir, aínda que agora xa non estea.

A pensión Eva


Comentario de Adrián Furelos Sampayo

A pensión Eva
Andrea Camilleri
Galaxia



É unha novela tenra que non evita certa crueldade e que engaiola polos personaxes, nos que a aparente tolería agocha en realidade unha inmensa verdade. Amor e amizade en tempos de guerra e descubrimento do sexo.
Gustoume

O neno do pixama a raias

Comentarios de José Antonio Rey García

O neno do pixama a raias
Jhon Boyne

Faktoría K


Ao ler este libro decateime do que poden chegar a sufrir algunhas persoas e tamén do egoístas que podemos chegar a ser.
Gustoume o xeito no que o neno narra os feitos, ese xeito tan inxenuo e imprevisible onde es ti o que se ten que dar de conta da metade do que ocorre.
O final sen dúbida foi o que me pareceu máis especial.
Encantoume

Silencio no corazón

Comentario de Laura Carballo Mato

Silencio no corazón
Jaume Cela

Galaxia


Cando o comecei a ler xa me gustou, intrigoume o feito de falaren dunha guerra sen saber cal, e produciume até medo que as vidas dos protagonistas perigaran. Tamén me fixo reflexionar sobre o valor da amizade, saber que hai unha persoa que nunca che fallará. Entre eles anímanse a seguir adiante a pesares de todo o que ocorre ao seu arredor. Tamén fala do paso do tempo, da madurez, como esta cambia ás persoas, como esta parece que é un fracaso da propia vida.
A guerra apodérase dos ruídos: reina o silencio. Que tristes e crueis son as guerras!: ata hai silencio nos corazóns, como afirma o propio título do libro. O libro remata cos dous amigos xuntos agarrados da man e vendo a lúa.
É un libro fermoso aínda que moi triste. Eu creo que nas guerras non hai vencedores nin vencidos, xa que todos acaban perdendo.
O libro deixa un bo sabor de boca porque para min o tema principal é a amizade.

O inferno de Marta


Comentario de María Agustina González


O inferno de Marta
Pasquall Alapont
Xerais



Síntome moi mal ao ler este libro. Lembro a cantidade de mulleres que só no que levamos de ano foron asasinadas polas súas parellas. Menos mal que a nosa protagonista puido salvarse...
O libro gustoume, porque pouco a pouco un métese na pel do protagonista, ou máis ben polo inferno de vida que lle acontece. Recoméndovos a súa lectura.

04/03/08

O neno do pixama a raias

Comentario de María Agustina González

O neno do pixama a raias
Jhon Boyne
Faktoría K


Este libro non me convenceu moito. Non sentes tanto as cousas coma con outros libros. Sintes rabia, pena, dor... pensas que como o ser humano pode ser tan anormal.
Non entendo como o neno non sabía nada de nada estudando historia. Pero coa súa propia desgraza a familia soubo o que era a dor e a perda dun ser querido, ahegándose ao sufrimento dos xuedeus.

Gustaríame ter experimentado outras sensacións non tan malas comas estas, pero aínda así aconséllolle o libro a todo o mundo, sobre todo para darvos conta da clase de animais que os seres humanos podemos chegar a ser.

O neno do pixama a raias

Comentario de Susana Cumbraos

O neno do pixama a raias
Jhon Boyne
Faktoría K


Desde logo, o título nunca pensei que se relacionaría así coa historia, pois maxinaba todo o contrario ao que narra a historia. Encantoume! En cada páxina, cada momento que se relataba parecíame especial, e mergullábame nel coma se eu fose Bruno, coma se todo o que se conta se situara ao meu arredor.
O final impactoume, aínda que para min foi tan marabilloso como cada suceso acontecido.
Había tempo que non lía un libro así, real pero especial. Este é un dos mellores libros que levo lido.

Asasinato no Orient Express

Comentarios de Marcos González Fernández

Asasinato no Oriente Express
Agatha Chistie
Galaxia



O libro ao comezalo xa me pareceu interesante. É moi entretido, lese bastante ben e os acontecementos atrapan ao lector; gústame sobre todo porque o que sabe o protagonista, Poirot, o lector tamén o sabe, e está ao tanto do que ocorre ao seu arredor e dos sentimentos do detective. Cando ía polo medio tiña as miñas sospeitas de quen era o asasino. Creo que neste libro o lector disfruta máis da historia ca noutros libros onde o protagonista sempre sabe moitas máis cousas có lector.
Todos teñen que ver co caso, e é dicir averiguar quen é o asasino. O final é abraiante.
Gustoume moitísimo, recoméndollelo a todo o mundo porque é moi orixinal e entretido. Resólvese dun xeito moi orixinal.

O neno do pixama a raias

Comentario de Thalía Troitiño González

O neno do pixama a raias
Jhon Boyne
Faktoría K


Este libro móstrame a historia dun rapaz chamado Bruno que vive canda a segunda guerra mundial, fillo dun comandante nazi. Vive en Berlín baixo norma estritas ata que un día marchan a vivir a outro lugar, unha casa moi diferente. Alí coñece a un amigo co que só pode falar.
El non se decata da situación que se está a vivir porque é moi pequeno, e faise moitas preguntas sen resposta.
Este libro pareceume moi bonito e expresivo. Sen estar escrito do lado dos xudeus, como normalmente ocorre, axuda a comprender que non todas as persoas son iguais. Demostra ademais que a amizade non ten barreiras que non se poidas sobrepasar. Se o neno tivese máis anos non sería posíbel o desenvolvemento do libro.
É impresionante a crueldade humana antes diferentes opinións. Espero que cousas coma estas non volvan suceder. Todos temos dereitos a expresarnos, a comunicarnos e ante todo temos dereito á vida.
Recomendo este libro porque vai gustar seguro.

Made in Galiza


Comentario de Luis Segade Penela

Made in Galiza
Sechu Sende
Galaxia


A min o libro gustoume moito. Encontro gracioso algúns dos seus relatos e pareceume un traballo moi ben elaborado

O neno do pixama a raias

Comentario de Andrea Díaz Casal


O neno do pixama a raias
Jhon Boyne
Faktoría K



Cando comecei a ler o libro non me chamaba moito a atención a historia, parecíame unha máis; pero cando o protagonista, Bruno, o pequeno neno de oito anos descubriu ao seu novo amigo comezoume a interesar a historia. Gústame moito a forma na que se describe todo, o ambiente, os sentimentos, as persoas... o punto de vista dun neno, a súa inocencia á hora de falar descubrindo pequenos segredos aínda sen sabelo. Gústame o feito de que non se dean todos os detalles, gústame non saber que ocorreu realmente co criado... polas posibilidades que se abren.
En fin, encantoume!