ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

Amosando publicacións coa etiqueta Rinoceronte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rinoceronte. Amosar todas as publicacións

28/02/17

A neta do señor Linh

Comentario de Noa Presas González


A neta do señor Linh
Philippe Claudel
Rinoceronte
  


Esta historia revélanos unha serie de sentimentos e circunstancias asociados coa perda, coa perda do  fogar, das novas sensacións ao chegar ao un novo destino, tan alleo ao lugar onde viviu sempre, como nos numerosos recordos que o asolan da terra onde naceu e na que foi feliz ata que a guerra destruiu toda esa felicidade acabando con todos os seus seres queridos excepto esa pequena neta coa que unha vez, perdido todo, decide marchar moi lonxe, para darlle unha nova oportunidade na vida.

Tamén nos ensina que a amizade é pura e xenerosa, cando coñece ao señor Bark, cuxa muller falecera recentemente, un afecto espontáneo xorde entre estos dous, que aínda que falan diferentes linguas unha expresión ou unha intención transmite máis que unha hora de charla.

Ambos encóntranse regularmente nun banco do parque ata que, unha mañá, os servizos sociais conducen ao señor Linh a un hospicio que non está autorizado a abandonar. Este consegue escapar e toparse co seu amigo Bark, pero desafortunadamente atropéllano coa súa neta nos brazos, e é entón aquí  cando chegamos a unha revelación ao sorprendente final, onde o autor nos di que a neta é unha boneca. Esta nena tan silenciosa que nunca chora, esas miradas na xente, a negativa do médico a atendela… Pero soamente Bark síguelle o xogo dende o proncipio, xa que entendeu que o seu amigo Linh tiña unha razón moi poderosa para facer o que fai.
Esa razón é a dor do avó, e tal o desgarramento que, en nese preciso momento onde ve ao seu fillo esnaquizado pola malicia da guerra, para poder sobrevivir e aferrarse a algo que dea sentido a súa vida colle a boneca e convértea en neta.

Para min esta foi sen dúbida unha das novelas máis conmovedoras que lin, e onde apreciamos que ás veces é preciso mentirse a un mesmo para esconder a dor, onde a amizade xoga un papel clave e onde a se aprecia que a terra onde un, o seu berce lévase de por vida no corazón.

12/02/17

A neta do señor Linh

Comentario de Noa Villar Gallego


A neta do señor Linh
Philippe Claudel
Rinoceronte
  

Quen dixo que para poder escribir unha boa novela era preciso ser moi rebuscado nos recursos lingüísticos? Ou que había que buscar unha gran cantidade de palabras complicadas para poder presumir de culto? Ou que facía falta utilizar trinta mil adxectivos cada vez que quixeramos explicar como era algo? Pois nada máis lonxe da realidade, e iso é o que nos demostra esta novela.
 O señor Linh viaxa na popa dun barco mirando cara ao horizonte, deixando atrás o país que o vira nacer. Un país que quedou asolagado por culpa da guerra, un país no cal só queda pena e desgraza, un país que el levará sempre no corazón. Consigo, soamente leva unha pequena maleta con algo de roupa, unha fotografía, un saquiño con un pouco de terra e, o máis importante,  acompáñao a súa neta, a pequena Sang Diu. É por ela que decide subirse a ese barco, precisa marchar para que a súa queridísima neta poida medrar e ter unha boa vida. Tras semanas de viaxe no barco, o señor Linh chega a unha cidade na que non coñece a ninguén, nin tampouco a lingua; unha cidade na cal vai moito frío e a cal non cheira a nada. Unha cidade na cal coñece a Bark, un home solitario co que establece unha amizade fóra do común, unha amizade rara pero tamén esperanzadora e necesaria.
Esta novela é unha desas lecturas que, unha vez rematada, non deixa indiferente a ninguén. Unha novela que nos mostra a mirada amable, limpa e bondadosa dun home que ten que pasar moitas adversidades. Unha novela chea de pequenos detalles que a fan moito máis especial. Unha novela que nos mostra a realidade tal como é, sen adornos. Unha novela entrañable que transmite tenrura en cada páxina. Unha novela intensa, cun final moi difícil de esquecer e que recomendo ao cen por cen.

08/02/17

A Sociedade Literaria e do Pastel de Pel de Pataca de Guernsey

Comentario de Noa Villar Gallego





 
A Sociedade Literaria e do Pastel de Pel de Pataca de Guernsey
Shaffer, Mary Ann e Barrows, Annie
Rinoceronte





Supoño que ninguén pode quedar indiferente tras ler un título coma o deste libro, e eu non ía ser menos.  De entre unha morea de libros, títulos e autores sempre buscas algún detalle que chame a atención para poder escoller a túa próxima lectura, e iso foi o que me pasou con esta novela que inspira orixinalidade e diversión por un tubo.
Juliet Ashton é unha escritora que no ano 1946 recibe unha carta dun descoñecido, un membro fundador da Sociedade Literaria e do Pastel de Pel de Pataca de Guernsey, a cuxas mans chegou un libro que fai anos pertencera a Juliet. A protagonista desta novela precisa inspiración para escribir un artigo no periódico Times,  e é a través da correspondencia cos demais membros do orixinal club de lectura, onde atopa un posible tema para o seu novo traballo.
Esta é a trama inicial da novela que, segundo teño entendido, foi escrita maiormente por Mary Ann Shaffer  que, por causa dunha enfermidade grave  non puido rematala e tivo facelo a súa sobriña, Annie Barrows.
Direi que foi unha lectura, ante todo, diferente. Non estou acostumada a ler novelas en forma de epistolario, pois ao longo da miña vida non lin máis ca unha ou dúas, as cales me pareceron aburridas e lentas. En cambio esta non me produciu esa sensación de querer abandonar a lectura, dende o principio tivo algo que me enganchou.
Gustoume poder apreciar o tempo que pasaba dende que alguén escribía unha carta ata que recibía a resposta, o poder ver que ao longo do transcurso do libro pasaron máis de nove meses. Tamén me pareceu moi interesante o feito de que o club de lectura se creara case por accidente, de que algúns dos membros non tiveran nin interese en ler e de que ao final a asociación lograra que todos se uniran moito máis e que tamén lograran levar a situación que estaban a pasar dun xeito un pouco máis sinxelo.
En conclusión, unha novela moi entretida e orixinal cuns persoaxes ben creados e estruturados que recomendo sen dúbida algunha.

22/10/16

A neta do señor Linh

Comentario de Ana Santalla Garrido

 

A neta do señor Linh
Philippe Claudel
Rinoceronte
 


A primeira impresión que me deu este libro foi a dunha realidade moi clara e moi habitual do século XIX, a emigración, pero neste caso, algo que non é habitual, os emigrantes (protagonistas) non son os que sempre imaxinamos cando falamos da emigración, non son os homes de familia; senón que é un avó que se ve obrigado a marchar do seu país por mor das guerras internas, pero sobre todo para protexer a súa neta Sang Diu, xa que toda a súa familia morrera e quedara sepultada baixo a terra da súa aldea.
Este libro amósame o esforzo -o amor inconmensurable- que fai un avó pola súa neta, ese esforzo de enfrontarse a un novo país, a unha nova xente, todo o que ten que sufrir ese home e moitos outros por mor da sociedade. Colle un barco, as poucas pertenzas que lle quedan e marcha. Chega ao país e tense que adaptar ao cheiro, ao clima, os costumes e sobre todo a xente tan distante e fría que habita nesoutro lugar, ten que aprender a vivir nun apartamento pequeno e escuchumizado, cunha familia nova e maleducada, que tan só lle dá de comer, pero aínda que haxa xente fría e lerchana tamén existe xente amable, coma o amigo que o acompaña todos os días naquel banco enfronte ao parque. 
Outra lección que me deu este libro foi a capacidade de poder falar con alguén sen tan sequera saber o seu idioma, pero aprendín que o idioma mais importante non é o da lingua senón o dos xestos e o dos sentimentos; como o ancián se enfronta a ter que vivir nun “cárcere”, por mor da súa idade, aprender a escapar de alí polos sentimentos que lle atan á súa neta e ao seu amigo, a ser ceibo, ademais de  como se lle fai imprescindible a compaña do novo amigo...; pero ao final todo se acaba nun segundo, todo polo que loitaches, todo polo que sufriches.
Aínda que para min este foi un desenlace feliz debido a que o noso protagonista marchou daquel país e daquela terra sabendo que a súa  real e pequeniña “boneca” quedaría nas mellores mans, nesas mans grosas pero á vez delicadas, nas dun home que verdadeiramente podería ser transparente, nas do seu amigo gordo e con cheiro a menta, nas do señor Bark.

14/06/16

A neta do señor Linh

Comentario de Xosé Manuel Fernández Taboada
 

A neta do señor Linh
Philippe Claudel
Rinoceronte
  


"A neta do señor Linh" a obra escrita por Philippe Claudel é unha historia na que se nos mostra a situación dun vello chamado Linh tras a guerra.
Esta obra conmocionoume moito xa que tras comezar a ler a peza deume moita pena a situación de Linh. Tras a guerra perdeuno todo e só lle quedaba a súa pequena neta, polo que decide emigrar para que a rapaza teña máis oportunidades. Despois disto o vello atópase rodeado dunha atmosfera chea de soidade e tristeza, na que ao mirar para a súa neta só se lle veñen a cabeza os malos recordos da guerra. Tras emigrar coñece un home, o señor Bark. Este nunha situación similar a de Lihn comeza a entablar unha amizade, a pesares de que non falan o mesmo idioma e a penas se entenden. Intercambian sorrisos, xestos e de vez en cando soltan unha frase no idioma do outro, algo que me causou certa gracia. Isto fai que o país estranxeiro ao que emigrou Linh empece a ter unha cara máis familiar e acolledora.
Unha das cousas que máis me gustou da peza, a parte da amizade entablada por Linh e Bark, foi o ben que trata o avó a súa neta, cantándolle nanas, abrazándoa para que non tivese frío, entre outras accións que mostraban o moito que quería o vello á rapaza.
Un libro que recomendo xa que nos mostra as consecuencias que pode ter unha guerra e nos mostra situacións que moitas veces se dan na realidade. Ademais de que nos ensina o moito que poden chegar a querer os avós aos seus netos, e máis aínda se é unha situación como a de Linh, e o valor da amizade, que moitas veces nos axuda a superar situacións difíciles e a olvidarnos dos problemas. Un libro curto e sinxelo de ler que ten unha historia que engancha. Sen dúbida unha gran obra.

12/06/16

A casa de Mango Street

Comentario de MAría Rodríguez



A casa de Mango Street
Sandra Cisneros
Rinoceronte 




A CASA DE MANGO STREET, de Sandra Cisneros, está composta por unha serie de microrrelatos entrelazados entre sí. A protagonista  é Esperanza, unha rapaza adolescente.
No primeiro capÍtulo, Esperanza conta como a súa familia foi parar a Mango Street, nun piso alquilado, nun barrio de suburbios. O piso non era moi novo e empezaron a fallar as cousas: cañarías rotas, fiestras... ó final cámbianse de casa, compran unha vivenda moi pequena polo que Esperanza non se ve nada ilusionada con ela. As súas aspiracións vense frustradas, ela sempre soñaba cunha casa grande. Sentíase avergoñada de pertencer a unha familia pobre, como cando lle pregunta a monxa, “Vives aí?”
Vai contando historias, a maior parte delas son tristes pero sempre nos transmite esperanza para soñar cunha vida moito  mellor. Tratase dun mundo machista, sen expectativas de futuro para a muller. Vemos a Marin que chega de Porto Rico para coidar aos seus primos pequenos, o seu mozo quedara alí, agora apenas podía saír da casa aínda que ela tiña esperanza de que alguén cambiase a súa vida.
Trata temas como a pobreza, a inmigración, a desigualdade, o machismo e os abusos sexuais.
Os valores deberían ser para todos os mesmos, poder ser dono de sí mesmo e poder decidir sobre o teu futuro, debería ser un dereito adquirido por todas as persoas; vemos que hoxe en día aínda non é así xa que estes valores vense mermados polo tipo de sociedade que nos rodea, como é o machismo, o abuso sexual, trata de brancas,...
Aínda que,  por momentos  da lectura desta novela sentía impotencia e tristeza, paréceme un relato moi ameno e fácil de ler.
Recoméndoa.