Comentario de Noa Villar Gallego
A Sociedade Literaria e do Pastel de Pel de Pataca de Guernsey
Shaffer, Mary Ann e Barrows, Annie
Rinoceronte
Supoño que ninguén pode quedar
indiferente tras ler un título coma o deste libro, e eu non ía ser menos. De entre unha morea de libros, títulos e
autores sempre buscas algún detalle que chame a atención para poder escoller a
túa próxima lectura, e iso foi o que me pasou con esta novela que inspira
orixinalidade e diversión por un tubo.
Juliet
Ashton é unha escritora que no ano 1946 recibe unha carta dun descoñecido, un membro
fundador da Sociedade Literaria e do Pastel de Pel de Pataca de Guernsey, a
cuxas mans chegou un libro que fai anos pertencera a Juliet. A protagonista
desta novela precisa inspiración para escribir un artigo no periódico Times, e é a través da correspondencia cos demais
membros do orixinal club de lectura, onde atopa un posible tema para o seu novo
traballo.
Esta é a
trama inicial da novela que, segundo teño entendido, foi escrita maiormente por
Mary Ann Shaffer que, por causa dunha
enfermidade grave non puido rematala e tivo
facelo a súa sobriña, Annie Barrows.
Direi que
foi unha lectura, ante todo, diferente. Non estou acostumada a ler novelas en
forma de epistolario, pois ao longo da miña vida non lin máis ca unha ou dúas,
as cales me pareceron aburridas e lentas. En cambio esta non me produciu esa
sensación de querer abandonar a lectura, dende o principio tivo algo que me
enganchou.
Gustoume
poder apreciar o tempo que pasaba dende que alguén escribía unha carta ata que
recibía a resposta, o poder ver que ao longo do transcurso do libro pasaron
máis de nove meses. Tamén me pareceu moi interesante o feito de que o club de
lectura se creara case por accidente, de que algúns dos membros non tiveran nin
interese en ler e de que ao final a asociación lograra que todos se uniran
moito máis e que tamén lograran levar a situación que estaban a pasar dun xeito
un pouco máis sinxelo.
En
conclusión, unha novela moi entretida e orixinal cuns persoaxes ben creados e
estruturados que recomendo sen dúbida algunha.
Sen comentarios
Publicar un comentario