ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

Amosando publicacións coa etiqueta Relatos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Relatos. Amosar todas as publicacións

07/12/17

Cartas de amor

Comentario de Irene Mariño


Cartas de amor
Fran Alonso
Xerais






As historias deste libro nacen a partir de cartas de amor. Pero non son cartas de amor convencionais. Os protagonistas destas cartas non son só o amor ou desamor, son  a pobreza, a guerra, a inmigración, o franquismo, a violencia, a prostitución, a presión social, a integración…
As cartas son escritas por mulleres en distintas circunstancias tanto persoais como sociais. Situacións moi difíciles, ás que se enfrontan con moita valentía.
Este libro é moi tenro que reflexa un canto á vida e á dignidade.

Busquei un libro que me fixera experimentar novas sensacións. Busquei un libro que non fora un libro convencional, un libro novo, un que relatara historias reais, da vida mesma.
Cartas de amor, por veces, non deixa máis elección que deixalo e seguir lendo noutro momento debido a impotencia que sentes polas circunstancias que viven esas mulleres.
Foi un libro que me fixo reflexionar e saber unha vez máis e recordar que as mulleres somos moi fortes e que podemos con todo. Nunca olvidarei estas 9 historias tan tristes e emocionantes que lín.
Recoméndoo moitísimo, e penso que moita xente, se o le, reflexionaría e ata podería cambiar a opinión das mulleres a moitos.

 

24/06/16

Xente no rodicio

Comentario de David González Sampayo


Xente no rodicio
Xosé Neira Vilas
Galaxia



Opinión sobre "Xente no rodicio".
Xente no rodicio é un libro de relatos formado por varias historias que narran a realidade social galega da época do autor. A maioría dos relatos deste libro fixéronme rir e, en xeral, gustáronme moito e tamén me entreteron. Todos os seus relatos son moi sinxelos de ler e a verdade enganchan bastante ao lector facendo que este non perda as ganas de continuar lendo. Cómpre dicir que algúns dos relatos me provocaron tristeza. Esta tristura, o seu autor consegue representala grazas ao realismo da obra mesturado con elementos fantásticos, os cales gañan verosimilitude grazas á gran expresividade e enerxía coa que o autor narra estes feitos. Un feito moi curioso deste libro é que todos os personaxes que protagonizan cada un destes relatos, pertencen ás clases baixas, persoas que viven na aldea con escasos recursos económicos. Outro feito que cabe destacar é que algúns relatos están baseados en lendas ou contos populares contados desde a perspectiva do seu autor, Xosé Neira Vilas. A continuación, vou destacar positivamente un dos relatos e negativamente, outro.
O relato que máis me gustou foi o de "María", aínda que tamén me pareceu o máis triste. Neste conto nárrase a historia dunha muller que todos os días ás sete da tarde, que é a hora á que chega o autobús, se pon a mirar se del baixa Afonso, un home que marchara facía moito tempo e do cal a protagonista se namorara. A pesar de que o tempo pasaba e o home non chegaba, ela era optimista e tiña esperanzas de que Afonso chegara. En cambio todas as persoas que a rodeaban non a apoiaban, xa que sempre lle dicían que o home nunca volvería. Entón un día chegou á casa da protagonista un home para informala da morte de Afonso. Esta foi a historia que máis me gustou debido a emoción que se desprende dela e tamén é moi dura, xa que a muller non quería perder a esperanza, e o desenlace foi moi triste. O final da historia é unha mestura de emoción e tristeza, xa que o home que chega á casa da protagonista di: "Deixou unha carta pedindo que viñésemos aquí dar razón da súa morte". Iso danos a entender que Afonso nunca se olvidara de María, a protagonista deste relato.
A pesar de que, en xeral, o libro me gustou bastante, houbo un relato que non me gustou nada. Estoume referindo ao conto que se titula "A irmá de Susiño". Nesta historia cóntase a vida dun rapaz, cuxa irmá non ten moi boa fama no pobo no que viven. Deste relato o único que entendín foi que Suso, o protagonista, xa non quere cruzarse con ninguén da vila, para non escoitar como critican á súa irmá. Na miña opinión, este relato é bastante soso e faltalle chispa, por dicilo dalgunha maneira. Sinceramente, non me quedou moi claro o que o autor nos quere transmitir ou dar a entender neste conto.
Opinión sobre "A muller de ferro"
"A muller de ferro" é un libro de relatos nos que se conta a situación da Galicia da época franquista, mediante narracións moi entretidas. Nos contos que forman este libro o galego e a Galicia da posguerra aparecen personificados como personaxes débiles que nunca se dan por vencidos e que loitan ata o final, aínda que o desenlace case sempre sexa tráxico. Creo que o título deste libro, "A muller de ferro", está moi relacionado co que dixen anteriormente, é dicir, o título dá a entender que a lingua galega é un idioma que loita polos seus dereitos ata o final, de aí a que esta "muller" sexa de ferro. Ao igual que en "Xente no rodicio", os relatos están protagonizados por personaxes con escaseza de recursos e cuxa vida xira arredor dun problema que invade e domina o seu papel e a súa acción na obra. Os relatos deste libro, en xeral, gustáronme máis ca os de "Xente no rodicio", xa que me entretiveron máis e neles o autor cóntanos máis feitos empregando menos palabras e cunha maior sinxeleza expresiva ca en "Xente no rodicio". Este libro é moi facil de ler e comprender tanto polo seu léxico coma pola súa curta extensión e recoméndollo a todo o mundo. Ao igual que fixen en "Xente no rodicio", vou destacar positivamente un relato e negativamente outro.
Na miña opinión o mellor relato deste libro é, sen dúbida, "A parede". O relato comeza con dous canteiros picando nunha parede, cando de súpeto atopan os ósos dun humano. Entón un dos canteiros comeza a contarlle ao outro a historia dun home chamado Indival, o cal vive nunha casa e da casa do lado proceden saloucos a diario. El, cansado de escoitar os choros dun rapaz continuamente, chama a uns obreiros para que constrúan unha parede moi alta e ver se os berros cesan dunha vez por todas. Tras a contrución do muro os saloucos diminúen pero séguense a escoitar. Finalmente ante a desesperación de escoitar os choros día tras día, dille aos obreiros que levanten catro paredes arredor del e que coloquen unha tapa na parte superior. Os obreiros fixéronlle caso, pero Indival decátase de que non ten escapatoria e morre alí. Esta é unha historia triste pero ten un toque de humor, xa que a min persoalmente o momento en que Indival se decata de que non ten escapatoria, fíxome rir un pouco debido a que este home non debía ser moi listo. Por outra parte é un relato triste porque Indival representa o cárcere no que se atopa pechado o galego.
O relato que menos me gustou deste libro, foi "O corgo". Neste relato cóntase que un xornaleiro sempre realizaba o mesmo traxecto da súa eira ata a casa e da súa casa ata a eira. Un día era de noite e o camiño estaba moi escuro, entón o xornaleiro non vía moi ben e caeu nun corgo moi escuro e esvaradizo, xa que estaba cheo de lama. Tras varios intentos por intentar saír, non o conseguiu e cando case estaba fóra, esvarou e caeu, morrendo alí entre a lama. Este relato non me gustou, xa que non me enganchou e non lle atopei sentido. Xuntando todos os relatos de "Xente no rodicio" e "A muller de ferro", este foi sen dúbida o que menos me divertiu e entreteu, polo tanto para min este conto foi o peor.

15/06/16

Un animal chamado néboa

Comentario de Xosé Manuel Fernández


Un animal chamado néboa
Ledicia Costas
Xerais
  


"Un animal chamado néboa" a obra escrita por Ledicia Costas en un libro baseado en numerosos acontecementos que ocorreron durante o conflicto bélico, a 2ª Guerra Mundial.
Ninguén me falou deste libro, necesitaba algún que fose impactante, chocante, pero que a súa vez fose real. Tiña exame de sociais e neste realizábansenos preguntas sobre a 2ª Guerra Mundial. Nada fora do normal, pura cultura. O profesor sempre nos falaba da crueldade que tivo esa guerra e que só o podíamos saber ao cen por cen se o vivíramos en primeira persoa, cousa que é imposible. Pero entroume a curiosidade e decidín buscar entre os libros optativos de galego algún que se relacionase co tema, e atopeime con este. Gracias Ledicia.
Sen dúbida un dos libros que máis se achega ao ocurrido no conflicto bélico. Numerosas historias que nos lembran como foi a loita e o que se viviu tras ela. Moitas conmocionáronme, outras facíanme sentir rabia e algunhas case me fan chorar.
No comezo do libro xa se nos mostra unha historia chocante situada en Leningrado, na que as persoas mortas de fame, débiles e desesperadas non teñen nada para comer. Só existe unha posible solución para sobrevivir, comerse uns a outros. Chámalle canibalismo, darache asco, pensa que tolean, pero cando te pos a reflexionar sobre o que fan e o porqué das súas accións daste conta de que nesa situación é algo completamente normal. Ademais nas historias móstrase sobre todo a impotencia da xente, que ven morrer a seres queridos sen que eles poidan facer nada por eles. Tamén resaltan outros temas como o terror e o medo presentes durante toda a obra, e como non, o machismo. Cando colles un libro e sabes que trata da guerra era evidente que tiña que estar presente este tema. A autora faino presente na historia chamada "Un animal chamado néboa", mostrando que ela tamén está en contra disto. Nesta historia móstrasenos como as mulleres eran tratadas como escravas sendo forzadas a realizar actos sexuais, exercendo a profesión de prostituta. Pónsenos o exemplo de Martha, unha muller á que tratan de forma pésima e a que enganan dicindo que se se prostitúe durante medio ano a deixaran libre.
Sen dúbida algo ao que nos ten acostumados Ledicia é a reprensetar a realidade tal e como é, algo que fai nesta obra na que se nos mostra gran parte do ocorrido na 2ª Guerra Mundial. Un libro impactante, xusto o que necesitaba. Aínda que esta é unha peza que non recomendo a todo o mundo, máis ben a aquel sector que quere saber máis sobre o réxime nazi, á morte, o machismo, a desgracia e a desesperación que houbo neste conflicto. Unha grandísima obra escrita por unha grandísima autora, de novo volverei dicirche: Gracias Ledicia Costas.

05/06/16

Instrucións para tomar café

Comentario de Telmo García Castro



Instrucións para tomar café
Manuel Núñez Singala
Galaxia





Mira que rin con este libro!  Recoméndollo a todo o mundo. Lese rápido, lese ben e aínda por enriba pásalo de cine con algunhas das historias que nel nos conta.

 O libro creo que está feito con moito humor  e dende un coñecemento profundo  do que somos os galegos. A quen non lle pasou algunha vez o que se conta na historia “Instrucións para pagar”? Quen non se identifica coa imaxe que de nós damos ás veces en “Instrucións para parecer galego”?
Pero todo libro está cheo tamén de crítica e non só humor.   Non falta tampouco un ácido sentido crítico e autocrítico como no conto “O peso da tradición” .

Das catro partes que ten o libro a parte “Libro de contos” non  é a que máis me gustou, ainda que o conto “Problema de xadrez” pareceume moi interesante porque defende a astucia como algo necesario na vida.

Esta obra de Núñez Singala ten unha enchenta de retranca e iso sempre é un bo motivo para ler.  Retranca e intelixencia van sempre da man. Por iso me gustou tanto,  porque libros coma este fan aos lectores seres activos, críticos e diso nunca andamos sobrados.
 

26/05/16

Os biosbardos

Comentario de Silvia Bruguera


Os biosbardos
Eduardo Blanco Amor
Galaxia


Este libro fala un pouco da vida rural en Galicia. Cada historia é protagonizada por nenos ou adolescentes. Está estructurado en oito relatos; onde se falan temas como as trasnadas dos nenos, a miseria, as clases sociais, ir as Américas, o amor...
As historias suceden fai un tempo e desenvólvense en Auria, Ourense. Estas historias parecéronme algo estrañas pero pese a isto as historias son moi interesantes e entretidas.
Os biosbardos; no primeiro relato podemos observar coma uns rapaces da aldea lle querían gastar unha broma a un neno que se mudou, chamado Leonardo; así que lle ofreceron ir pescar os biosbardos...Para ir pescalos dixéronlle que necesitaban a un neno e que o seu nome rimase en verso con biosbardo. Leonardo comezou a pesca dos biosbardos, colleu o fardel e recitou os versos que lle dixo o Melondro, con isto os rapaces do barrio querian deixalo en ridículo ao ver que non collera ningún; pero para a súa sorpresa tiña o saco a rebosar.
Por unha banda gustoume a actitude de Leonardo a hora de afrontar aos rapaces, tamén pensei que non collería os biosbardos e que os rapaces mofaríanse del e por outra parte pareceume cruel que os rapaces se meteran con el.
A arrasadeira; fala duns rapaces da aldea que ían roubar de noite pexegos, mazás, peras, etc. O fillo máis novo de dona Felicitas quería ir a unha arrasadeira para probar novas experiencias e pediullo a un amigo seu, Pepe o Roxo, iste ao comezo negábase pero despois de que lle insistise accedeu a levalo con el e cos seus amigos, pero díxolle que tiña que ser rápido para poder fuxir no caso de ser descubertos. O día de ir roubar foron a casa dun señor do pobo; tiñan pensando robar as súas figueiras, esperaron a que foran durmir e comezaron a coller os figos. Cando xa tiñan os sacos case cheos escoitaronse disparos e Leonardo botou a correr ata que bateu a cabeza coas pedras, comezou a suar e notou que alguén lle falaba, entón abriu os ollos e viu que era a xente do pobo falando arredor del.
O noxo; esta historia pareceume moi triste pola situación de miseria da familia, e que un neno de 12 anos teña que alimentar a súa familia traballando coma críado, para ter que levar á boca. Abelardo empeza falando do que rosmaba a señora Fermina, que non coñeceu nunca muller como aquela; que rosmaba da xente pero que ninguén nunca a entendera. Abelardo conservaba a fachada de "señorito" cando en realidade el e a máis a súa familia non tiñan que levar a boca. A nai do protagonista mandaba ao seu fillo a que servise a Fermina para poder traer pan a casa, facía traballos similares aos dos criados. Un día que chovía a señora Fermina invitouno a cear con ela, pero comezou a propasarse con Abelardo; recorreuno un pulo de noxo e decidiu non volver a aquela casa por moito que a súa nai chorase. Ao final atoparon a outra muller que lles daba pan pero que ao final do mes llo tiñan que pagar.
O encalatro; o protagonista, Alberte, comeza falando do que sinte cando escoita o asubío do tren. No verán é agradable, no inverno atronador e cando non se oia o seu asubío escoitaba con maior forza a choiva. Alberte era de familia pobre e pasaba moita fame, cando ía ao colexo con Crisanto, fillo da veciña dona Quinteria, esta dáballes castañas para que as foran comendo polo camiño. Un día Crisanto contoulle que tiña un avó moi rico que vivía nun pazo non moi lonxe de alí e que podian ir, chearíanse da comida. Ao comezo Alberte non estaba moi convencido, pero máis tarde acabou convencendo. Comezaron a andar polas vías do tren e cando case anoitecera Alberte estaba esgotado e non podía máis, chegaron a estación do tren, e seguian andando cando Alberte caeu e escoitou aquel asubio do tren, o último que puido ver foi a gorra do revisor do tren xunto con dous civís.
Este relato foi o que menos me agradou porque non acabei de entender que ocorre unha vez chegan os gardas co revisor.
A primeira comunión; esta historia empeza falando da morte dun rapaz e despois conta unha anécdota que lle sucedera. O noso protagonista ía a doutrina que lla ensinaba Don Raimundo o seu cura, el intentaba escoitar as súas explicacións, pero canto máis o intentaba menos lle entendía o que lle estaba a explicar. Don Raimundo contáralles a historia dun xudeu que ía a misa e seguía a relixón católica para que non lle pechasen a tenda, pero cando o cura lle daba a eucaristía masticabaa e isto era unha ofensa para a fé cristiá. O día da comunión non podía comer nada ata que a fixese. Tivo varias tentacións pero resistiuse ata que ao final unhas horas antes atopou una castaña seca nos seus pantalóns e comeuna. Unha vez na ceremonia fíxeronselle eternas as palabras do cura, á hora de tomar a eucaristía notou un pedazo de castaña na moa e mantivo a boca pechada ata que o cura lle deu a hostia.
Esta historia usa máis o tema humorístico; referíndose ao que lle sucede ao neno á hora da súa comunión e entón é máis entretida a hora de leer. A historia que lle contou o cura aos nenos penso que é inventada, que o cura con isto pretendía ensinarlles algo aos rapaces.
Bartomeu e os biosbardos; esta é unha historia menos realista que as outras que lin; xa que narra uns feitos fantásticos como poden ser controlar a auga e o vento, ou ter o poder de pasar as enfermidades dunha persoa a outra para poder salvala. Bartomeu un rapaz louro, de ollos azuis e que sempre estaba rindo tiña " poderes " e ensinoullos a súa tía, a cal coidouno dende moi pequeno. Os veciños enfadabanse con Bertomeu porque sempre estaba rindo e dixeronlle a súa tía, Doña Arminda, que o botase da súa casa; pero ela non podía xa que o rapaz non tiña a onde ir. O seu sobriño ensinoulle o que podía facer e ela quedou abraiada. Un día o fillo da tía caeu enfermo e Bartomeu pechouse con el na mesma habitación ó día seguinte o seu primo xa non estaba enfermo pero Bartomeu morrera. Dando a entender que a enfermidade pasara ao protagonista.
Pese que nesta historia o tema da morte esta presente foi a que máis me gustou polo trata de temas fantásticos e polo uso da imaxinación.
O salvamento; é unha historia que fala principalmente de ir as Américas. Dende persoaxes como é o tío Ramón que narra o futuro que lles esperaba ao galegos unha vez alí. Pensaban que ao ir a América terían un futuro mellor ou chegarian a ser ricos, pero moitos destes non volveron porque a súa economía non llo permitiu. Ramón nesta historia conta que regresou rico, falaba de América coma se fose o mellor de todo o mundo. Cando o seu tío lle conta as súas historias ao protagonista; el pode observar que alí hai unha gran falta de liberdade e promete non marchar nunca para facerse rico as Américas.
Reflicte principalmente o tema de ir Américas e pareceume que nesta historia o autor pretendía amosar este tema dende seu punto de vista.
O estreno; o último relato de todo o libro fala dun rapaz que cumpliu recentemente os 17 anos. Un día nunha festa do seu pobo atópase cnha rapaza diferente das da vila, unha rapaza que nunca vira polos arredores; supuxo que sería estranxeira. Comezou a ter curiosidade por ela quizáis a sentir algo por aquela rapaza. Seguiuna pero un tempo despois decidiu marchar porque atopábase cansado e con fame. Pero arrepentiuse da súa decisión e entón decidiu ir buscala de novo, foi a todos os sitios que pensou que nos que pensou que podería estar pero non atopou por ningures a aquela rapaza. Ao chegar a casa rifáronlle pola hora da chegada e porque estaban moi preocupados por el. A el dáballe igual, tan só quería atopala. Máis tarde recordou un lugar onde non mirou e co permiso da nai foi ao hotel onde esperaba atoparla, pero preguntou por alí e dixéranlle que xa marchara e que lle deixara uns reales de prata.
En resumo este libro estivo ben; pero nos comezos de cada historia costoume un pouco introducirme no que o autor quería contar. Pero ao coller o fío da historia puiden relacionar todo e entendelo todo moi ben.

09/04/16

Un animal chamado néboa

Comentario de Noelia Blanco


Un animal chamado néboa
Ledicia Costas
Xerais
 
 
“Un animal chamado Néboa”, de Ledicia Costas é un libro que non sabería moi ben como comentalo, xa que en moitos momentos deixoume sen palabras. De verdade que é impresionante. Parabéns, Ledicia.

É un libro que trata sobre a Segunda Guerra Mundial, pero non como nos fala a materia de Historia, se non dunha maneira moitísimo máis profunda e con ese toque que engancha. Ves a primeira historia tan brutal, que desexas saber que sucede na segunda e así, ata os xuízos finais. Impresionáronme moito detalles como os que suceden en Leningrado, que as persoas nada que meter na boca teñen, simplemente se teñen uns a outros e ó frío, o frío sempre presente. Ver como os seres que máis queren morren uns tras outros e que non poidas facer nada máis, son varios dos temas que nos presenta nos primeiros capítulos. Pero sen dúbida, o que máis me conmocionou, si se pode conmocionar máis aínda, foi o de “Un animal chamado Néboa”. Xa me tardaba en resaltar algunha historia machista, que de seguro que habería moitas para poñer neste libro con tanta tortura. Dende logo, que para nada me esperaba unha historia tan profunda e con tanta dor enganchada, con tantas bágoas inevitables. Paréceme tan incrible o machismo aí presente, prodúceme tanta impotencia, tanta rabia,… Ese capítulo en especial foi o máis duro, porque non me imaxinaba nin a metade das cousas; si sabía ese machismo aínda presente hoxe en día, pero non que puidera chegar tan alá.
O libro, en xeral, deixoume un sabor de boca moi raro, moi dorido; déixame con moi pouco benestar interior. Fíxome abrir os ollos, porque nunca imaxinei que iso chegara a pasar en moitas situacións. Tamén me fai reflexionar en canto á actualidade, xa que non entendo como moitas destas situacións aínda seguen vivas e contan avivar máis. Non entendo a sociedade. Non entendo esas mentalidades. Non entendo como se pode pasar ben facendo tanto dano. Teño medo.
Reitero, parabéns Ledicia.
 

06/04/16

A lenda de Sleepy Hollow e outros relatos

Comentario de Adrián Mato



A lenda de Sleepy Hollow e outros relatos 
Washington Irving
Urco 



Gústanme moito os libros de terror e este non ía ser menos. Agradáronme todas as historias pero especialmente a de Tom Waltter e o Demo, porque me encanta a forma na que o autor castiga a avaricia de Tom e a súa muller, que a pesar de ter vivido na miseria, non se compadecen dos que antes podían haber sido eles, persoas que lle van pedir un préstamo e das cales se aproveita para sacarlle ata o último can que posúen. Outra historia que tamén me sorprendeu moito foi a aventura do alemán, polo abraiante do seu relato e o insólito final. Como alguén pode ser capaz de namorar dunha face que ve en soños, para máis tarde atoparse con ela na rúa e casar. Quizais a que menos me agradou foi a de Sleepy Hollow posto que esperaba máis dun relato que foi levado ao cine. Quizais esperaba unha maior importancia do cabaleiro sen cabeza e non tanto da súa vítima.  

05/04/16

Un animal chamado néboa

Comentario de Silvia Bruguera


Un animal chamado néboa
Ledicia Costas
Xerais



Este libro é moi duro porque dá a coñecer o sufrimento dos cidadáns durante o conflito bélico da Segunda Guerra mundial.
A mín gustoume moito polo que pretende reflictir, pero houbo algunhas partes que se facían moi tristes e duras; escenas de pura bestialidade, atrocidades que hoxe en día son inimaxinables. Naquel tempo o mellor que podia suceder era a morte, antes que ver como morren lentamente os teus seres queridos. Aquelas torturas ian máis alá do límite.
Neste libro hai varias historias, cada unha máis triste ca outra.
Nestes relatos nárranse varios acontecementos devastadores e moi saguentos.
Todas as historias fixéronme reflexionar sobre o sucedido nas guerras, pero houbo uns capítulos que me chocaron moito, pola crueldade cara aos presos.
No primeiro capítulo "Leningrado" relatase a historia de Katarina; fala da miseria e da fame que tiñan pola culpa da guerra. Unha parte moi fermosa, pero á vez triste foi cando o pai corta unha parte da sua carne para poder darlle algo que comer á sua familia.
"A canción de vila triste" trata dun interrogatorio a uns xudeus que estaban en contra réxime que impoñian. Pietro Koch, intentou sacar a información que quería, pero como non lla aportaron comezou a torturalos ata a morte. As torturas que realizaban eran infrahumanas e moi dolorosas.
A historia que lle dá nome ao libro foi unhas das que máis me chocou. "Un animal chamado néboa" narra a vida de Martha no lager, como eran as condicións de vida, aos traballos que estaban obrigadas a realizar, como as violacións dos soldados eran algo normal, as humillación as que eran sometidas...
A Martha fixeranlle un trato a cambio da súa liberdade, ofreceranlle deixar o lager polo Sonderbauten, no cal tiña que exerxer as labores da cárcel e de prostituta para soldados e presos, se cumpria as súas labores, ao cabo de seis meses prometeranlle que sería libre pero cando acabou esta tempada volvernona ao lager.
O último capítulo "Tres xuízos para tres nazis" narra os xuízos de Hermann Goering, Rudolf Höss e de Adolf Heichmann; algúns deste foron condenados a cadena perpetua, e outros preferiron suicidarse antes de que se fixera xustiza.
En cada historia habia persoaxes crueis, os nazis e por outra banda aparecia o pobo reflexado de diferentes formas, como Mary Jane ou como as persoas que residian en Hiroshima ou Nagasaqui antes da bomba.
Este libro aportoume unha gran cantidade de datos que descoñecia; así como o significado de lagers e sonderbauten. Pero tamén me ensinou o debastadora que foi a bomba de Hiroshima, a misión que tivo o buque USS Indianapolis, os millóns de mortos polo nacismo e moitas outras cousas.
En xeral este libro foi o máis duro que lin ate o momento. Pese que parte destes relatos son ficcticeos, o que pretende mostrar o libro é algo moi real. 

02/04/16

A balada do café triste

Comentario de Cristina Costela Seara



A balada do café triste
Carson  McCullers
Rinoceronte





A balada do café triste é un libro no que encontramos distintos relatos, que se mesturan, traxedias no mundo, a inocencia engañada, moito whisky e lugares onde a soidade faise máis grande. Os personaxes que atopamos buscan algún lazo para engancharse, enganchar a súa vida a algo ou a alguén. 
Nestes relatos atopámonos con Miss Amelia, unha muller respectada por todos, solitaria e forte coma un home. O discurrir tranquilo vese alterado pola chegada dun primo seu.
Estes dous personaxes ensínannos como as persoas cambian en función de quen se lles acerque. Porque a principal protagonista é a soidade. A perda cando chega o amor, a encontrada cando o amor se vai e como nos vai afectando a cada un.
Neste relato a autora fálanos sobre todo do amor e das reaccións que este provoca.

Nos demais relatos atopámonos con Madame Zilensky que vive e recrea unha mentira, ela cre coñecer ao rei de Finlandia aínda que este país foi sempre unha república.

 Tamén esta Bienchen,  a nena prodixio (Wunderkind) que deixa de selo ou que nunca o foi; Martin Meadows, marido e pai que soporta as borracheiras da súa muller, e por último Bitsy Barlow, é un jockey que está só, borracho e non dixire a comida nin o despido dun compañeiro especial do oficio.

As características dos personaxes vense facilmente e están bastante esaxeradas, ademais, moitos esconden conductas estrañas e misteriosas.

Entre os relatos deste libro o que máis me gustou foi "A balada do café triste", porque a autora nos conta como se creou un café a partir da chegada dunha persoa e como cambia o seu comportamento ao amar a alguén.

Foi un libro que me resultou fácil de ler e que me gustou moito, pareceume moi bonito e nalgunhas escenas triste ao mesmo tempo.