ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

24/06/16

Xente no rodicio

Comentario de David González Sampayo


Xente no rodicio
Xosé Neira Vilas
Galaxia



Opinión sobre "Xente no rodicio".
Xente no rodicio é un libro de relatos formado por varias historias que narran a realidade social galega da época do autor. A maioría dos relatos deste libro fixéronme rir e, en xeral, gustáronme moito e tamén me entreteron. Todos os seus relatos son moi sinxelos de ler e a verdade enganchan bastante ao lector facendo que este non perda as ganas de continuar lendo. Cómpre dicir que algúns dos relatos me provocaron tristeza. Esta tristura, o seu autor consegue representala grazas ao realismo da obra mesturado con elementos fantásticos, os cales gañan verosimilitude grazas á gran expresividade e enerxía coa que o autor narra estes feitos. Un feito moi curioso deste libro é que todos os personaxes que protagonizan cada un destes relatos, pertencen ás clases baixas, persoas que viven na aldea con escasos recursos económicos. Outro feito que cabe destacar é que algúns relatos están baseados en lendas ou contos populares contados desde a perspectiva do seu autor, Xosé Neira Vilas. A continuación, vou destacar positivamente un dos relatos e negativamente, outro.
O relato que máis me gustou foi o de "María", aínda que tamén me pareceu o máis triste. Neste conto nárrase a historia dunha muller que todos os días ás sete da tarde, que é a hora á que chega o autobús, se pon a mirar se del baixa Afonso, un home que marchara facía moito tempo e do cal a protagonista se namorara. A pesar de que o tempo pasaba e o home non chegaba, ela era optimista e tiña esperanzas de que Afonso chegara. En cambio todas as persoas que a rodeaban non a apoiaban, xa que sempre lle dicían que o home nunca volvería. Entón un día chegou á casa da protagonista un home para informala da morte de Afonso. Esta foi a historia que máis me gustou debido a emoción que se desprende dela e tamén é moi dura, xa que a muller non quería perder a esperanza, e o desenlace foi moi triste. O final da historia é unha mestura de emoción e tristeza, xa que o home que chega á casa da protagonista di: "Deixou unha carta pedindo que viñésemos aquí dar razón da súa morte". Iso danos a entender que Afonso nunca se olvidara de María, a protagonista deste relato.
A pesar de que, en xeral, o libro me gustou bastante, houbo un relato que non me gustou nada. Estoume referindo ao conto que se titula "A irmá de Susiño". Nesta historia cóntase a vida dun rapaz, cuxa irmá non ten moi boa fama no pobo no que viven. Deste relato o único que entendín foi que Suso, o protagonista, xa non quere cruzarse con ninguén da vila, para non escoitar como critican á súa irmá. Na miña opinión, este relato é bastante soso e faltalle chispa, por dicilo dalgunha maneira. Sinceramente, non me quedou moi claro o que o autor nos quere transmitir ou dar a entender neste conto.
Opinión sobre "A muller de ferro"
"A muller de ferro" é un libro de relatos nos que se conta a situación da Galicia da época franquista, mediante narracións moi entretidas. Nos contos que forman este libro o galego e a Galicia da posguerra aparecen personificados como personaxes débiles que nunca se dan por vencidos e que loitan ata o final, aínda que o desenlace case sempre sexa tráxico. Creo que o título deste libro, "A muller de ferro", está moi relacionado co que dixen anteriormente, é dicir, o título dá a entender que a lingua galega é un idioma que loita polos seus dereitos ata o final, de aí a que esta "muller" sexa de ferro. Ao igual que en "Xente no rodicio", os relatos están protagonizados por personaxes con escaseza de recursos e cuxa vida xira arredor dun problema que invade e domina o seu papel e a súa acción na obra. Os relatos deste libro, en xeral, gustáronme máis ca os de "Xente no rodicio", xa que me entretiveron máis e neles o autor cóntanos máis feitos empregando menos palabras e cunha maior sinxeleza expresiva ca en "Xente no rodicio". Este libro é moi facil de ler e comprender tanto polo seu léxico coma pola súa curta extensión e recoméndollo a todo o mundo. Ao igual que fixen en "Xente no rodicio", vou destacar positivamente un relato e negativamente outro.
Na miña opinión o mellor relato deste libro é, sen dúbida, "A parede". O relato comeza con dous canteiros picando nunha parede, cando de súpeto atopan os ósos dun humano. Entón un dos canteiros comeza a contarlle ao outro a historia dun home chamado Indival, o cal vive nunha casa e da casa do lado proceden saloucos a diario. El, cansado de escoitar os choros dun rapaz continuamente, chama a uns obreiros para que constrúan unha parede moi alta e ver se os berros cesan dunha vez por todas. Tras a contrución do muro os saloucos diminúen pero séguense a escoitar. Finalmente ante a desesperación de escoitar os choros día tras día, dille aos obreiros que levanten catro paredes arredor del e que coloquen unha tapa na parte superior. Os obreiros fixéronlle caso, pero Indival decátase de que non ten escapatoria e morre alí. Esta é unha historia triste pero ten un toque de humor, xa que a min persoalmente o momento en que Indival se decata de que non ten escapatoria, fíxome rir un pouco debido a que este home non debía ser moi listo. Por outra parte é un relato triste porque Indival representa o cárcere no que se atopa pechado o galego.
O relato que menos me gustou deste libro, foi "O corgo". Neste relato cóntase que un xornaleiro sempre realizaba o mesmo traxecto da súa eira ata a casa e da súa casa ata a eira. Un día era de noite e o camiño estaba moi escuro, entón o xornaleiro non vía moi ben e caeu nun corgo moi escuro e esvaradizo, xa que estaba cheo de lama. Tras varios intentos por intentar saír, non o conseguiu e cando case estaba fóra, esvarou e caeu, morrendo alí entre a lama. Este relato non me gustou, xa que non me enganchou e non lle atopei sentido. Xuntando todos os relatos de "Xente no rodicio" e "A muller de ferro", este foi sen dúbida o que menos me divertiu e entreteu, polo tanto para min este conto foi o peor.

Sen comentarios