Comentario de Alba Gómez Barros
As horas roubadas
María Solar
Xerais
As horas roubadas é un libro de María Solar. A morte de
Anselmo, un ancián que sostén un papel na man coa mensaxe: “Dime que me queres”
destapa unha historia de amor de hai tempo e que aínda está en pé. Esta
historia lévanos a outros acontecementos entre adolescentes e tamén os adultos,
demostrando que non hai idade para o amor.
Este libro chamoume moito a atención dende un primeiro
momento, xa comeza espertando intriga e a forma de narrar (narrador
omnisciente) permite que vivas ti mesma a historia.
Cómpre salientar
que no primeiro capítulo xa me sorprendín coa morte do avó, pero a medida que
avancei logrei entendelo. Cando isto pasou o papeliño que o avó contiña na man
coa mensaxe chamoume moito a atención.
Neste libro sempre
te sorprendes e todos os sucesos que acontecen son importantes e enganchan o
lector.
Outro dos datos que
resaltou no libro para min foi a forma de vida de Rosa. Vivía para os demais e
o medo que lle tiña ao seu home Damián podía con ela. Relacionado con este
tema, tamén me chamou a atención que naquela época pegarlle a un fillo fose
normal e que Damián deixase inconsciente ao seu fillo logo de darlle unha
malleira.
Dentro deste libro hai un
parágrafo que destacaría: «Ningunha muller pode consentir que a traten así, nin
golpes, nin desprezo, nin control, que é tan daniño coma as malleiras. Rosa xa
non lembrara quen era.» Aquí vese como as mulleres querían conseguir a
liberdade e aprobar a lei do divorcio, agás Rosa que non lograba abrir os
ollos.
As caixiñas que aparecían
foi unha das moitas cousas que espertaron en min a necesidade de chegar o final
e descubrir como acabarían todas as historias de amor, pero especialmente a dos
avós.
Outra
historia importante foi a de Roberto e Nuria, pareceume amena e a miña
curiosidade por saber o que acontecía fixo que lera o libro dunha sentada a
pesar da súa longa lectura.
En conclusión un libro
moi entretido, divertido coas súas partes de drama, que engancha ao lector.
Sempre está a tratar distintos temas que provocan a lectura continua deste
libro sen dar parado. Recomendaría este libro xa que estou segura de que lle
vai gustar a calquera público.