ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Rivas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Rivas. Amosar todas as publicacións

13/06/16

Costa da morte blues

Comentario de Adrián Mato


Costa da morte blues
Manuel Rivas
Xerais





Este poemario resultoume moi interesante, posto que  mantívome entretido dende o primeiro poema ata o último. Dicindo a verdade todos os poemas me gustaron, e todos, me fixeron pensar que sería o que terían detrás, e como non, veume a cabeza Manuel Rivas o que me fixo reflexionar, sobre que sería o que levaría  a Rivas a compoñer cada un dos poemas. Os poemas deste libro trataban temas moi diversos dende a borracheira dun tío ata un poema dedicado ao inverno. O poema que máis me gustou foi sen dubida:  
Como aquel, o tío O’Brien, que bebía con luva posta
Por un xoramento á nai agónica.
Tranquila, mai, endexamais tocarei outro vaso de alcol.
Veña, outro vaso!
Ese forma de sinceirarse que teñen os bébedos:
Maldito país! País defunto!
Servos de servidume! Pasto de comepobos!
Galiza, dalia negra!
Por Deus, tododios a rir.
Botalle outra a ese predicador!
                                                                                                                                                                    

02/06/16

O heroe


Comentario de María Rodríguez


O heroe        
 
Manuel Rivas
 
 
 
 
“O heroe” é a primeira  obra teatral de Manuel Rivas. É unha obra que nos conta a historia dun ex-boxeador e ex-lexionario cuxo nome é Arturo Piñeiro, alias Caronte, dunha guerra descoñecida, chamada Sidi Ifni. O protagonista regresa a España coa intención de que o alaben polo que fixo, pero atópase cunha poboación que ignora esta guerra. Desenvólvese nunha época entre o franquismo e o mundo actual.
A obra reflexa de que xeito tiñan que tratar os difíciles tempos nos que vivían: a ditadura. Fainos pensar nos duros momentos que había, os secretos, como había que pasar desapercibidos …
A maior parte dos sucesos desenvólvense no bar de Caronte e da súa muller, Lucía,  chamado La Boîte de Pandora. Neste bar ofrécense dous tipos de servizos: por un lado, os combates de boxeo e loita libre que se abren e pechan cos fados que representa Lucía; e por outro,  o propio servizo de  bar onde se levan a cabo diferentes e importantes conversas.  Neste local, Caronte, coñece a Lanzarote, un loitador clandestino e vendedor de máquinas de escribir.
Hai un gran número de personaxes e algúns deles  teñen alcumes. Caronte é o personaxe que máis me gustou, xa que é unha persoa moi leal e que pase o que pase nunha traizoaría aos seus amigos, incluso ata cando o están torturando no cárcere. É moi intelixente, e aínda que ás veces non o demostre, sabe resolver el só os problemas que se lle poñan por diante. Nunca me deixou de atraer este personaxe, ademais ía sacrificarse para poder salvar a un pobo sometido. Sorprendeume a actitude que tiña Medias Vermellas, xa que ao comezo do libro parecía que estaba tola, pero en realidade ela só quería reflexar o frío pensamento da sociedade. Quero destacar a forza de vontade que ten Lucía ao final da obra ao facerse a forte e negar que está chorando (“Nunca ninguén terá que sacarme as bágoas a min”).
Chamoume a atención e resultoume difícil de seguir o xogo que fai Manuel Rivas co tempo: eses saltos que pasan duns anos a outros.
Este libro contén unha linguaxe complexa. Moitos momentos parecéronme tristes e fixéronme reflexionar sobre a tortura que existía naquel intre e a vida actual.  Gustaríame ver representada esta obra.
Recomendo este libro a todo aquel que queira introducirse no mundo dos valorosos heroes.


 

24/02/16

O lapis do carpinteiro

Comentario de Anxo Gil

O lapis do carpinteiro
Manuel Rivas
Xerais 
 
 
 
O libro gustoume moito, pois xa vira unha vez parte da película e quedara ca gana de ler o libro. 
Aínda que me gustou moito o libro, en moitos momentos quedei moi confundido, pois non sei se finalmente Herbal matou ao pintor ou non, pois no principio do relato Herbal di que o matou, pero despois di que o pintor o visitou no cárcere despois de que matara ao marido da súa irmá, que a maltrataba.
A historia do doutor pareceume fascinante, pero non me quedou claro o motivo polo cal marchou do cárcere para ir cos tuberculosos, supuxen que sería para axudar a tratar aos enfermos, pero para iso habería máis médicos, non entendo por que collen a un preso.
O meu personaxe favorito é sen dúbida o doutor Da Barca polo seu valor e o seu humor, e por non renunciar nunca ao seu amor, Marisa Mallo, que tamén é das miñas personaxes favoritas, xunto coa monxa, Marisa por loitar polo seu amor e a monxa por axudar á xente a ser feliz neses momentos de anguria. Herbal non me gustou especialmente porque, a pesar de que ao final da historia mellorou a súa actitude, ao principio foi detestable.
Xeralmente non me adoitan gustar as historias de amor, pero esta foi diferente.
 

12/01/16

O lapis do carpinteiro

Comentario de Vanesa Lalín Pousa


O lapis do carpinteiro
Manuel Rivas
Xerais 
 
 
A primeira vista este libro pareceume feo, xa que estaba gastado, parecía moi vello, aínda que o seu título non estaba de todo mal, pero moi lonxe do que eu puidera pensar se non o chegara a ler.
Cando empecei a lectura pensei que o que contaba era algo próximo, pero co paso das follas os feitos volveron ao pasado, concretamente á Guerra Civil Española, a época do franquismo, o cal podía levar a calquera situación coma a que o libro nos relata, que podían ser moi reais, pero por outro lado en certos momentos da historia falaba de lendas mesturadas coa Santa Compaña, que aquí en Galicia eran moi habituais.
Este libro cóntanos por un lado as inxustizas e atrocidades que podían sufrir os presos políticos nesa época, neste caso, concretamente, un doutor que loitou ata o finl, sen rendirse nunca, cunha gran forza, que parecía imposible manterse en pé, sempre con ánimo. Eu penso que esta foutez lla dou a outra parte da historia, o amor, o que el sentía por unha moza case prohibida, era o que o mantiña forte ante situacións das que era moi difícil sobrepoñerse.
Por outro lado o libro en si non era difícil de entender, aínda que a lectura foi para min algo lenta, xa que o que ía contando a historia cambiaba moitas veces, pasaba dun garda chamado Herbal, a alguén que contaba en primeira persoa outros feitos, polo que ás veces tiña que pensar un pouco, pero unha vez que coñecín os personaxes xa me resultou moito máis fácil.
Deime de conta que nalgún casos estes gardas que facían atrocidades tamén tiñan “conciencia”, que ás veces aparecíanlles remordementos, aínda que pareza incrible.
Con este libro comprendín a forza que pode ter o amor, que como noutras historias no medio de tantos sufrimentos conseguiu que tanto o doutor como a súa moza nunca se renderan e lograran por fin vivir tranquilos, ou iso é o que parece, no exilio.
 

02/01/16

Que me queres, Amor?

Comentario de Raquel García


Que me queres, Amor?
Manuel Rivas
Galaxia
 
 
Deste libro titulado Que me queres amor? de Manuel Rivas podo dicir que non foi dos meus favoritos. Para min os relatos son un pouco complexos xa que na metade deles non entendín ben cal era o acontecemento relevante da historia. En case todas as historias tiven que parar para volver reler páxinas xa que algunhas pasábaas sen saber nin sequera facer un breve resumo delas.
Cada unha das historias trata de algo distinto e a verdade non podo dicir que teña unha favorita xa que en case todas non entendín algunhas partes. A historia que peor entendín foi "A leiteira de Vermeer" xa que se digo verdade non entendín moi ben a relación que garda a nai do neno coa leiteira do cadro pese a intentar entender a historia a conciencia; se teño que escoller algunha para chamarlle "favorita" escollería "A chegada da sabedoría co tempo" xa que me fascina a reacción que pode causar nas persoas dicir unha frase tan sinxela como "Anque as follas sexan moitas, a raíz é só unha" e como esa reflexión pode facer que a xente te vexa doutra maneira.
Se teño que pórlle un adxectivo a este libro poríalle "indiferente" xa que nin me gustou lelo nin non me gustou lelo; digamos que un termo intermedio. As historias líaas con certa indiferenza xa que ao non comprendelas non me metía na historia e polo tanto non me enganchaba. Na miña opinión as historias son moi complexas polo que dificulta a correcta interpretación o que leva a non saber que sucede nelas.
 

24/11/15

Que me queres, Amor?

Comentario de Anxo Gil Figueiras



Que me queres, Amor?
Manuel Rivas
Galaxia




Lin este libro cando tiña 10 anos, pero ao volvelo a ler agora decátome de que non comprendín a milésima parte do que agora vin ao relelo. 
Por exemplo, a primeira historia que lle dá nome á novela, a primeira vez que lin esa historia non entendín que pasou co protagonista, pero agora decateime de que o home foi asasinado no banco polo home que lle ofrecera a carteira. 
Creo que o personaxe da seguinte historia, A lingua das bolboretas, é o mesmo que o home asasinado da primeira historia, xa que na lingua das bolboretas o protagonista, Pardal, ten un amigo chamado igual ao da primeira narración. Pareceume un final moi triste para o profesor, ao ver que o seu alumno favorito lle berraba ao marchar. 
As historias que máis me gustaron foron O míster e Iron Maiden, A moza do pantalón pirata, Conga,conga e Debuxos animados.
O míster e Iron Maiden pareceume unha historia moi triste, porque polo que entendín o pai do rapaz morre, e o rapaz, que a primeiras insultara ao adestrador do Deportivo, ao velo vai abrazalo tras ver que el e o seu pai se asemellaban. 
Tamén A moza do pantalón pirata ten un final tráxico, pois a rapaza que estaba a ver o mar morreu cando os homes fixeron estoupar unha bomba; iso pareceume inhumano, asasinar unha inocente só para acabar con outra vida. 
Gustoume a lección que Pico lles deu a aqueles rapaces en Conga,conga, pero encantoume aínda máis o final de Debuxos animados, cando a muller lle ofrece a cea ao seu amante, engadíndolle veleno.

03/11/15

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de Raquel García
 
 

Madonna e outros contos de inverno
Manuel Rivas
Xerais
  


"Madonna e outros contos" foi un libro que non me gustou moito. Segundo ía lendo os contos e non me gustaban pensaba que inda podería atopar algún interesante dos que me quedaban pero cheguei ao final do libro e ningún dos contos me gustou moito. Só un, chamado "A barra de pan" me pareceu interesante e mesmo me conmoveu xa que na vida hai xente que pasa por momentos difíciles e eses márcante sobre todo se é na infancia.
Creo que aos contos en xeral lles falta algo, un feito relevante para que pasar a páxina non sexa só para querer chegar ao remate do libro e non querer saber máis del. Entre si os contos non teñen moita relación un trata de amor, outro do paso do tempo, da droga... o único que comparten e que todos se desenvolven en época de inverno.
O que menos me gustou foi que os finais non son nada claros e nalgúns a historia queda pendurada sen saber como terminou, que pasou... e o máis interesante dun conto é o final. 
Dicir tamén que o vocabulario ás veces non é moi sinxelo porque lía páxinas que non sabía o que me estaban contando.

02/11/15

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de Adrián Mato


Madonna e outros contos de inverno
Manuel Rivas
Xerais



Este libro gustoume a pesar de que emprega un vocabulario moi complexo, polo cal tiven que reler algunhas das historias. Parecéronme contos moi distintos, algúns tristeiros, outros un pouco máis divertidos, mais tiñan en común un ambiente lúgubre ben dado por estar en Nadal, ou pola situación na que se desenvolvía o conto, ademais, todas as historias están relacionadas dun xeito ou outro coa emigración.

O namorado de María:

Foi a historia que máis me enganchou ao comezo, pero, na que peor entendín o desenlace, non foi ata lelo tres veces cando me dei conta do que en realidade ocorrera.

        Okay:

A pesar de estaren os sucesos un pouco enleados neste conto, foi un dos que mellor entendín e sen dúbida é a historia máis cómica do libro, en parte pola repetición da palabra okay e, en parte, porque o protagonista excúlpase de todos os feitos e admite a culpa pero bótalla ao outro .

         Madonna:

Foi o conto que máis me gustou, pola verdade das palabras da rapaza.  Encantoume a historia de Dosinda e Mora. Ademais aprendín con este conto, porque, non sabía que se tiña que separar o becerro da nai nada máis nacer xa se non esta non dá leite.

         O amor das sombras:

Creo que esta é a historia da bondade e o amor de Nadal. O amor por parte do vello e Lorena, un amor que non puido ser por culpa da emigración e a bondade por parte da muller que o secou a el e o seu can  dándolle despois unha chaqueta.

       O carteiro de Papá Noel:

Esta foi a historia que menos me gustou, paréceme un conto aburrido no cal entendín todo pero non me gustou. Aínda que si que me agradou a coincidencia entre o que lle dixo a rapaza e o que estaba escrito na carta que lle entregaron.

       O partido de Reis:

A verdade é que este conto chegoume ao corazón, foi das historias máis tristes ao comezo e máis alegres ao final. Paréceme triste, que moitas persoas non se dean conta das facultades coas que contan moitas persoas que teñen o chamado síndrome de Down. E porén el tiña plena confianza neles, ata o punto de que non cruzou a raia, ata que lle dixeron que a pasara.

       A barra de pan:

Esta historia foi un claro reflexo da pobreza que se vivía na época do protagonista, unha pobreza que vivían unha familia numerosa e na que todos tiñan que aportar o que podían. Mais hai pequenas formas de amor como a da nai que non lle dixo nada ao fillo cando comeu o único alimento que lle quedaba. 

         A chegada de Ingrid:

Foi a historia na que máis se notou o factor da emigración e como por mor desta se rompen familias e amizades, ademais é triste que unha rapaza só poida ver o seu pai unha vez o ano.

01/11/15

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de Miguel González Taboada



Madonna e outros contos de inverno
Manuel Rivas
Xerais
O primeiro que pensei ao ler este libro foi que ían a ser contos frios e invernais, pero estaba moi equivocado. O libro encantoume porque trata sobre distintas historias tanto de misterio e drama como de amizade.
Outra das cousas que me sorprendeu deste libro foi a gran cantidade de sitios dos que fala dos cales uns poucos creo que os coñezo ou polo menos teñen un nome calcadiño nun contexto similar.
Encantáronme todas as historias pero hai unha que trata sobre a amizade con persoas un tanto especiais e deporte que me chamou a atención tanto no ben escrito e redactado que estaba como en como se ía desenvolvendo a historia dando un xiro dende un final pouco atraente ata outro que te ten atrapado na historia sen querer parar de ler.
Pero o que máis me sorprendeu do libro foi o pouco que tardei en lelo, porque coa cantidade de boas historias que ten é relativamente curto, apenas tardei hora e cuarto.
En resumo, é un libro máis que recomendado e que a miña forma de ver vaille gustar á gran maioría de lectores.

31/10/15

Madonna e outros contos de inverno

Comentario de María Rodríguez González



Madonna e outros contos de inverno
Manuel Rivas
Xerais
  


O libro consta de oito relatos que tratan diferentes  temas pero todos se desenvolven no Nadal. Non me chamou moito a atención, xa que prefiro que trate unha soa historia, non varias.
O conto que máis me gustou foi “O partido de Reis” que trata sobre un rapaz chamado Félix que  ten síndrome de Down e que lle encanta xogar ó fútbol pero os seus compañeiros metíanse con el e nunca o deixaban xogar.  Cando tiñan algún partido fóra da escola, Félix sempre se presentaba pero nunca era convocado. O día de Reis tiñan un partido moi importante e faltáballes un xogador; pronto apareceu Félix moi entusiasmado disposto a xogar.  Aínda que foi un partido bastante complexo, Félix marcou o gol da vitoria e todos quedaron aparvados.  Encántame a actitude que teñen estas persoas, sempre contentas e loitando por conseguir un obxectivo. Este relato ensínanos a valorar ás persoas que teñen unha discapacidade.
O conto que menos me gustou foi “A chegada de Ingrid”. Non o entendín moi ben e pareceume un pouco aburrido.