ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

17/10/21

Resistencia

 Comentario de Carlota Collazo Catoira



Resistencia

Rosa Aneiros

Xerais



Esta novela enganchoume dende o principio coa historia de amor clandestina entre Isaura e Antonio, e rematou de namorarme co amor apaixonado e valente de Dinís e Filipa, quen, dende mozos, loitaron contra vento e marea por conservar a súa relación fronte a todos os obstáculos que se lle interpoñían no camiño. 

É unha historia ambientada en Portugal, durante as ditaduras de Salazar e Marcelo Caetano, moi marcada pola morte, o sufrimento, as violacións e polo amor incondicional dos dous protagonistas; un amor que perdura no tempo a pesar das mentiras, da distancia e das cartas de amor escritas durante anos que nunca chegan ó seu destino. 

 Paréceme moi importante o apoio que Dona Leonor sempre lle ofreceu tanto a Filipa, filla dun rico comerciante, como a Dinís, un obreiro dunha fábrica de vidro ó que esta muller lle ensina a escribir e a ler para poder comunicarse coa súa amada. 

Non son moi afecionada aos libros con final aberto, xa que penso que nos deixan cavilando sobre o que podería ser ou non, pero nesta novela gustoume que deixara ao lector voar a súa imaxinación.

Resistencia

 Comentario de Guillermo Pérez Fernández



Resistencia

Rosa Aneiros

Xerais

 

Resistencia é unha novela da escritora e xornalista Rosa Aneiros (Valdoviño
1976) que foi publicada pola editorial Xerais no ano 2002.
Rosa Aneiros con esta novela fai que nos traslademos ao país veciño,
Portugal, a unha época marcada polas inxustizas e abusos dun réxime dictatorial, o
réxime de Salazar e o de Marcelo Caetano.

A historia comeza en San Pedro de Moel, unha pequena vila mariñeira na que
vive Dinís, un mozo de familia humilde e froito dun amor clandestino entre súa nai,
Isaura, e un home casado, Antonio. É alí onde coñece a Filipa que, aínda que vive en
Coímbra, pasa todos os veráns na casa da súa avoa dona Leonor. Dinís e Filipa
namóranse profundamente. Durante as vacacións dan renda solta ao seu amor e no
inverno mándanse cartas a través de dona Leonor ata que Dinís é chamado a filas.
Foi destinado a Mozambique onde descubriu a crueldade e o sen sentido da guerra.
Foron moitos os abusos de poder que presenciou pero o que máis lle impactou foi a
violación dunha nena chamada Aaial por parte de soldados do exército. Tras dous
anos, regresou á casa, pero nunca volvería a ser o mesmo: a guerra cambiárao.
Continuou traballando na fábrica de vidro e soportando o maltrato por parte do
capataz, algo que xa viviran xeracións anteriores, entre elas a súa avoa. Canso de tanta
humillación, uniuse a un grupo comunista para defender os dereitos dos traballadores
pero nunha revolta foi detido e levado ao cárcere de presos políticos en Peniche.
Entre reixas, o único que mantiña vivo a Dinís era a esperanza de reunirse con Filipa
á que lle escribía todas as noites unha carta que esta nunca chegaría a recibir, xa que
os militares as deixaban retidas no cárcere. En abril do ano 1974 tivo lugar a
Revolución dos Cravos caendo así o réxime dictatorial. Todos os presos políticos
foron postos en liberdade, entre eles Dinís. O mozo regresou a San Pedro de Moel co
desexo de atopar a Filipa pero  non foi así. O que non sabía Dinís era que a súa
amada tivera que exiliarse ao Brasil para evitar ser detida pola PIDE, xa que ela
tamén pertencía a un grupo comunista da universidade. No Brasil, Filipa recibira unha
carta por parte dos militares dicíndolle que Dinís morrera no cárcere, o que fixo que
esta perdera todas as ganas de regresar a Portugal. Pasaron os anos e aínda que os
dous mozos seguiron coas súas vidas, nunca volveron ser os mesmos e nunca se
esqueceron o un doutro. Non sería ata a morte do pai de Filipa cando esta regresou a Portugal coas cinzas deste. Foi entón cando se enterou de que Dinís seguía vivo e de
que todo fora un engano. O seu corazón volveu a latexar con forza e saíu na procura
do seu amado aínda que sabía que ninguén lles podería devolver o tempo que lles
roubaran.


Resistencia é unha novela que  envolve dende o primeiro momento. Está
escrita con moita profundidade e sentimento. Cunha linguaxe moi coidada e
descritiva fai que viaxemos a un tempo relativamente próximo e que vivenciemos
unha experiencia que moitos dos nosos antepasados tamén sufriron, a represión
dunha ditadura. Ábrenos as portas a unha realidade na que foron moitos os que
tiveron que renunciar a súa propia vida para que hoxe nós poidamos desfrutar do que
temos, LIBERDADE.

Un animal chamado néboa

Comentario de Laura Cacheda Fernández


 

Un animal chamado néboa

Ledicia Costas

Xerais

 

É complicado comentar este libro porque houbo momentos nos que non podía articular nin unha palabra.

É un libro no que se narran os feitos que sucederon arredor da Segunda Guerra Mundial, pero non nos comunica datos como a materia de Historia. Redáctanos a capacidade tanto física como mental das persoas que vivían naquela época.

Hai partes do libro moi acertadas pero hai outras que non tanto. Os diferentes relatos nos que se divide este libro están tan resumidos que cando realmente lle colles afecto aos personaxes principais, a historia remata e quizais da maneira que menos desexaría.

Pero tamén podo comentar que tanto o primeiro capítulo como o quinto foron os que máis me removeron, chegando a ter que pousar o libro e continuar noutro momento. Non me parece tarefa doada narrar a fame que pasaban en Leningrado, chegando a ter que devorarse uns aos outros. Pero como non, non podía faltar unha parte dedicada a sociedade completamente machista daquela época, contando unha historia que chega a poñer a pel de galiña, e que incluso fai reflexionar sobre o progreso que experimentaron as persoas o longo do tempo.

Na miña opinión non é o mellor libro desta autora, pero tamén temos que recoñecer que non é nada fácil redactar un libro histórico, polo feito de que precisa un gran traballo de investigación. Pero si consegue crear unha gran mestura de sentimentos interiores provocando o florecemento de pensamentos sobre a gran calidade de vida que a día de hoxe temos en comparación á daqueles anos. E por suposto apórtame unha gran cantidade de datos que para min eran completamente descoñecidos.

Un animal chamado néboa, libro que provoca unha profunda dor á hora de lelo, e supoño que á de redactalo, por isto quero darlle os meus máis sinceros parabéns a Ledicia Costas.

 

Hai que matalos a todos

 Comentario de Carlota Collazo Catoira


 

 

Hai que matalos a todos

Héctor Carré

Xerais

 


   

Intereseime por este libro nada mais lin o seu título, e chamoume máis a atención ó ler a primeira frase do primeiro capítulo: ”Agora que estou morto, podo falar sen medo”. O libro “Hai que matalos a todos”, escrito por Héctor Carré, conta as tres situacións nas que se atopan 4 protagonistas que, aínda que ó principio parecen moi diferentes, vanse unindo entre si ata formar unha única e misteriosa historia, cun chisquiño de amor polo medio, que nunca vén mal. 

Por un lado, Tesa e Ernesto son unha parella á que lle encanta saír de festa, emborracharse e colocarse, ata que un día gravan un vídeo dun atropelo que dará moitos problemas ao longo desta historia. Por outro lado temos a Néstor, un xove xornalista que tamén ha de pasar o seu por culpa deste polémico vídeo. E por último, Toni Capelán, un axente do CNI bastante ambicioso que tamén dará bastante de que falar ao longo do libro. 

O que máis caracteriza a Néstor, o noso protagonista, e o que máis me gusta del, é a “obriga de desenmascarar o poder cando intenta actuar ilegalmente”, tal e como o reflicte el mesmo no libro. Penso que esta valentía é admirable, pero esas ganas de facerse o heroe lévano a tomar decisións impulsivas que desencadearán en problemas a Tesa, que é moi insegura e medosa, e mais a el. 

Nesta novela todos os personaxes cometen moitos erros no pasado, pero a medida que a historia vai avanzando, aprenden deles e intentan mellorar como persoas, o que se entnde como un acto de superación, aínda que para algúns deles sexa demasiado tarde para iso. 

Este libro contén frases que me gustaron moito e que levan a reflexionar, como por exemplo, unha das miñas favoritas: “Ás veces o medo pode ser máis forte que a xustiza” - Néstor Varela 

O final pareceume un bo cerre para esta historia,e persoalmente recomendo este libro a todas as persoas ás que lle guste a novela negra e o misterio.

 Comentario de Miguel Aller Díaz



Dentro da illa

Dolores Ruiz

Galaxia



Dentro da illa
é un libro de Dolores Ruíz que foi publicado pola editorial Galaxia como parte da súa colección “Literaria” no ano 2005. 

 A obra comeza presentando a personaxe de Frida, unha muller que esperta nuha illa sen lembrar absolutamente nada, nin tan sequera como chegou alí. Nesta illa vive un grupo de xente que coñecerá e da que se fará amiga; sobre todo de Laura, a persoa que máis a axuda. 

Este primeiro comezo paréceme bastante interesante e creo que a idea inical tiña un gran potencial, pero a partir deste punto a historia desvíase un pouco e comézase a complicar, introducindo personaxes mortos e mesturándoos cos vivos. A historia desenvólvese lentamente, o cal está ben xa que permite asimilar mellor os seus distintos puntos de inflexión, aínda que creo que en certos capítulos se podía axilizar un pouco máis. 

En canto ós personaxes creo que é un dos puntos fortes da novela, sobre todo os principais, xa que teñen unha personalidade moi marcada e son carismáticos, o cal é moi difícil de conseguir. Porén, existen certos personaxes secundarios (como Amaro e Sumo), que non acaban de desenvolverse de todo: creo que se  podía ter feito máis fincapé neles, sobre todo en Amaro. 

En definitiva, creo que se vos gusta ler obras de misterio e historia arrevesadas é a vosa oportunidade, pero tedes que tomarvos con calma a lectura xa que é un libro lento no que hai que ir entendendo todo o que pasa para poder desfrutalo completamente.

16/10/21

O Gran Reino

Comentario de Mateo Rozas González


 

Eduardo Santiago

O gran reino

Editorial Xerais 

 


O gran reino   é unha novela fantástica que narra a historia de Gala, unha nena con problemas de saúde relacionados coa anorexia. 

A novela cumpre sen dúbida ningunha a súa clasificación como xénero fantástico xa que o autor intercala a narración de forma axeitada entre o mundo real e un mundo imaxinario na mente da protagonista. E tanto que imaxinario, case penso que estou lendo un conto feito por un neno de nove anos. Non obstante, paréceme unha moi boa idea e gústame como relaciona ou emprega como unha metáfora o que acontece no mundo real co  imaxinario. 

A historia real pareceume xenial, o libro enganchoume dende o primerio momento e xa estaba desexando coñecer o desenlace, e así foi ata que cheguei á metade do relato, onde se fixo moi repetitivo, desaparecendo por completo o desexo de seguir lendo. 

A historia nárrase dende o punto de vista feminino, o autor fainos ver as mulleres como persoas intelixentes e sensatas, o que non supón ningún problema, pero o tratamento das personaxes ten un aspecto a valorar que é a agresividade do xénero masculino. Tamén resalta o narcisismo e a competitividade da protagonistra, un estereotipo cada vez máis presente na sociedade actual e co cal me podería sentir identificado. 

Como xa dixen, cara á metade a novela decepcionoume bastante e o final non supuxo un cambio, non me pareceu un final moi resolutivo e ao parecer tratábase dunha adiviña que non fun capaz de resolver. Non podo dicir que o libro non me gustase absolutamente nada pero non o recomendaría en absoluto.

13/02/20

Remexido de patacas


Comentario de Nuria Lamazares Fernández



Eli Ríos
Remexido de patacas
Baía




Non sei moi ben como escribir sobre esta curiosa historia escrita por Eli Ríos. En apenas oitenta páxinas a autora conta unha historia na que a protagonista, chamada Ana, acaba cunha persoa que lle converte a súa vida nun pesadelo e xunto unha amiga chamada Pili, loita contra a súa liberdade.Penso que esta novela inclúe moita crítica e denuncia social, algún dos temas tratados son a violencia de xénero e o sistema social patriarcal no que vivimos.As protagonistas son as encargadas de por sobre a mesa varios temas e reflexións moi importantes, algo que me gustou moito dos persoaxes  e que cada lector pódeos imaxinar dunha maneira ou doutra porque en ningún momento se describen.Neste caso Ana demostra ter un carácter moi forte e moita sangue fría.É difícil falar deste libro tan curtiño se facer ningún spoiler pero unha das cousas que máis me gustou foi que o fin deixa moitas dúbidas e cada lector pode imaxinar un fin para a historia distinto.
En resumo  esta novela remexe moitos temas e emocións. O estilo de Eli Ríos, resultoume fluído o que fai que te metas máis na historia que conta.

05/03/19

22 segundos

Comentario de Nuria Lamazares

22 segundos
Eva Mejuto
Xerais
 
 
 
22 segundos  conta, dun xeito orixinal, a historia de Álex, un rapaz transexual, e como intenta descubrir quen é realmente.
Este mozo  abre un blogue para compartir a súa vida, a súa infancia, e o seus sentimentos. Trata de dicirnos que non está enfermo e  que debemos cambiar o pensamento da sociedade.
Percorre o camiño para conseguir o que se sente e o que quere co apoio do seu avó e de toda a súa familia.
O título “ 22 segundos “ fai referencia ao tempo que tarda o arquivo en subirse ás redes.
Como menciona o libro en varias ocasións, o que non se fala é coma se non existise e este tema debería falarse xa que é moi importante.
Empaticei un montón con Alex  xa que fun quen de comprender a súa impotencia e frustración diante da súa situación.
É unha novela que recomendaría a varias idades xa que apoia a igualdade entre tod@s.
 

04/11/18

A balada dos unicornios

Comentario de Nuria Lamazares Fernández


 
A balada dos unicornios
Ledicia Costas
Xerais



Cando empecei a ler este libro estiven a punto de deixalo, menos mal que non o fixen. Combina fantasía, maxia, un pouco de realidade... o que o fai xenial e marabilloso.
Ágata é a protagonista, encántame o seu carácter e a súa forma de ser, sempre perseguindo os seus soños, facendo todo o posible para non abandoar aos seus amigos e sendo unha persoa moi valente, xa que esa viaxe tan perigosa non a emprende calquera.
Odio as persoas como Cornelia, porque é egoísta e mala: só por envexa arríncalle os ollos á súa neta, onde ela tiña os poderes e temía que Ágata tivese máis poder ca ela.
En fin, este libro resultoume incrible e fantástico, recomendaríallo aos meus compañeiros e compañeiras.

03/11/18

A balada dos unicornios

Comentario de Olivia Rodríguez González




 
A balada dos unicornios
Ledicia Costas
Xerais




Encantoume este libro de maxia, por iso converteuse nun dos meus favoritos. O símbolo deste reino máxico que conta a historia son os unicornios, uns animais fantásticos que a min particularmente sempre me atraeron.
Eu identifícome con Ágata, a protagonista, porque me parece unha nena valente, xa que emprende unha viaxe moi perigosa, e xenerosa, proque non o fai por ela senón polo seu mellor amigo León. Ao mesmo tempo, odio a xente como Cornelia, porque é egísta e mala persoa: só por envexa arríncale os ollos á súa neta, neles tiña poderes máximos e ía ser a súa herdeira, e temía que acadasemías poder ca ela.
Eu recomendo este libro xa que é moi entretido e interesante.