ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

17/10/21

Un animal chamado néboa

Comentario de Laura Cacheda Fernández


 

Un animal chamado néboa

Ledicia Costas

Xerais

 

É complicado comentar este libro porque houbo momentos nos que non podía articular nin unha palabra.

É un libro no que se narran os feitos que sucederon arredor da Segunda Guerra Mundial, pero non nos comunica datos como a materia de Historia. Redáctanos a capacidade tanto física como mental das persoas que vivían naquela época.

Hai partes do libro moi acertadas pero hai outras que non tanto. Os diferentes relatos nos que se divide este libro están tan resumidos que cando realmente lle colles afecto aos personaxes principais, a historia remata e quizais da maneira que menos desexaría.

Pero tamén podo comentar que tanto o primeiro capítulo como o quinto foron os que máis me removeron, chegando a ter que pousar o libro e continuar noutro momento. Non me parece tarefa doada narrar a fame que pasaban en Leningrado, chegando a ter que devorarse uns aos outros. Pero como non, non podía faltar unha parte dedicada a sociedade completamente machista daquela época, contando unha historia que chega a poñer a pel de galiña, e que incluso fai reflexionar sobre o progreso que experimentaron as persoas o longo do tempo.

Na miña opinión non é o mellor libro desta autora, pero tamén temos que recoñecer que non é nada fácil redactar un libro histórico, polo feito de que precisa un gran traballo de investigación. Pero si consegue crear unha gran mestura de sentimentos interiores provocando o florecemento de pensamentos sobre a gran calidade de vida que a día de hoxe temos en comparación á daqueles anos. E por suposto apórtame unha gran cantidade de datos que para min eran completamente descoñecidos.

Un animal chamado néboa, libro que provoca unha profunda dor á hora de lelo, e supoño que á de redactalo, por isto quero darlle os meus máis sinceros parabéns a Ledicia Costas.

 

Sen comentarios