ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

17/10/21

Resistencia

 Comentario de Guillermo Pérez Fernández



Resistencia

Rosa Aneiros

Xerais

 

Resistencia é unha novela da escritora e xornalista Rosa Aneiros (Valdoviño
1976) que foi publicada pola editorial Xerais no ano 2002.
Rosa Aneiros con esta novela fai que nos traslademos ao país veciño,
Portugal, a unha época marcada polas inxustizas e abusos dun réxime dictatorial, o
réxime de Salazar e o de Marcelo Caetano.

A historia comeza en San Pedro de Moel, unha pequena vila mariñeira na que
vive Dinís, un mozo de familia humilde e froito dun amor clandestino entre súa nai,
Isaura, e un home casado, Antonio. É alí onde coñece a Filipa que, aínda que vive en
Coímbra, pasa todos os veráns na casa da súa avoa dona Leonor. Dinís e Filipa
namóranse profundamente. Durante as vacacións dan renda solta ao seu amor e no
inverno mándanse cartas a través de dona Leonor ata que Dinís é chamado a filas.
Foi destinado a Mozambique onde descubriu a crueldade e o sen sentido da guerra.
Foron moitos os abusos de poder que presenciou pero o que máis lle impactou foi a
violación dunha nena chamada Aaial por parte de soldados do exército. Tras dous
anos, regresou á casa, pero nunca volvería a ser o mesmo: a guerra cambiárao.
Continuou traballando na fábrica de vidro e soportando o maltrato por parte do
capataz, algo que xa viviran xeracións anteriores, entre elas a súa avoa. Canso de tanta
humillación, uniuse a un grupo comunista para defender os dereitos dos traballadores
pero nunha revolta foi detido e levado ao cárcere de presos políticos en Peniche.
Entre reixas, o único que mantiña vivo a Dinís era a esperanza de reunirse con Filipa
á que lle escribía todas as noites unha carta que esta nunca chegaría a recibir, xa que
os militares as deixaban retidas no cárcere. En abril do ano 1974 tivo lugar a
Revolución dos Cravos caendo así o réxime dictatorial. Todos os presos políticos
foron postos en liberdade, entre eles Dinís. O mozo regresou a San Pedro de Moel co
desexo de atopar a Filipa pero  non foi así. O que non sabía Dinís era que a súa
amada tivera que exiliarse ao Brasil para evitar ser detida pola PIDE, xa que ela
tamén pertencía a un grupo comunista da universidade. No Brasil, Filipa recibira unha
carta por parte dos militares dicíndolle que Dinís morrera no cárcere, o que fixo que
esta perdera todas as ganas de regresar a Portugal. Pasaron os anos e aínda que os
dous mozos seguiron coas súas vidas, nunca volveron ser os mesmos e nunca se
esqueceron o un doutro. Non sería ata a morte do pai de Filipa cando esta regresou a Portugal coas cinzas deste. Foi entón cando se enterou de que Dinís seguía vivo e de
que todo fora un engano. O seu corazón volveu a latexar con forza e saíu na procura
do seu amado aínda que sabía que ninguén lles podería devolver o tempo que lles
roubaran.


Resistencia é unha novela que  envolve dende o primeiro momento. Está
escrita con moita profundidade e sentimento. Cunha linguaxe moi coidada e
descritiva fai que viaxemos a un tempo relativamente próximo e que vivenciemos
unha experiencia que moitos dos nosos antepasados tamén sufriron, a represión
dunha ditadura. Ábrenos as portas a unha realidade na que foron moitos os que
tiveron que renunciar a súa propia vida para que hoxe nós poidamos desfrutar do que
temos, LIBERDADE.

Sen comentarios