ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

30/05/14

Silencio no corazón

Comentario de
María Eugenia Gil Pallares





 
Silencio no corazón
Jaume Cela
Galaxia





Silencio no corazón. Silencio que non podemos evitar cando pasan tantas desgrazas en tan pouco tempo. Silencio que Xoán non pode evitar despois de vivir na guerra civil, de que intenten matar ao párroco, de que o seu tío Bernado, o seu ídolo, vaia á guerra e el saiba que nunca vai volver a pesar das moitas promesas. Despois de que a súa “historia con minúscula” se rompa por culpa da “Historia con maiúscula”, e desta mesma “Historia con maiúscula” se leve á súa irmá. Libro cheo de desgrazas, si; pero iso non lle quita a beleza. E queiramos ou non, esa “Historia” tamén nos afectou á nosa “historia” dunha maneira ou doutra. Para min ten un 8,5.
 

29/05/14

Made in Galiza

Comentario de Alberto García Fernández

Made in Galiza
Séchu Sende
Galaxia
 
 
Este libro gustoume moito, porque trata temas moi interesantes e sobre todo porque defende a lingua galega de moitas maneiras e dando exemplos para entendelo mellor.
   O libro está formado por moitos relatos pequenos que se len moi rápido e enganchan dende o primeiro momento. En xeral gustáronme todos, pero os que máis me chamaron a atención foron "A lingua máis difícil", "sssssh" e "As linguas de fume", porque para min son as que mellor representan a perda do idioma e o que lle está a pasar ao galego.
   En resumo, o libro gustoume moito, xa que é curto e entretido e recomendaríallo a calquera que quixese pasar unha boa tarde.

Diario secreto de Adrian Mole

Comentario de  Helena Pereiras Villamayor


Diario secreto de Adrian Mole 
Sue Townsend
Xerais






Este é un libro realista, que conta cun toque de humor os problemas que lle poden xurdir na vida diaria a calquera adolescente. Conta como Adrián, un rapaz pasando pola adolescencia, se preocupa por cousas tan simples como, por exemplo, un gran no barbarote. Pero tamén conta cousas máis serias como ben pode ser a separación de seus pais.
Se lle teño que poñer algunha pega sería o final indefinido que ten, xa que a min non me gustan eses finais. Polo demais, un bo libro.

28/05/14

O mundo secreto de Basilius Hoffman

Comentario de Mariña Castro

O mundo secreto de Basilius Hoffman
Fernando M. Cimadevila
Urco




Este libro ten o encanto suficiente para enganchar a calquera lector, pero comigo non o conseguiu.
Fantasía mesturada con lendas antigas, personaxes variados e pintorescos, bastóns máxicos e lugares incribles. 
Tendo ingredientes tan xugosos non comprendo como puido xurdir un libro tan aburrido que deixa numerosos asuntos (que eu considero importantes) sen revelar. 
O final resulta algo desconcertante, e o obxectivo da historia maniféestase algo tarde, tendo ao lector vagando entre as páxinas.
A maior chispa desta obra tal vez sexa a gran importancia dos felinos, pasando polas lendas do exótico Exipto, entrando en Avalon e nos seus segredos e sen dúbida os personaxes, quizais algo desaproveitados.
Non sabemos o que senten, o que pensan, só os vemos deambular  como espectros cara un obxectivo: impedir a destrución (que orixinal!)
Rivka, a muller gato, é posiblemente a única que se salve. Cunha historia apaixoante, aínda que con certas lagoas que te descolocan.
E no outro extremo está Peter, o insulso protagonista preadolescente. 
Esperaba máis pola portada e os debuxos e frases que están no inicio de cada capítulo, que disfrazan un pouco o libro.
Califícoo como "fantasía frouxa".