ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

31/05/15

Makinaria



Comentario de Francisco Rodríguez


Makinaria
Carlos Negro

Xerais
 
 
Este libro do recoñecido como o meu poeta favorito Carlos Negro, pareceume dos mellores libros que lin. O principal motivo que impulsou ese pensamento foi o feito de que mestura os dous temas  máis famosos nos chicos: chicas e coches. E que o fai dunha forma onde critica a forma de ´´divertirse´´dos adolescentes da actualidade amosando de forma clara e directa a principal consecuencia dun comportamento insensato: a morte.
Tamén me encantou que algúns poemas teñan unha gran musicalidade o que fai moito máis amena a lectura e que fixo que non puidera reprimir as ganas de cantalo.
Paréceme un libro que deberían por como libro obrigatorio a todos os nenos, pois eu creo que serve para darnos un golpazo  e que nos demos conta que nin todo é de luz e cor e que xa hai que irse comportando de certa maneira , xa que se non o fas podes sufrir, ti e os teus queridos, as graves consecuencias.
 En definitiva, un libro que lería moitisisisismas veces e todas elas con gusto.
 

30/05/15

O Faro Escuro

 Comentario de Raquel García



O Faro Escuro
Mría López Sández
Galaxia



O Faro Escuro é un libro moi interesante e fácil de ler; como podemos case que intuír polo seu título trata sobre misterio. Carolina é unha xornalista que desaparece sen deixar pistas pero na comisaría en Galiza onde se encargan dos feitos xa teñen moitas hipóteses abertas. Un accidente de avión, uns superviventes, acosos polo móbil e en persoa... demasiados camiños que investigar, pero dous están relacionados e teñen máis forza de que poidan ser os camiños correctos polos que guiar a investigación. Na comisaría, Carolina non é unha cara nova xa que a axente Neira xa coincidiu con ela uns anos atrás.
 Segundo avanzas no libro pódeste facer unha idea de quen é o secuestrador, ao principio pode pasar desapercibido pero logo a súa vinculación con Carolina e cuns feitos en común delátano. Os plans que ten o secuestrador para Carolina son despiadados xa que só a unha mente enferma se lle ocorrería a idea de querer ofrecer a Carolina como un obsequio a uns familiares mortos.
 Para concluír quero dicir que é un libro moi entretido no que o feito do secuestro atrae a túa curiosidade e te invita a seguir lendo ata o final.

Robbie e outros relatos

Comentario de Francisco Rodríguez FErnández


Robbie e outros relatos
Isaac Asimov
Vicens Vives




Este libro de Isaac Asimov deixoume un sabor do máis amargo, polo que seguramente non volvería ler este libro xa que eu creo que a lectura debe ser gozosa e miña con este libro non foi así. Un libro do máis surrealista que non me atraeu moito cando o empecei a ler e que a medida que continuaba ese ánimo co que comecei foi decrecendo.
A maior influenza neste ámbito penso que foi a diversidade de contos e a diversidades de temas en cada un deles, pese a ter un pequeno punto compartido que é o futurismo. Non me gustou para nada a presenza de dous contos relacionados (co motivo do ordenador) e dous totalmente independentes. E tamén a falta dun tema principal (aparte do futurismo) que relacione todos os contos, xa que hainos de todos os colores e sabores: o primeiro sobre os múltiples prexuízos que existen día a día "polo que dirán", o segundo sobre a posibilidade de que no futuro esteamos controlados constantemente polas máquinas, o terceiro sobre o respecto que lle hai que ter tanto os seres vivos como as pertenzas de alguén, e cuarto que se complementa con segundo pola aparición do ordenador e que trata dos medos que un pode ter a non vivir  cada  día coma se fose o derradeiro.
Ademais foi un libro que me custou ler e que a cada capítulo que lía facíame esa pregunta tan repetida nos viaxes de ¨¿Falta moito?¨ .
Debo admitir que o tema do futurismo non é un tema que me atraeu nunca  pero deille un voto de confianza a este libro máis pola pinta exterior que por nada  do interior.
En definitiva que o meu desgusto sobre o tema de ficción segue a aumentar.

Cemiterio de elefantes

Comentario de David González Sampayo


Cemiterio de elefantes
Fran Alonso
Xerais





"Cemiterio de elefantes" é un fantástico e marabilloso libro, no que se fai unha viaxe ao interior da noite viguesa. Este libro posúe unha estrutura semellante a outro libro de Fran Alonso, A punta de pistola. Estes dous libros parécense na combinación de varias historias nunha soa e tamén na forma de unilas. Coma en case todos os libros deste gran autor a lingua é sinxela, pero a súa vez, cargada de gran significado. Unha das cousas que máis admiro desta obra é gran variedade de temas que o seu autor introduce nun libro de tan só cen páxinas.
Este libro, na miña opinión, transmíteche a idea de que é unha especie de entrevista as persoas que traballan durante a noite e tamén ás que saen de festa e de marcha.

A historia posúe un gran realismo, xa que os personaxes das historias poderian ser calquera de nós, os lectores da obra. Outro detalle polo cal a obra posúe, para o meu gusto, un gran realismo é pola detallada descrición que se dá sobre o lugares onde transcorren as accións e sobre os personaxes que protagonizan cada un dos relatos.

É un libro que me sorprendeu porque algunhas das escenas que posúe son bastante calafriantes e póñenche a pel de galiña, como por exemplo, cando no primeiro capítulo un home intenta violar a unha muller ou coma no cuarto no que o dono dun bar atopa a un cliente tirado no  baño despois de meterse droga cunha xiringa. Todas elas son situacións que che fan reflexionar, cousa que creo que quería conseguir o autor con este libro. Por outra parte nesta obra denúnciase  a pouca consideración da que gozaban as mulleres nunha sociedade machista.

En definitiva, foi un dos libros optativos de todos os que levo lidos, case todos de Fran Alonso, dos que máis me gustou en canto a súa estrutura, a súa linguaxe e, sobre todo, en canto ao seu real e intrigante contido.

29/05/15

O gato negro e outros contos de horror

Comentario de Jorge González


O gato negro e outros contos de horror
Edgar Allan Poe
Vicens Vives




Cando comecei a ler este libro titulado "O gato negro e máis contos de horror", de Edgar Allan Poe xa sabía que ía tratar sobre distintos relatos de medo, porque este autor, para min, é un dos mellores escritores de contos de horror.
Algúns dos relatos que contén este libro, cando os les, transmítenche medo e a veces dáche uns calafríos.
O relato que máis me gustou foi, "A mascarada da Morte Vermella", porque este relato fala un chisco da Peste Negra que sufriu Europa na Idade Media.
A linguaxe desta novela era un pouco difícil de entender, porque había moitas palabras que eu non utilizo diariamente.
En resumo, a min gustáronme moito estes contos de horror e recoméndollo a outras persoas ás que lles guste pasar un pouco de medo mentres están a ler un libro. 

28/05/15

Rapazas

Comentario de Anxo Gil


Rapazas
Agustín Fernández Paz
Xerais


Atopei un pouco raro o comezo do libro, pensei que era un pouco estraño. Sen embargo, cando a primeira historia rematou, comecei a ver máis normais as situacións das rapazas (menos a da última historia, Dúas rosas murchas, que me pareceu demasiado surrealista, cunha pantasma dun rapaz ao que fai máis dun ano que non ves e te observa durmir). Tal vez a miña historia favorita fora esa mesma, porque foi a que mellor me imaxinei, pensando na aldea. Aínda así, o meu personaxe favorito foi Ana, de Un curso con Ana, pola súa maneira de pensar e a súa forma de ser, sendo capaz de enfrontarse a quen fixese falta para saírse coa súa, que normalmente era defender á muller fronte ao home. Atopei un comentario machista na historia A primeira meta, pois a nai coméntalle á filla que se segue correndo, vai facer músculo nas pernas e que se lle van deformar; e dille que deixe o deporte para os rapaces, xa que non é para rapazas. Iso desgustoume moito xa que non é verdade.