ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

30/05/17

Ás veces quero morrer coa risa

Comentario de Miguel Lamazares

Ás veces quero morrer coa risa
Birgit Schlieper e Nina Stahl
Galaxia 
Ás veces quero  morrer coa risa é unha das mellores novelas que lin. 
Esta historia engánchate dende a primeira frase ata o final. Quedei moi abraiado co final xa que non esperaba nada así, nin coa tranquilidade que  NILS ve a morte da súa compañeira ULLA. Tamén me impresionou moito a historia do protagonista, NILS, sobre todo, a maneira que ten de pensar, reaccionar e de relacionarse coa xente ao saber que lle espera  unha morte segura. 
Gustoume moito este libro porque aínda que ao rematalo non paras de pensar na sorte que tes por non ter que sufrir esta enfermidade, faite reflexionar e, como dixen, darte conta da sorte que temos. Outra parte moi importante da historia  son os personaxes que se atopan nun segundo plano, que axudan a facela máis dura e realista, pola situación que viven os pais, os médicos, e como non, o amor, que apareceu con Helene.
O que máis me gustou do libro, aínda que por outra parte sexa o peor, foi o realismo e a dureza coa que escribe o autor , como mostra a peor cara dun rapaz de dezaseis anos. Pareceume un gran libro, xa que faiche ver a vida tal e como é, e porque te metes na pel do personaxe dende que empeza. Sinceramente, gustoume moito.

29/05/17

Penúltimas tendencias

Comentario de Noa Villar Gallego


Penúltimas tendencias
Carlos Negro
Xerais
 
 
Para moita xente da miña idade, a poesía non é máis ca algo aburrido que che obrigan a ler no colexio, algo que foi escrito moitos anos atrás e que non es capaz de entender porque case sempre utiliza unha linguaxe moi anticuada; para moita xente os poemas son esa cousa que che obrigan a analizar e memorizar sen nin sequera saber o que significan ou sen entender tampouco o que eses versos tratan de expresar.
Pero no libro do que vos vou falar, Carlos Negro trata de rematar con todos eses prexuízos que existen en canto á poesía, e para iso preséntanos uns asombrosos poemas que nos farán cuestionarnos moitas cousas e nos cales tamén se tratará de darlle a volta á terrible realidade que observa todos os días. Mediante estes sinxelos versos tamén intentará achegarse aos máis novos e metelos nun mundo tan bonito como é o da poesía.
Penúltimas tendencias preséntanos unha moza que non está disposta a facer o que a sociedade quere que faga, unha moza con afouteza, unha moza que quere ser ela mesma e que sabe que ninguén llo pode impedir, unha moza que aspira a moito máis ca a estar fermosa para o rapaz que lle gusta, unha moza disposta a darlle a volta a todo aquilo que lle dixeron que estaba ben cando era pequena, unha moza que non asinte e cala cando se atopa con algo que non lle gusta.
En definitiva, comecei este libro sen saber moi ben que esperar del, pero resulta que me atopei cunha moi grata sorpresa, un libro cuns versos moi sinxelos de entender pero cunha reflexión moi profunda detrás deles. Claro está que Negro non puido ter escollido un tema mellor ao que dedicar estes versos, e máis ca finalidade de chegar aos novos lectores que este libro tiña. Unha lectura moi inspiradora á vez que necesaria hoxe en día.

28/05/17

Corredora

Comentario de Noa Presas


Corredora
María Reimóndez
Xerais





O libro Corredora  de María Reimóndez é un libro moi curtiño pero cargado de emocións: a historia de superación dunha filla e a súa nai, para quen aínda que parezca contraditorio a fame e a guerra foron a súa liberación; Puideron escapar do seu peor tormento, incluso máis que a fame ou a guerra e ese era o que se cría o seu dono, o que fixo a vida da nai un tormento: o seu propio marido.
A autora amósanos a triste realidade que se sufriu e se sofre aínda hoxe en moitos países do mundo: as guerras, a fame e o maltrato das mulleres.

En primeiro lugar vou a destacar a figura da nai, esa muller pouco faladora cun espírito de superación incrible, unha muller que se busca a saída aínda que sexa dura, a cal fala pouco pero sente moito, sen dúbida unha figura admirable, que nos fai acordarnos do cómodos que estamos todos na nosa casa, sen acordarnos das invisibles, de todas estas mulleres, heroínas, todas e cada unha delas, que non abonda coas situacións que a vida lles plantea que senon fai que nacer muller, aínda o complique todo máis.

E en segundo lugar a nena, esa nena a quen lle apasiona correr, cando é peque non entende ben o que pasa e nalgúns momentos está confusa, pero co paso do tempo adoitou a imaxe de súa nai e converteuse nun personaxe forte e loitador, que máis adiante conseguirá unhas metas incribles pero non sen esforzo.

Este libro encantoume porque é unha mestura de cousas que me apaixoan e me parecen moi importantes: a reevindicación do feminismo, que se ve claramente nas inxustizas que se cometen coas mulleres, tamén pretende mobilizar a figura da muller no deporte e por último facer que sexamos máis humanos e queiramos axudar a todos os inocentes que por culpa das guerras e da miseria sofren tales adversidades. Sen dúbida ningunha un libro curto, pero verdadeiramente fíxome pensar.

27/05/17

Son noxento

Comentario de Ana Santalla Garrido


Son noxento
Mª Xosé Queizán
Xerais





Este é un libro que reflicte un dos maiores problemas de hoxe en día.
A min este libro sorprendeume moito, nunca pensei que puidera dar un xiro tan inesperado, aínda así pareceume moi forte a visión que ten o protagonista sobre as mulleres e como el mesmo se identifica coma un cabrón e un machista.
Cada vez que vía como se aproveitaba de Lilí fervíame o sangue porque sempre se saía coa súa pero aínda así o que nunca pensei é o que ocorre ao final coa filla, para min foi algo moi, pero que moi chocante…
Este libro gustoume moitísimo porque foi o primeiro libro que lin onde o protagonista é un maltratador, normalmente os libros sempre teñen a persoa violada coma protagonista; axudoume moito a darme de conta de como un home que ao princiìo parece bo e xeneroso é de tal maneira, aínda que tamen me sorprendeu moito a actitude de Lilí, estaba coma cega de amor, non vía todo o que lle estaba a facer a ela e á súa filla, era coma se só quixera estar con el fixera o que lle fixese
Baixo o meu punto de vista moita xente debería ler este libro, e eu recoméndoo ser dúbida.
 

26/05/17

Makinaria



Comentario de Noa Villar Gallego


Makinaria
Carlos Negro

Xerais
 
 
 
Desta volta Carlos Negro preséntanos un libro cheo de adrenalina, velocidade e enerxía; un libro dirixido especialmente a todas aquelas persoas ás que lles gusta acelerar, queimar roda e sentir a velocidade na estrada; un libro de bos comezos pero  tristes e sanguinolentos finais.

Makinaria móstranos unha nova forma de escribir poesía, onde non todos os versos teñen que ter exactamente o mesmo número de sílabas e rimar entre si, como o fan case todos os demais poemas que nos ensinan no colexio.  Senón que nos mostra uns versos cunha métrica libre, moitos deles sen división de estrofas e cun vocabulario propio da xerga xuvenil.

Con estes versos tan peculiares, Carlos Negro trata de advertir a todas esas persoas que cren ter a situación baixo control cando se soben a un coche cun condutor borracho, cando queren sentir a adrenalina provocada pola velocidade e se lanzan á aventura ou cando pensan que son as únicas persoas na estrada e que non lles vai a pasar nada aínda que vaian un pouco máis rápido do permitido.

 E que mellor forma pode haber para advertir a alguén ca mostrándolle a pura realidade? Pois iso é xusto o que se fai neste libro, os finais poden parecer un pouco duros e crueis pero simplemente son finais reais. 

Para rematar direi que Makinaria é un libro moi pero que moi necesario, e máis para o tipo de público ao que está dedicado. Espero que todo aquel que se atreva a mergullarse nesta marabillosa lectura a saiba aproveitar e decida non poñer en perigo a súa vida na estrada.
 

25/05/17

A evolución de Calpurnia Tate

Comentario de Noa Presas
 
A evolución de Calpurnia Tate
Jacqueline Kelly
Kalandraka
  


A evolución de Calpurnia Tate, da autora Jacqueline Kelly, é unha novela de extensión non moi longa e moi doada de ler. Cóntanos unha historia dunha rapaza cun soño: ser naturalista.
Esta é unha novela para xente nova ou non tan nova, porque a pesar da súa fácil lectura, ten unhas ideas que a autora expón claramente.
Eu comprendín como idea principal a dunha rapaza que non quere aprender a coser, nin a cociñar, dálle igual ter o pelo longo, e ser como se supón que unha rapaza ten que ser.
Ela, dotada dunha gran perspicacia, observa o seu arredor e interésase polo porqué das cousas,
esta nena, con tan só 12 anos ten unhas ideas moi avanzadas para a súa idade ou época, e coa axuda do seu avó descobre a Teoría da Evolución de Darwin, que lle axuda a evolucionar a ela tamén.
A novela tamén ten contidos didácticos, que son as conclusións que saca a rapaza, ben por si soa, ou coa axuda de alguén, os cales se absorben case sen darse conta.

Penso que isto axudará aos lectores máis novos de dúas maneiras, a primeira, axudalos a interesarse pola ciencia, xa que o libro a presenta de maneira moi entretida e interesante. E a segunda, fará pensar de maneira diferente, por unha parte a aqueles mozos que están acostumados a pensar que as nenas teñen que estar perfectas, e facer as cousas que as mulleres poden facer, e axudaraos a ver que estas cousas que as mulleres poden facer son todas; e por outra banda as nenas que pensan que esa profesión é de nenos que elas debería ser algo como enfermeira ou azafata, cando o que de verdade lles gusta son os animais, ensuciarse buscando neles, e facer cousas que non son as que lle pertencen como mulleres, e poñerlle como meta que persigan o que lles gusta sen importar os roles que esta sociedade nos marcou dende que nacemos, facendo que moitas cousas sexan un impedimento polo simple feito de ser muller.