Comentario de Noa Villar Gallego
Para moita
xente da miña idade, a poesía non é máis ca algo aburrido que che obrigan a ler
no colexio, algo que foi escrito moitos anos atrás e que non es capaz de entender
porque case sempre utiliza unha linguaxe moi anticuada; para moita xente os
poemas son esa cousa que che obrigan a analizar e memorizar sen nin sequera
saber o que significan ou sen entender tampouco o que eses versos tratan de
expresar.
Pero no
libro do que vos vou falar, Carlos Negro trata de rematar con todos eses
prexuízos que existen en canto á poesía, e para iso preséntanos uns asombrosos
poemas que nos farán cuestionarnos moitas cousas e nos cales tamén se tratará
de darlle a volta á terrible realidade que observa todos os días. Mediante
estes sinxelos versos tamén intentará achegarse aos máis novos e metelos nun
mundo tan bonito como é o da poesía.
Penúltimas tendencias preséntanos unha moza que non está
disposta a facer o que a sociedade quere que faga, unha moza con afouteza, unha
moza que quere ser ela mesma e que sabe que ninguén llo pode impedir, unha moza
que aspira a moito máis ca a estar fermosa para o rapaz que lle gusta, unha moza
disposta a darlle a volta a todo aquilo que lle dixeron que estaba ben cando
era pequena, unha moza que non asinte e cala cando se atopa con algo que non
lle gusta.
En
definitiva, comecei este libro sen saber moi ben que esperar del, pero resulta
que me atopei cunha moi grata sorpresa, un libro cuns versos moi sinxelos de
entender pero cunha reflexión moi profunda detrás deles. Claro está que Negro
non puido ter escollido un tema mellor ao que dedicar estes versos, e máis ca
finalidade de chegar aos novos lectores que este libro tiña. Unha lectura moi
inspiradora á vez que necesaria hoxe en día.
Sen comentarios
Publicar un comentario