ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

15/01/18

22 segundos

Comentario de Irene Mariño


22 segundos
Eva Mejuto
Xerais
 
 
A autora deste libro  mostra a evolución do protagonista de Ánxela a Álex, que non soamente supón un cambio de xénero senón a procura da liberdade dende a infancia dunha “nena” que nunca quixo selo.  
Coñecemos os pensamentos e preocupacións de Álex, que dende a súa infancia séntese distinto das rapazas que coñece, e que sofre todo tipo de discriminacións por ser muller. Trata como percorre o camiño para conseguir o que se sente e o que quere co apoio incondicional do seu avó.
 Este mozo transexual abre un blog para compartir a súa vida, a súa infancia, e como se sente. Trata de dicirlle ao mundo que non é unha enfermidade e cambiar o pensamento da sociedade.
Por que este libro ten como título “22 segundos”? Porque tarda ese tempo en subirse o arquivo ás redes.
Gustaríame que o libro fora máis longo para coñecer mellor a Alex e profundar máis na súa evolución e cambio. A pesar disto paréceme un relato fresco e que non vén nada mal lelo. Refresca ideas e ata nalgúns momentos grazas a estar escrito en primeira persoa, ponte na propia pel do personaxe.
 

14/01/18

Ás veces quero morrer coa risa

Comentario de Alba Gómez Barros

 
Ás veces quero morrer coa risa
Birgit Schlieper e Nina Stahl
Galaxia 
  
 
Conta a historia dun rapaz de 16 anos ao que lle diagnostican un cancro terminal. El, coma calquera adolescente, non entende por que ten que morrer tan novo con todo o que lle queda por vivir. Logo ten que decidir onde pasar o tempo que lle queda. Mais coñece a Helene, unha rapaza aínda máis enferma ca el. Coa aparición do amor descobre que o tempo que lle queda quere pasalo con ela.
Cómpre salientar que este libro xa me chamou a atención dende un primeiro momento, tanto o título coma a súa portada. Tamén a primeira frase coa que comeza xa é impáctante.
Este libro gustoume moito, e enganchoume na lectura del, case sen dar parado de ler xa que o tema é moi atractivo.
Ás veces quero morrer coa risa transmitiume moita tristura, é un destes libros que enchen os ollos de bágoas.
O que máis me chamou a atención dentro da trama principal foi a dificultade que tiña Nils para expresarse con claridade cara aos seus pais. Non lograba dicir o que quería nese momento, que precisaba deles.
É importante resaltar que este libro fíxome reflexionar e poñerme na pel de Nils. Pensar que hoxe en día adolescentes coma min queremos abarcar e ter todo e outros encóntranse en situacións nas que só queren estar ben e sans.
En conclusión pareceume moi fatídico e moi entretido. Ensinoume a valorar o que teño. Recomendaríao a calquera persoa, xa que é interesante e chamaría atención. Calquera podía poñerse dentro do libro, na pel dos pais ou na de Nils.


12/01/18

Moonkid e Liberty

Comentario de Alba Gómez Barros


Moonkid e Liberty
Paul Kropp
Galaxia
 
 
Dous irmáns e dous mundos diferentes. Ian é un mozo demasiado brillante para ser aceptado. Polo contrario Liber desexa ser popular e aceptada socialmente. Cando a nai volve aparecer despois duns anos, os irmáns vense no medio de dous extremos, con resultados divertidos.
É importante destacar que este libro chamoume a atención dende un principio, xa non só polo tema senón pola forma que utilizou o autor para narrar. Os capítulos vanse contando dende distintos tipos puntos de vista, é dicir, que o primeiro é narrado en primeira persoa por Liber e o segundo dende o de Ian. Así seguidamente. Pareceume unha forma moi atractiva e interesante xa que lograbas poñerte perfectamente no lugar dos dous irmáns.
Tamén me chamou a atención o carácter de Ian. Sentíase extraterrestre e sempre se vía involucrado en pelexas e problemas con Eslabón Perdido. Resultoume divertido e de gran comicidade. Ademais espertoume intriga Liber, cando o seu obxectivo era integrarse nun grupo popular, conseguiríao?
Cómpre salientar que a historia desenvolvíase nun ambiente cómico. Seu pai é un rexeitado social e hippy. A súa nai abandonou os seus fillos xa que debía encontrarse a si mesma.
A pesar de que a portada non me chamou moito a atención, Mookid e Liberty resultoume entretido e divertido. A lectura foime doada e rápida, xa que como dixen antes a forma de narrar é orixinal. Recoméndoo a calquera compañeiro e penso, que se o len, lles gustaría. 
 

10/01/18

A Rateira

Comentario de Alba Gómez Barros



 A Rateira
Agatha Chistie
Vicens Vives 



Nesta obra unha parella de mozos herdan unha mansión e convértena nunha casa de hóspedes. Nunha noite de inverno chega un sarxento de policía que lles advirte aos moradores que están en perigo. Teñen relación cun crime cometido en Londres. A partir dese momento a casa convértese nunha rateira.
Esta obra pareceume bastante interesante, de gran suspense, que me mantivo na lectura deste libro dende un principio ata o final. Foi unha lectura sinxela e rápida a pesar de que o xénero policial non é o meu punto forte.
A forma na que Agatha Christie narra os feitos provocoume intriga e púxenme na pel dun detective debido a que logo dun asasinato as pistas vanse amosando pouco a pouco.
A pesar de que fose unha obra teatral e para min non sexa común ler este tipo de libros, gustoume moito e metinme perfectamente na obra e na situación de cada personaxe.
Cómpre resaltar que toda a acción transcorre no mesmo espazo e por iso os conflitos entre os personaxes creáronme algunha confusión.
Atraeume todo o libro, pero o acto segundo foi o máis me chamou a atención. Acabeino dunha soa sentada.
En conclusión A rateira gustoume moito e mantivo en min a intriga todo o tempo. Recomendaría a persoas sobre todo que lles guste o xénero policial.
 

09/01/18

O novo diario dun xove maniático


Comentario de Alba Gómez


O novo diario dun xove maniático
Aidan MacFarlane. Ann McPherson

Un rapaz chamado Pete Payne de catorce anos descobre que é un completo maniático da saúde. Durante un ano recolle no seu diario os seus pensamentos e unha ampla investigación sobre aspectos como o alcohol , o sexo, o acne, as dietas e moitas enfermidades.
É importante salientar que a maioría dos datos que se contan xa os coñecía, por iso este libro non me serviu de gran axuda. Non obstante, pareceume moi interesante e entretido. A súa lectura resultoume sinxela e moi rápida.
O novo diario dun xove maniático non espertou gran intriga pero unha vez que comezas a ler enganchas facilmente.
Para o meu parecer o que resalta no libro son as páxinas que falan sobre o diario da súa irmá. Tamén se fala de temas interesantes e que Pete indagara nel causoume graza e interese  polo que logo escribiría.
A idea de que o autor para transmitir aos adolescentes vergonzosos sobre estas realidades fose escoller un rapaz con hipocondría chamoume a atención e agradoume. Unha maneira entretida de aprender.
En conclusión, este libro paréceme engaiolante pero recomendaríao a adolescentes duns doce anos xa que me parece incrible a forma na que transmite curiosidades que aos vergonzosos lles custas preguntar e podería axudarlles.