ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

Amosando publicacións coa etiqueta Carlos Negro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Carlos Negro. Amosar todas as publicacións

29/05/17

Penúltimas tendencias

Comentario de Noa Villar Gallego


Penúltimas tendencias
Carlos Negro
Xerais
 
 
Para moita xente da miña idade, a poesía non é máis ca algo aburrido que che obrigan a ler no colexio, algo que foi escrito moitos anos atrás e que non es capaz de entender porque case sempre utiliza unha linguaxe moi anticuada; para moita xente os poemas son esa cousa que che obrigan a analizar e memorizar sen nin sequera saber o que significan ou sen entender tampouco o que eses versos tratan de expresar.
Pero no libro do que vos vou falar, Carlos Negro trata de rematar con todos eses prexuízos que existen en canto á poesía, e para iso preséntanos uns asombrosos poemas que nos farán cuestionarnos moitas cousas e nos cales tamén se tratará de darlle a volta á terrible realidade que observa todos os días. Mediante estes sinxelos versos tamén intentará achegarse aos máis novos e metelos nun mundo tan bonito como é o da poesía.
Penúltimas tendencias preséntanos unha moza que non está disposta a facer o que a sociedade quere que faga, unha moza con afouteza, unha moza que quere ser ela mesma e que sabe que ninguén llo pode impedir, unha moza que aspira a moito máis ca a estar fermosa para o rapaz que lle gusta, unha moza disposta a darlle a volta a todo aquilo que lle dixeron que estaba ben cando era pequena, unha moza que non asinte e cala cando se atopa con algo que non lle gusta.
En definitiva, comecei este libro sen saber moi ben que esperar del, pero resulta que me atopei cunha moi grata sorpresa, un libro cuns versos moi sinxelos de entender pero cunha reflexión moi profunda detrás deles. Claro está que Negro non puido ter escollido un tema mellor ao que dedicar estes versos, e máis ca finalidade de chegar aos novos lectores que este libro tiña. Unha lectura moi inspiradora á vez que necesaria hoxe en día.

26/05/17

Makinaria



Comentario de Noa Villar Gallego


Makinaria
Carlos Negro

Xerais
 
 
 
Desta volta Carlos Negro preséntanos un libro cheo de adrenalina, velocidade e enerxía; un libro dirixido especialmente a todas aquelas persoas ás que lles gusta acelerar, queimar roda e sentir a velocidade na estrada; un libro de bos comezos pero  tristes e sanguinolentos finais.

Makinaria móstranos unha nova forma de escribir poesía, onde non todos os versos teñen que ter exactamente o mesmo número de sílabas e rimar entre si, como o fan case todos os demais poemas que nos ensinan no colexio.  Senón que nos mostra uns versos cunha métrica libre, moitos deles sen división de estrofas e cun vocabulario propio da xerga xuvenil.

Con estes versos tan peculiares, Carlos Negro trata de advertir a todas esas persoas que cren ter a situación baixo control cando se soben a un coche cun condutor borracho, cando queren sentir a adrenalina provocada pola velocidade e se lanzan á aventura ou cando pensan que son as únicas persoas na estrada e que non lles vai a pasar nada aínda que vaian un pouco máis rápido do permitido.

 E que mellor forma pode haber para advertir a alguén ca mostrándolle a pura realidade? Pois iso é xusto o que se fai neste libro, os finais poden parecer un pouco duros e crueis pero simplemente son finais reais. 

Para rematar direi que Makinaria é un libro moi pero que moi necesario, e máis para o tipo de público ao que está dedicado. Espero que todo aquel que se atreva a mergullarse nesta marabillosa lectura a saiba aproveitar e decida non poñer en perigo a súa vida na estrada.
 

14/03/17

Makinaria



Comentario de Noa Presas González


Makinaria
Carlos Negro

Xerais
 
 
Este libro de Carlos Negro, a quen tiven a sorte de coñecer o ano pasado nun obradoiro, ten dunha chea de versos con moita gasolina, testosterona e alcohol que sinala unha ruta suicida, un libro de versos sen final feliz, porque a euforia convértese neste caso en morte.
Ensínanos como a mocidade tan inconsciente só pensa na velocidade, sen reflexionar a onde vai a parar e onde os consellos dos máis maiores caen en sacos rotos e como a vida pode acabar nunha estrada por un mozo inconsciente dos perigos da irresponsabilidade ao volante.
Persoalmente pareceume unha boa maneira aínda que algo forte de concienciar ás novas xeracións de que non todo se basea nun momento de adrenalina, que moitas veces a valentía sálenos cara de máis e a escoitar as recomendacións, sempre polo noso ben, aínda que a veces nos soen pesadas e repetitivas. E en como un momento de euforia pode acabar en dor e desgraza non só para nós mesmos senón para todas as persoas importantes na nosa vida.
 

11/03/17

Penúltimas tendencias

Comentario de   MArcos Quintana Cuñarro
 

Penúltimas tendencias
Carlos Negro
Xerais
 

Carlos Negro non para de sorprenderme, primeiro fíxoo co libro Makinaria e agora quedei abraiado con Penúltimas tendencias. Carlos Negro non se anda con rodeos no libro, narra ao pé da letra como é a sociedade de hoxe en día. Unha sociedade na que as mulleres están infravaloradas xa que mediante a televisión, os carteis publicitarios e moitas máis cousas están sacándolles valor . 
No libro unha adolescente non fai caso aos prexuízos, ela non se ten que maquillar para sentirse máis muller, ela o que quere é ser unha muller libre. Carlos Negro intentou cambiar o punto de vista de moitos lectores, intentou abrirlle os ollos a miles e miles de persoas, abrirlle os ollos para que se dean cuenta que viven nunha sociedade chea de prexuízos e chea de veleno cara ás mulleres.

Na miña opinión, gustaríame que máis escritores escribiran libros do estilo que o fixo Carlos Negro, que entre un gran número de escritores escribiran libros así para ver se así, se cada un aportando o seu gran de area, deramos cambiado esta sociedade, para conseguir unha sociedade máis igualitaria na que tod@s teñamos os mesmos dereitos.
Recoméndovos ler este libro se queredes abrir os ollos.

04/06/16

Abelcebú

Comentario de Noelia Blanco Pájaro


Abelcebú
Carlos Negro
Positivas



Abelcebú, de Carlos Negro era un libro un tanto descoñecido para min, xa que ninguén me falara del. E por sorte chegou ás miñas mans.
Esperábame un libro cunha trama ou con poesía, como todos os libros que lin ata o de agora. Pero a miña sorpresa ó abrir o libro foi moita. É un libro moi orixinal, xa que está composto por palabras do dicionario e por unha definición que o autor lle aporta, dende unha visión crítica e dende logo, moi humorística. Imaxínome que a intención do autor cando o estaba a escribir era sacarlle un sorriso ó lector, e comigo conseguiuno. Carlos expresa o que para el significa cada palabra dunha maneira moi vulgar e que chama verdadeiramente a atención.
A maioría das persoas temos na mente a idea de que un libro e un autor son cousas moi serias. E a idea de que para que un libro sexa coñecido debe ter unha linguaxe culta e repito, moi seria. Pois este libro demóstranos todo o contrario, por exemplo as seguintes definicións “Eu: Embigo do universo” “Hipoteca: Matrimonio indisoluble dunha parella cun banco” ou “Pasmón: Adolescente amamantado pola teta audivisual”.
Con todo isto, o libro de Carlos Negro faise moi doado de ler, e engancha moito, xa que as definicións que estás a ler gústanche e queres ver se consegue seguir sorprendéndote a medida que vas pasando páxinas.
Dende logo que vos invito a lelo, ídesvos pegar unhas boas risas.

02/05/16

Masculino singular

Comentario de Francisco Rodríguez



Masculino singular
Carlos Negro
Xerais





Este é por desgraza, só o cuarto libro que leo deste magnífico autor, e digo só porque a cada libro que leo increméntanse as miñas as gañas de ler outra marabillosa creación de Carlos Negro. Neste caso foi Masculino Singular o libro que lin e a verdade é que me parece un libro perfecto para enseñarlles ás novas xeracións como rachar definitivamente cos estereotipos ou cos problemas de machismo ou a violencia de xénero que tanto dano fan á nosa sociedade e que son un problema gravísimo que estase intentado remendar pero sen conseguilo ata o momento. Esta denuncia cara estes problemas son visibles dende a primeira palabra ata a última, o que fai deste poemario un libro moi reivindicativo pero que á súa vez ten ese toque carlista que introduce ese humor tan bonito que che saca ese sorriso bobo que é tan máxico e que creo que é unha das intencións do autor ao crear unha marabilla coma esta. Tamén pareceume interesantísimo a mestura que fai de todo tipos de poemas : en verso, en prosa, acrónimos.......
Un rasgo que simboliza o bo deste libro é o complicado que é para min escoller os mellores poemas xa que todos esconden un mensaxe oculto que Carlos quere que encontremos nós, os lectores, e que eu, polo menos nuns cantos poemas, penso que conseguín sacar do papel esa mensaxe tan preciada. Aínda que me resultou realmente complexo conseguín facer un pequeno resumo dos poemas que, por estética ou por contido, máis me chamaron a atención: para comezar, "Baldosas". Un poema perfecto baixo o meu punto de vista xa que combina unha estética moi atractiva que dende un primeiro vistazo xa me chamou a atención cun contido que eu polo menos entendín á primeira e que me cautivou especialmente. Baixo o meu punto de vista cada baldosa representa un paso, un paso dunha muller, coma indican os artigos do poema, un paso que representa unha tarde nubrada e gris en calquera casa, un paso que representa o camiño cara o maltrato, un paso que denuncia todas estas situacións que por desgarza estan a ocorrer nesta sociedade con relativa frecuencia. O segundo poema que quero destacar é unha parella de poemas que me marcaron realmente, "Toy Story I e II" son diferentes, cunha linguaxe moi doada consegue dicir algo moi complexo, consegue rachar definitivamente con todos os estereotipos que dende pequenos, nos inculcan ás veces sen querelo. En "Toy Story I" eu entendín a situación de que unha mamá regálalle ó seu fillo/a un tractor verde cun boneco ca pinta se lle ten reservada para o home (pantalón,bigote,granxeiro....), e en "Toy Story II" dase a situación contraria xa que un papá regálalle ao seu fillo/a unha boneca ca pinta reservada para unha muller (trenzas,rosa, sen bigote nin pantalón....). Neste poema chamoume realmente a atención de que en ningún momento se especifica se o regalo recibido por cada pai é para unha nena ou para un neno; penso que ahí (xunto cos últimos versos de ambos os poemas que a min sorprenderonme xa que fai unha denuncia escandalosa) é onde se realiza a maior denuncia de estereotipos do poema xa que en principio e no establecido "o corrente" o regalo da nai iría destinado cara un neno e o do pai cara unha nena pero Carlos deixao no aire para que o lector se de conta de que non ter porqué ser así. Outros poemas que me chamaron realmente a atención foi o de "O Muro" xa que volve a rachar cos estereotipos que nos inculcan desde nenos, e que ademais é un poema que me chamou moito a atención estéticamente. O de " Poética da hora do afeitado" xa que é coma unha burla en forma de enorme ironía da virilidade dos homes mediante o afeitado ou o feito de afeitarse. Ou os de " Codigo de Barras", "Just for Men" e "Delfos".
Sen embargo e por degraza houbo algúns pomas que non conseguín atopar o mensaxe que Carlos mandaba, como é no caso dos poemas: "Materia Estelar", "Batman y Robin " e "Puntos de Fuga".
En definitiva un libro de 9,5 que estou seguro que volverei ler para tentar descifrar eses poemas que ata o momento aínda se me resistiron.

01/05/16

Masculino singular

Comentario de Telmo García



Masculino singular
Carlos Negro
Xerais

Este libro sorprendeume gratamente. Non adoito ler poesía porque non é un dos meus xéneros favoritos, pero con MASCULINO SINGULAR foi diferente. Este poemario podo declarar abertamente que si que me gustou e moito.



Resultoume un libro sinxelo e directo cunhas ideas moi claras sobre a denuncia das inxusticias que viven diariamente as mulleres. É un libro que dá unha patada e un corte de mangas  a todos eses estereotipos patriarcais da sociedade actual onde a violencia contra as mulleres é o pan de cada hora.



Algún destes estereotipos vense nos poemas de ANATOMÍA SEMÁNTICA ,que nos recorda a un caligrama vanguardista, ou nos titulados TOY STORY 1 e 2. Tamén destacaría o poema de O MURO que é o meu favorito de todo o libro. Nel faise unha comparacion entre o masculino e o femenino con moita retranca e ironía e créase un muro poético e visual  de prexuicios que o autor parece invitarnos a derribar.



O libro comeza cun interesante poema que é  unha especie de autorretrato no que Carlos Negro fala do que é, do que lle gustaría ser, do que ten e do que non ten.   Esta parte do libro títulase “Código de barras” e nela xa fai unha declaración de intencións e de novas ideas sobre a masculinidade.  



Pero Masculino Singular non só é poesía reivindicativa e crítica. Outra parte do poemario ten que ver coa defensa da tenrura. A sección de poemas de “Materia Estelar” falan do cambio de actitude que o poeta viviu desde que naceu o seu fillo.  Con el descubriu un novo sentimento tenro e dulce, que fai do afecto un poder único e necesario. Non a violencia e si a tenrura .A mensaxe queda clara: so coa tenrura e o amor sacamos o mellor do home  (masculino) verdadeiro.



Esta obra pareceume orixinal. Unha coitela para as conciencias e un amor para o corazón ao mesmo tempo. Como o propio autor di nun poema  (Técnicas de afeitado) “suave e apurada por fóra, pero cun gume cortante por dentro”. Altamente recomendable para xente con ganas de cambiar mentalidades sobre o machismo e o feminismo.