Este libro sorprendeume
gratamente. Non adoito ler poesía porque non é un dos meus xéneros favoritos,
pero con MASCULINO SINGULAR foi diferente. Este poemario podo declarar
abertamente que si que me gustou e moito.
Resultoume un libro sinxelo e
directo cunhas ideas moi claras sobre a denuncia das inxusticias que viven
diariamente as mulleres. É un libro que dá unha patada e un corte de
mangas a todos eses estereotipos patriarcais
da sociedade actual onde a violencia contra as mulleres é o pan de cada hora.
Algún destes estereotipos
vense nos poemas de ANATOMÍA SEMÁNTICA ,que nos recorda a un caligrama
vanguardista, ou nos titulados TOY STORY 1 e 2. Tamén destacaría o poema de O
MURO que é o meu favorito de todo o libro. Nel faise unha comparacion entre o
masculino e o femenino con moita retranca e ironía e créase un muro poético e
visual de prexuicios que o autor parece
invitarnos a derribar.
O libro comeza cun
interesante poema que é unha especie de
autorretrato no que Carlos Negro fala do que é, do que lle gustaría ser, do que
ten e do que non ten. Esta parte do
libro títulase “Código de barras” e nela xa fai unha declaración de intencións
e de novas ideas sobre a masculinidade.
Pero Masculino Singular non só é poesía reivindicativa e crítica.
Outra parte do poemario ten que ver coa defensa da tenrura. A sección de poemas
de “Materia Estelar” falan do cambio de actitude que o poeta viviu desde que
naceu o seu fillo. Con el descubriu un
novo sentimento tenro e dulce, que fai do afecto un poder único e necesario.
Non a violencia e si a tenrura .A mensaxe queda clara: so coa tenrura e o amor
sacamos o mellor do home (masculino) verdadeiro.
Esta obra pareceume orixinal.
Unha coitela para as conciencias e un amor para o corazón ao mesmo tempo. Como
o propio autor di nun poema (Técnicas de
afeitado) “suave e apurada por fóra, pero cun gume cortante por dentro”. Altamente
recomendable para xente con ganas de cambiar mentalidades sobre o machismo e o
feminismo.
Sen comentarios
Publicar un comentario