ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

07/11/21

Reencontro

 Comentario de Guillermo Pérez Fernández


Reencontro
Fred Uhlman
Galaxia

 

Reencontro é a ópera prima de Fred Uhlman, escritor alemán de orixe xudeu, que foi publicada no ano 1971 e que axiña se convertiría nun gran éxito literario.
Esta novela curta xira arredor da amizade que xurde entre dous mozos adolescentes, unha amizade idílica ata que a cruel realidade dunha Alemaña nazi se interpón entre eles.
Hans é un mozo alemán de orixe xudeu que leva exiliado en Nova York trinta anos. Un día recibe unha carta do seu antigo instituto pedíndolle unha axuda económica para levantar un monumento en homenaxe a todos eses alumnos caídos na 2ª Guerra Mundial. Xunto coa carta hai un libro que contén os nomes de todos eles. Esta lista supón para Hans un reencontro con moitos dos seus compañeiros
pero dunha maneira especial, con Konradin que, de entre todos eles, era ao único ao que podía chamar amigo. Á cabeza de Hans viñeron todos os recordos daquel ano compartido con Konradin no instituto. Lembrou o día no que o coñeceu e como quedara embelesado pola súa elegancia e saber estar; como fixera todo o posible para chamar a súa atención e así conseguir que se fixese o seu amigo. Lembraba
tamén as súas conversas mentres paseaban polas rúas de Württemberg, as súas excursións de fin de semana, as visitas á súa casa e como non, todos e cada un dos momentos que acabaran finalmente truncando a súa amizade.
Dende o meu punto de vista, Reencontro é unha novela intimista, escrita nunha linguaxe sinxela que nos transmite un valor moi importante: que a amizade debe estar por enriba da política, da relixión e da clase social . Hans e Konradin fixéronse os mellores amigos aínda que viñan de mundos moi diferentes: Hans era fillo dun médico de orixe xudía e Konradin pertencía a unha das familias aristocráticas máis importantes de Alemaña. A pesar de todo eso, fixéronse inseparables, compartían afeccións e crearon un mundo alleo aos problemas que os rodeaban. Porén, non foron capaces de escapar desa realidade que pouco a pouco os foi envolvendo e que acabou por separalos. A nai de Konradin odiaba aos xudeus e non quería que o seu fillo se relacionara con Hans, por iso o mozo só o convidaba á súa casa cando os seus pais non estaban e diante deles non lle falaba.
Co paso do tempo, Konradin foise deixando influenciar pola súa nai e empezou a sentir admiración por Hitler aínda que as ideas que este defendía ían en contra do seu amigo. Coa chegada do caudillo ao poder, Hans tivo que deixalo todo e marchar para América pero nunca esqueceu a Konradin e agora tamén descubre que o seu amigo nunca lle fallou xa que ao decatarse da barbarie que Hitler estaba
cometendo, púxose en contra del e, aínda que morreu, demostrou o valor da amizade.

A historia interminable

Comentario de Alejo Varela Peña


A historia interminable

Michel Ende


 Poucas cousas malas se poden dicir dun escritor como Michael Ende. Grazas ao seu libro podemos viaxar a un mundo onde a nosa imaxinación dálle valor ás historias que o escritor redacta.

 A novela trata como Bastián, un neno introvertido fanático dos libros, chega a unha misteriosa libraría e rouba un fermoso libro que lle chama a atención. A partir de aquí trasladámonos ao interior do libro, ou mellor dito, ao interior de Fantasía onde Atreiu coa axuda de Fújur superan inumerables perigos para chegar ata a cura da Emperatriz de Fantasía, conectando de forma directa o mundo dos humanos co de Fantasía. Bastián entrará ao Reino sen fronteiras para intentar salvar á Emperatriz Infantil, escribindo a súa propia historia.


    Sen dúbida esta novela é capaz de transportarte verdadeiramente a Fantasía. A capacidade do autor para crear novas localizacións, con novos nomes e  con novos personaxes, describindo a perfección cada unha delas, permite que ti tamén o fagas, imaxinándote aos protagonistas enfrontándose contra grandes enimigos en lugares máxicos ou topándose con seres superpoderosos que lles dean algunha arma especial. Realmente o mundo non ten fronteiras xa que a fin está na túa imaxinación, no que ti imaxines e no que ti poidas crear. Esta idea enfatízase durante toda a historia de moitas maneiras. Como única pega tería que dicir que ao mellor o final e algo extenso e párase en en situacións algo irrelevantes e baleiras, pero por algo se chama a historia interminable. A parte de esa pequena queixa, que realmente e algo máis persoal, creo que o resto é perfecto.


Creo, sinceramente, que este é un libro que se che gusta a fantasía teríalo que ler practicamente de primerio e se che gusta a literatura en xeral deberías de lelo xa que é un dos clásicos da literatura.  

Momo

 Comentario de Nuria Jar de la Fuente



 

 Momo  

Michael Ende

Quelibroleo


 Momo é un libro que pertence á temática de literatura fantástica do escritor alemán Michael Ende, no que trata como tema principal o tempo e a forma en que cada un interpreta a súa perda. Un libro dirixido cara aos nenos que deberían ler moitos adultos .
 Momo , a protagonista deste libro , é unha nena orfa que vive nas ruínas dun antigo anfiteatro. Caracterízase polo ben que escoita aos seus amigos , que unha vez que empezan a falar con ela son quen de solucionar os seus problemas e de buscarlle remedio as súas preocupacións .É unha nena moi solicitada e prezada por todo o mundo , o que vai supoñer un problema para os Homes Grises que intentarán facer desaparecer á nosa protagonista .
 O que máis me gustou desta novela é como o autor trata un concepto tan abstracto como é o tempo dende unha perspectiva entendible para un neno . Michael Ende critica a obsesión que ten a sociedade por aforrar tempo , e do que isto implica para todo o mundo : que a vida se volva de cor gris. Resúltame interesante que ao longo de todo o libro poidamos atopar mostras de rebelión por parte dos nenos , nenos que loitan pola amizade , pola felicidade e sobre todo polo tempo dos seus pais . 
Para o meu gusto o principio faise pouco ameno , pero unha vez que empeza a historia non podes parar de ler . Hai partes un tanto desconcertantes , como o xiro que lle dá o autor á obra coa aparición dos Homes Grises , xa que para min foi totalmente inesperado . Fai que se perda parte da maxia que conseguiu adquirir a historia desde o principio , a cal co paso dos capítulos se vai recuperando e fai que vivas case en primeira persoa a aventura de Momo . O autor trata temas como a vida e a morte dun xeito fermoso , sen dúbida ningunha.
Unha das miñas frases favoritas deste libro é “ Se os homes soubesen o que é a morte, xa non lle terían medo . E se xa non lle tivesen medo , ninguén podería roubarlles , nunca máis o seu tempo de vida “. 

 Ao meu parecer , esta é unha novela que debería ler todo o mundo , con toques de fantasía que achegan á realidade , e que nos deixa cunha ensinanza fermosa : o tempo non se malgasta cando o pasas coa xente que queres . Dende logo , volverei a ler este libro .

17/10/21

Resistencia

 Comentario de Carlota Collazo Catoira



Resistencia

Rosa Aneiros

Xerais



Esta novela enganchoume dende o principio coa historia de amor clandestina entre Isaura e Antonio, e rematou de namorarme co amor apaixonado e valente de Dinís e Filipa, quen, dende mozos, loitaron contra vento e marea por conservar a súa relación fronte a todos os obstáculos que se lle interpoñían no camiño. 

É unha historia ambientada en Portugal, durante as ditaduras de Salazar e Marcelo Caetano, moi marcada pola morte, o sufrimento, as violacións e polo amor incondicional dos dous protagonistas; un amor que perdura no tempo a pesar das mentiras, da distancia e das cartas de amor escritas durante anos que nunca chegan ó seu destino. 

 Paréceme moi importante o apoio que Dona Leonor sempre lle ofreceu tanto a Filipa, filla dun rico comerciante, como a Dinís, un obreiro dunha fábrica de vidro ó que esta muller lle ensina a escribir e a ler para poder comunicarse coa súa amada. 

Non son moi afecionada aos libros con final aberto, xa que penso que nos deixan cavilando sobre o que podería ser ou non, pero nesta novela gustoume que deixara ao lector voar a súa imaxinación.

Resistencia

 Comentario de Guillermo Pérez Fernández



Resistencia

Rosa Aneiros

Xerais

 

Resistencia é unha novela da escritora e xornalista Rosa Aneiros (Valdoviño
1976) que foi publicada pola editorial Xerais no ano 2002.
Rosa Aneiros con esta novela fai que nos traslademos ao país veciño,
Portugal, a unha época marcada polas inxustizas e abusos dun réxime dictatorial, o
réxime de Salazar e o de Marcelo Caetano.

A historia comeza en San Pedro de Moel, unha pequena vila mariñeira na que
vive Dinís, un mozo de familia humilde e froito dun amor clandestino entre súa nai,
Isaura, e un home casado, Antonio. É alí onde coñece a Filipa que, aínda que vive en
Coímbra, pasa todos os veráns na casa da súa avoa dona Leonor. Dinís e Filipa
namóranse profundamente. Durante as vacacións dan renda solta ao seu amor e no
inverno mándanse cartas a través de dona Leonor ata que Dinís é chamado a filas.
Foi destinado a Mozambique onde descubriu a crueldade e o sen sentido da guerra.
Foron moitos os abusos de poder que presenciou pero o que máis lle impactou foi a
violación dunha nena chamada Aaial por parte de soldados do exército. Tras dous
anos, regresou á casa, pero nunca volvería a ser o mesmo: a guerra cambiárao.
Continuou traballando na fábrica de vidro e soportando o maltrato por parte do
capataz, algo que xa viviran xeracións anteriores, entre elas a súa avoa. Canso de tanta
humillación, uniuse a un grupo comunista para defender os dereitos dos traballadores
pero nunha revolta foi detido e levado ao cárcere de presos políticos en Peniche.
Entre reixas, o único que mantiña vivo a Dinís era a esperanza de reunirse con Filipa
á que lle escribía todas as noites unha carta que esta nunca chegaría a recibir, xa que
os militares as deixaban retidas no cárcere. En abril do ano 1974 tivo lugar a
Revolución dos Cravos caendo así o réxime dictatorial. Todos os presos políticos
foron postos en liberdade, entre eles Dinís. O mozo regresou a San Pedro de Moel co
desexo de atopar a Filipa pero  non foi así. O que non sabía Dinís era que a súa
amada tivera que exiliarse ao Brasil para evitar ser detida pola PIDE, xa que ela
tamén pertencía a un grupo comunista da universidade. No Brasil, Filipa recibira unha
carta por parte dos militares dicíndolle que Dinís morrera no cárcere, o que fixo que
esta perdera todas as ganas de regresar a Portugal. Pasaron os anos e aínda que os
dous mozos seguiron coas súas vidas, nunca volveron ser os mesmos e nunca se
esqueceron o un doutro. Non sería ata a morte do pai de Filipa cando esta regresou a Portugal coas cinzas deste. Foi entón cando se enterou de que Dinís seguía vivo e de
que todo fora un engano. O seu corazón volveu a latexar con forza e saíu na procura
do seu amado aínda que sabía que ninguén lles podería devolver o tempo que lles
roubaran.


Resistencia é unha novela que  envolve dende o primeiro momento. Está
escrita con moita profundidade e sentimento. Cunha linguaxe moi coidada e
descritiva fai que viaxemos a un tempo relativamente próximo e que vivenciemos
unha experiencia que moitos dos nosos antepasados tamén sufriron, a represión
dunha ditadura. Ábrenos as portas a unha realidade na que foron moitos os que
tiveron que renunciar a súa propia vida para que hoxe nós poidamos desfrutar do que
temos, LIBERDADE.

Un animal chamado néboa

Comentario de Laura Cacheda Fernández


 

Un animal chamado néboa

Ledicia Costas

Xerais

 

É complicado comentar este libro porque houbo momentos nos que non podía articular nin unha palabra.

É un libro no que se narran os feitos que sucederon arredor da Segunda Guerra Mundial, pero non nos comunica datos como a materia de Historia. Redáctanos a capacidade tanto física como mental das persoas que vivían naquela época.

Hai partes do libro moi acertadas pero hai outras que non tanto. Os diferentes relatos nos que se divide este libro están tan resumidos que cando realmente lle colles afecto aos personaxes principais, a historia remata e quizais da maneira que menos desexaría.

Pero tamén podo comentar que tanto o primeiro capítulo como o quinto foron os que máis me removeron, chegando a ter que pousar o libro e continuar noutro momento. Non me parece tarefa doada narrar a fame que pasaban en Leningrado, chegando a ter que devorarse uns aos outros. Pero como non, non podía faltar unha parte dedicada a sociedade completamente machista daquela época, contando unha historia que chega a poñer a pel de galiña, e que incluso fai reflexionar sobre o progreso que experimentaron as persoas o longo do tempo.

Na miña opinión non é o mellor libro desta autora, pero tamén temos que recoñecer que non é nada fácil redactar un libro histórico, polo feito de que precisa un gran traballo de investigación. Pero si consegue crear unha gran mestura de sentimentos interiores provocando o florecemento de pensamentos sobre a gran calidade de vida que a día de hoxe temos en comparación á daqueles anos. E por suposto apórtame unha gran cantidade de datos que para min eran completamente descoñecidos.

Un animal chamado néboa, libro que provoca unha profunda dor á hora de lelo, e supoño que á de redactalo, por isto quero darlle os meus máis sinceros parabéns a Ledicia Costas.

 

Hai que matalos a todos

 Comentario de Carlota Collazo Catoira


 

 

Hai que matalos a todos

Héctor Carré

Xerais

 


   

Intereseime por este libro nada mais lin o seu título, e chamoume máis a atención ó ler a primeira frase do primeiro capítulo: ”Agora que estou morto, podo falar sen medo”. O libro “Hai que matalos a todos”, escrito por Héctor Carré, conta as tres situacións nas que se atopan 4 protagonistas que, aínda que ó principio parecen moi diferentes, vanse unindo entre si ata formar unha única e misteriosa historia, cun chisquiño de amor polo medio, que nunca vén mal. 

Por un lado, Tesa e Ernesto son unha parella á que lle encanta saír de festa, emborracharse e colocarse, ata que un día gravan un vídeo dun atropelo que dará moitos problemas ao longo desta historia. Por outro lado temos a Néstor, un xove xornalista que tamén ha de pasar o seu por culpa deste polémico vídeo. E por último, Toni Capelán, un axente do CNI bastante ambicioso que tamén dará bastante de que falar ao longo do libro. 

O que máis caracteriza a Néstor, o noso protagonista, e o que máis me gusta del, é a “obriga de desenmascarar o poder cando intenta actuar ilegalmente”, tal e como o reflicte el mesmo no libro. Penso que esta valentía é admirable, pero esas ganas de facerse o heroe lévano a tomar decisións impulsivas que desencadearán en problemas a Tesa, que é moi insegura e medosa, e mais a el. 

Nesta novela todos os personaxes cometen moitos erros no pasado, pero a medida que a historia vai avanzando, aprenden deles e intentan mellorar como persoas, o que se entnde como un acto de superación, aínda que para algúns deles sexa demasiado tarde para iso. 

Este libro contén frases que me gustaron moito e que levan a reflexionar, como por exemplo, unha das miñas favoritas: “Ás veces o medo pode ser máis forte que a xustiza” - Néstor Varela 

O final pareceume un bo cerre para esta historia,e persoalmente recomendo este libro a todas as persoas ás que lle guste a novela negra e o misterio.

Dentro da illa

 Comentario de Miguel Aller Díaz



Dentro da illa

Dolores Ruiz

Galaxia



Dentro da illa
é un libro de Dolores Ruíz que foi publicado pola editorial Galaxia como parte da súa colección “Literaria” no ano 2005. 

 A obra comeza presentando a personaxe de Frida, unha muller que esperta nuha illa sen lembrar absolutamente nada, nin tan sequera como chegou alí. Nesta illa vive un grupo de xente que coñecerá e da que se fará amiga; sobre todo de Laura, a persoa que máis a axuda. 

Este primeiro comezo paréceme bastante interesante e creo que a idea inical tiña un gran potencial, pero a partir deste punto a historia desvíase un pouco e comézase a complicar, introducindo personaxes mortos e mesturándoos cos vivos. A historia desenvólvese lentamente, o cal está ben xa que permite asimilar mellor os seus distintos puntos de inflexión, aínda que creo que en certos capítulos se podía axilizar un pouco máis. 

En canto ós personaxes creo que é un dos puntos fortes da novela, sobre todo os principais, xa que teñen unha personalidade moi marcada e son carismáticos, o cal é moi difícil de conseguir. Porén, existen certos personaxes secundarios (como Amaro e Sumo), que non acaban de desenvolverse de todo: creo que se  podía ter feito máis fincapé neles, sobre todo en Amaro. 

En definitiva, creo que se vos gusta ler obras de misterio e historia arrevesadas é a vosa oportunidade, pero tedes que tomarvos con calma a lectura xa que é un libro lento no que hai que ir entendendo todo o que pasa para poder desfrutalo completamente.

16/10/21

O Gran Reino

Comentario de Mateo Rozas González


 

Eduardo Santiago

O gran reino

Editorial Xerais 

 


O gran reino   é unha novela fantástica que narra a historia de Gala, unha nena con problemas de saúde relacionados coa anorexia. 

A novela cumpre sen dúbida ningunha a súa clasificación como xénero fantástico xa que o autor intercala a narración de forma axeitada entre o mundo real e un mundo imaxinario na mente da protagonista. E tanto que imaxinario, case penso que estou lendo un conto feito por un neno de nove anos. Non obstante, paréceme unha moi boa idea e gústame como relaciona ou emprega como unha metáfora o que acontece no mundo real co  imaxinario. 

A historia real pareceume xenial, o libro enganchoume dende o primerio momento e xa estaba desexando coñecer o desenlace, e así foi ata que cheguei á metade do relato, onde se fixo moi repetitivo, desaparecendo por completo o desexo de seguir lendo. 

A historia nárrase dende o punto de vista feminino, o autor fainos ver as mulleres como persoas intelixentes e sensatas, o que non supón ningún problema, pero o tratamento das personaxes ten un aspecto a valorar que é a agresividade do xénero masculino. Tamén resalta o narcisismo e a competitividade da protagonistra, un estereotipo cada vez máis presente na sociedade actual e co cal me podería sentir identificado. 

Como xa dixen, cara á metade a novela decepcionoume bastante e o final non supuxo un cambio, non me pareceu un final moi resolutivo e ao parecer tratábase dunha adiviña que non fun capaz de resolver. Non podo dicir que o libro non me gustase absolutamente nada pero non o recomendaría en absoluto.