ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

07/03/10

Romeo e Xulieta

Comentario de Ainara García Doval


Romeo e Xulieta
William Shakespeare
La Voz de Galicia

Esta traxicomedia creada por Shakespeare hai algo máis de catro séculos, non só me sorprendeu senón que resultou ser unha das lecturas máis apaixoantes que lin ata o de agora. A obra non só sorprende polas numerosas metáforas e recursos literarios que contén, nin pola rapidez e claridade coa que se desenvolven os diálogos, o que realmente sorprende é como un home que viviu no século XVI puido crear unha obra coma esta.
Ambientada nunha Verona dominada polo odio entre dúas familias -os Capuleto e os Montesco-, observamos como un Romeo atormentado por un amor non correspondido atopa de novo o sentido da vida en Xulieta, quen á súa vez se sente inmediatamente atraída polo xove Montesco. A partir dese momento unha serie de traxedias como son a morte de Tebaldo, o desterro de Romeo e o anuncio de voda entre Paris e Xulieta levan a esta a decidir poñer fin á súa vida. Porén, conta coa axuda dun frade, que dispón dunha artimaña para que os esposos poidan volver estar xuntos lonxe de Verona e do odio das súas familias. Mais unha vez que todo semella desembocar nun final feliz, unha casualidade fai que a noticia do engano ideado polo frade non chegue a tempo a Romeo, quen crendo á súa amada morta, decide quen non paga a pena seguir vivindo nun mundo sen ela. Minutos despois de que Romeo se suicide, Xulieta esperta, descobre o seu cadáver e decide tamén ela seguir os pasos do seu amante. Así, finalmente, unha vez descuberta toda a historia a través do frade, as dúas familias deciden selar a paz na memoria dos dous namorados.

06/03/10

Os biosbardos

Comentario de Dolly González Álvarez


Os biosbardos
Eduardo Blanco Amor
Galaxia


Serie de oito relatos onde o escritor describe a sociedade e a xeografía da cidade na que naceu. En cada relato dános unha visión da vida urbana e rural desde distinos puntos de vista, dnedo o neno pobre ata o máis acomodado, sempre dende a visión dun rapaz. Tamén sae a relucir o tema da emigración, que tanto fracturou a sociedade do noso país.
A obra está escrita en primeira persoa, aínda que emprega diálogos entre os personaxes moi a miúdo.

01/03/10

Resistencia

Comentario de Alba Fernández Caderno


Resistencia
Rosa Aneiros
Xerais

Gustoume o libro porque conta unhas historias de amor moi bonitas cunha paisaxe de fondo: a situación política e social de Portugal durante as ditaduras de Salazar e Marcelo Caetano, en especial a de Dinís, un obreiro dunha fábrica de vidro, e Filipa, filla dun rico comerciante, que namoran perdidamente.
O que máis me gustou foi cando a Dinís o meten no cárcere e durante todos eses anos en prisións escribe cartas que nunca chegan ao seu destino. Anos despois, Filipa descobre estas cartas.
Algo que me pareceu moi cruel, ademais da vida no cárcere, é que aos familiares dos presos lles dician que estes morreran.
A historia de amor de Filipa e Dinís é preciosa porque a pesar da separación seguíanse querendo. Tamén a de Isaura e Antonio. Pero non me gustou a historia de Remedios. Si a de Leonor.
O libro é bonito: a historia de amor ambientada na ditadura salazarista de Portugal é todo un acerto.