ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

25/02/18

Crónicas marcianas

Comentario de Sara Grnaja Sanmartín


Crónicas marcianas
Ray Bradbury
Xerais




Debo empezar dicindo que a ciencia ficción nunca foi algo que me interesase especialmente. Podería dicirse que este é o primeiro libro deste xénero que leo, e sorprendeume para ben.
Cónicas Marcianas conta a historia da colonización de Marte por parte dos humanos dende o ano 1999 a 2026 contada a base de historias curtas case inconexas entre si, pero que xuntas conseguen contar unha historia que vai máis alá dunha historia de extraterrestres.
Crónicas Marcianas é, sen dúbida, unha gran crítica a moitos aspectos da sociedade, así como ao home en xeral. Temas como o racismo, a cultura e a relixión, entre outros, son tratados nos relatos deste libro dunha forma amena usando a colonización de Marte como escusa para facerte pensar.
Un libro moi recomendado, gústeche ou non a ciencia ficción e, definitivamente, un dos meus favoritos a partir de agora.
 

23/02/18

Todo OK

Comentario de Irene Mariño



Todo OK
Diego Ameixeiras
Xerais
 
 
Este libro inspírase nunha noticia xerada do apreixamento dun somerxible destinado a introducir cocaína co pano de fondo dunha conexión entre narcotraficantes galegos e colombianos. A protagonista é Inés Landeira, unha muller que se viu involucrada nese delito e que ve ameazado o seu futuro pola  colaboración prestada naquel suceso .Esta muller atesoura un papel crucial na novela pois simboliza os desexos de fuxir de todo ese mundo, o certo é que boa parte do interese da proposta repousa  as características físicas e psicolóxicas dos personaxes en que estes alentan : as humillacións, a  explotación sexual, a prostitución, a chantaxe, o tráfico ilegal da droga e a corrupción do poder policial que dominan outro conxunto de personaxes: o narco Jairo Mendoza e a súa compañeira María; o confidente Maseda…
Gustoume porque o autor Ameixeiras, vai máis alá dunha novela negra: ofrece un retrato da propia condición humana, das fendas que esta amosa e das presións que a vida orixina. Semella optar por transmitir un discurso que evidencia a miseria moral  e a derrota cotiá .
 

22/02/18

Millo verde

Comentario de Irene Mariño


Millo verde
Xosé Fernández Ferreiro
Xerais





Unha mañá os periódicos de Vilagrande publican a noticia de que un profesor dun instituto de ensino medio, chamado Xosé Manuel Ortiz Cancela,  foi detido pola suposta violación dunha alumna que era menor de idade. Todo o mundo queda sorprendido ante a noticia, dada a popularidade e o prestixio do profesor. Todos se preguntaban como puido acontecer esta traxedia. O profesor vaise converter nun señor a quen ameazan e insultan. Mentres a rapaza pasa por outro inferno.
É unha narración sorprendente e cun desenlace moi inesperado. Ten un enfoque realista cun gran toque de intriga. Millo verde engaioloume na esculca da verdade sobre un terrible suceso.
Creo que esta novela constitúe unha denuncia da hipocrisía dunha sociedade que procura culpables inmediatos para agachar as súas doenzas máis profundas.
 

17/02/18

22 segundos

Comentario de María Guinarte

22 segundos
Eva Mejuto
Xerais
 
 
A Historia mostra a evolución do protagonista, un neno trans que pasa de ser Ánxela a Álex, o que non soamente supón un cambio de xénero, senón unha busca da liberdade dende a infancia dunha nena que nunca quixo selo.
Coñecemos os pensamentos e preocupacións de Álex, que dende que era pequeno séntese distinto das rapazas que coñece, e que sufre todo tipo de discriminacións por ser muller que son importantes na formación da súa personalidade.
O seu avó, acompañado tanto na infancia como na adolescencia, e forma un personaxe esencial na novela, Álex acode a el para ser quen é realmente, e aparece nas escenas máis simbólicas e importantes.
O nome do libro ven dado pola decisión de Álex de gravar un videoblog para contar a súa experiencia. 22 segundos foi exactamente o que se tardou en subir á rede.
É unha novela bastante corta e sinxela, que se lee nun intre, pero que te atrapa completamente.
O tema da transexualidade tratado nesta obra paréceme moi interesante, xa que aínda en pleno século XXI, a xente sigue xulgando as persoas trans por intentar ser quen realmente son, chegando incluso a asocialos coa prostitución, sen saber como é o día a día dunha persoa afectada polos prexuízos socias.
Gracias a novelas de este tipo que axudan a entendelos e poñernos no seu lugar, quizais, algún día, nos deixemos de xulgar á xente por ser diferente, cando ser distinto ó resto, é unha virtude e non un defecto.
 

11/02/18

22 segundos

Comentario de Noelia Ferreiro


22 segundos
Eva Mejuto
Xerais
 
 
 
Esta novela foi escrita por Eva Mejuto,  unha xornalista e escritora. A autora describe a historia dun rapaz que logra converterse na persoa que realmente é.
Esta novela ensínanos que a identidade dunha persoa non ten por que coincidir coa que marcan os xenitais e que debemos sentirnos cómodos connosco mesmos.
O protagonista do libro é Álex , un mozo transexual , que narra como foi a súa vida.  Antes a xente coñecíao como Ánxela , aínda que tamén lle chamaban Xela.
Ánxela de pequena non era unha nena como as demais. Ela non quería xogar con bonecas, nin poñer vestidos que lle mercaba a súa avoa  ou calquera tipo de roupa que fose moi feminina, e tampouco quería ir peiteada como as outras nenas. Ela quería levar solto o seu pelo rebelde.                                                                                               
  Por outra parte, Xela quería xogar cos rapaces ao fútbol, aínda que había algún que non estaba moi de acordo, pero ela se quería xogar, xogaba. Sempre loitou polo que quixo.
Por outra banda temos a súa familia. O seu avó era alguén fundamental para Álex xa que sempre o apoiou nas súas decisións. A súa nai quería que fose unha nena coma outra calquera, pero acabou asumindo que Xela era diferente, porque nunca sería unha rapaza. Tamén é importante salientar a Ana, unha amiga de Álex, a cal se acabaría convertendo co paso do tempo na súa parella. Estas tres persoas serán primordiais , xunto cunha psicóloga , para que se produza o tránsito.
Finalmente, podemos sacar como conclusión que cadaquén debe ser feliz coa súa identidade, e en ocasións iso non ocorre, e por iso se debe loitar para ser o que realmente te sentes.