ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

05/06/15

Sangué Sabur

Comentario de Francisco Rodríguez


Sangué Sabur
Atiq Rahimi
Rinoceronte




Este libro de Atiq Rahimi  produciu sentimentos contraditorios en min, xa que pareceume á súa vez monótono e orixinal, interesante e completamente aburrido, con sentimentos de moita pena polas situacións das mulleres e rabia por non poder facer nada, e todo isto en pequenas partes que se entrelazaban deixando finalmente un sabor de boca que non sei se era o que esperaba tanto polas expectativas que tiña do libro coma polas  diferentes opinións que oíra días anteriores e que me animaran a collelo.
Por outra parte, gustoume que tivera un fío que englobara todas as accións a través dos coidados da muller cara ó seu home ferido de gravidade cunha bala na caluga, e tamén, por suposto, os pensamentos que eran principalmente os desafogos e sinceridade da muller cara ao seu home, o cal a priori non se enteraba pero que despois....
Con este libro aprendín a precaria situación que viven países da zona de Palestina, zona musulmá, onde todo, o bo e o malo, faise "por Alá". Xa que  alí pola guerra, á que fai referencia varias veces a muller coas frases "Por momentos disparan, por momentos rezan" que expresan a situación daquela poboación pero que aínda así as mulleres non se queixan xa que aceptan a súa situación de muller e o que iso conleva nesa relixión, o que eu creo que non podería ser.
Encantoume o feito de que o home se convertera na "SANGUÉ SABUR" (ou pedra da paciencia onde os musulmás relataban os seus segredos mais ocultos, os seus problemas, etc. ) aínda que ese feito orixinase ese final tan tráxico que nunca imaxinaría.
En definitiva, un libro que só leria de novo se non quedase outro remedio.

04/06/15

Erros e Tánatos

Comentario de Anxo Gil


Erros e Tánatos
Gonzalo Navaza
Xerais
  
 

Quixen ler o libro porque me gustou moito a lectura de "Bull e Mignonne", e tiña curiosidade por lelo. O libro encantoume, porque nunca sabes como vai acabar a historia, nin te imaxinas o final de cada relato; aínda así, Gonzalo Navaza pareceume un pouco macabro, xa que en cada historia morre, cando menos, unha persoa, e mesmo un neno foi capaz de matar a un home en "Castelos na area" e non sentir remorsos.  Creo que non se entende ben o final de "O home do saco", porque conta que o rapaz matou a un home, o cal pensaba que era o home do saco, e máis tarde, ao final da historia, din que o rapaz o imaxinou todo e o verdadeiro asasino foi un vándalo de cerca de onde vivían. A historia de "Viva a revolución"non me gustou tanto porque, ao non ter coñecido a época na que ese libro está ambientada, non coñecín os sucesos que ocorren con Franco, así que non podo saber o que sentían os personaxes naqueles momentos, coa revolución ou os grises; aínda con todo, foi un libro que me encantou, e que penso volver a ler un día.

03/06/15

Era por setembro

Comentario de Alberto Blanco


Era por setembro
Xabier Quiroga
Xerais



A novela de Xabier Quiroga Era por setembro gustoume bastante en xeral, aínda que hai fragmentos que me resultaron complicados de entender, sobre todo algunhas reflexións demasiado longas que fan perder o fío da historia.
A obra comeza no presente cando Aldara, a protagonista, é nomeada ministra do goberno e recibe a noticia da morte da súa nai. Mentres viaxa á aldea para asistir ao enterro comeza a lembrar a súa infancia e como era a relación cos seus pais e o seu irmán.
Nesta obra eu destacaría dous aspectos: primeiro, a historia que se nos conta, é dicir, os recordos de Aldara e algúns sucesos importantes con moita intriga que lle aconteceron. O segundo aspecto destacable desta novela é como describe a maneira de vivir nesa época. Trátase dunha  sociedade onde a xente ten medo e non pode opinar ou expresarse libremente porque pode ir ao cárcere e incluso morrer.
En resumo, este libro pareceume moi interesante e entretido, lese bastante ben aínda que hai fragmentos demasiado longos  que te despistan da historia principal.

02/06/15

Asasinato no Orient Express

Comentario de Vanesa Lalín Pousa

 
Asasinato no Oriente Express
Agatha Chistie
Galaxia






Antes de empezar a ler o libro tiña unha idea de que me ía gustar moito, pero unha vez que empecei , non é que non me gustara, pero penso que non atopei todo o que eu esperaba. Non sei concretamente a que foi debido, se por un lado, se era que tiña visto algunha película de Agatha Christie e debido a isto esperaba máis acción. Pero teño que recoñercer que a historia é de moita intriga e misterio, que en todo momento hai tensión, que fai que leas para ver que pasa e como se resolve o asasinato.
Para min a autora, en certos momentos, quere como, non sei, se involucrarnos ou facernos pensar posibles solucións do asasinato que se cometera, pero segundo lía comprendín que era moi difícil resolver ese asasinato, xa que parecía que o pasado da vítima se volvera en contra súa polas cousas que fixera, e así un grupo de persoas se decidirán a tomar a xustiza pola súa conta, cometendo o crime dunha maneira tan precisa e case perfecta.
Debido a isto o final do libro, para min, foi como algo inesperado, onde parecía que non había nada concreto, pero en realidade unha vez que pensabas un pouco dábaste conta do que nese tren pasara.
Esta historia fixome pensar como as veces certas cousa ou castigos poden chegar a calquera dunha maneira inesperada, pódennos parecer xustas ou inxustas dependendo de como se miren ou se coñezan.

01/06/15

Illa Soidade

Comentario de David González Sampayo


 Illa Soidade
 An Alfaya
Xerais


"Illa Soidade" é unha historia moi bonita, cargada de paixón, intriga e, como ben o di o título, soidade e a marxinación. É unha obra que trata do día día dunha indixente que recolles os seus sucesos nun diario. Nesta obra denúncianse os prexuízos que se teñen cos vagabundos, cando, en realidade, deberíamos mirar máis e fixarnos máis nas persoas que nos rodean. Esta é a primeira obra que leo desta autora viguesa e no futuro gustaríame ler máis obras desta autora, porque se son coma esta, creo que me gustarían. Creo que a historia está ben estruturada, é bastante sinxela de ler, non só pola súa linguaxe, senón que, tamén pola súa brevidade e considero que está escritora, polo menos nesta obra, consegue chegar ao interior do lector, algo que non sei como explicar.

Os personaxes e os lugares onde transcorren as accións, creo que están moi ben descritos, cousas que, na miña opinión, non fai moitos escritores. Eu sentinme bastante identificado psicoloxicamente con Lucía, xa que é unha adolescente, moi curiosa e que non ten prexuízos cara a ninguén, nesta última non me identifico tanto co personaxe, xa que recoñezo que teño algúns prexuízos contra algunhas persoas. Por outra parte, gustaríame dicir que a autora non puido relacionar de forma máis precisa o título do libro co nome da persoa que escribe o diario, xa que esta última, chámase Soidade e considera que todas as persoas son illas, pero ela é unha illa soa e deserta, sen compañía.

Outra característica, que me agradou desta obra, foi o realista que é, xa que a trama que nela se desenvolve. é algo que sucede a diario nas cidades; xente que ao estar sen recursos e ao non haber comedores e albergues sociais, se ve obrigada a facer a súa vida na calle. Algo que fai que estas persoas teñan problemas relacionados coa saúde, e se formen liortas entre os indixentes pola ocupación dun lugar para durmir.

Para min o final non foi o esperado e decepcionoume bastante, xa que dunha historia e unha trama tan boas, esperábame un gran final, pero foi todo o contrario. Eu prefería que o libro fose máis extenso e polo menos me falase algo do que sería no futuro de Lucía, en definitiva, creo que ao desenlace da novela lle falta carácter, por dicilo dalgunha maneira.