ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

26/05/17

Makinaria



Comentario de Noa Villar Gallego


Makinaria
Carlos Negro

Xerais
 
 
 
Desta volta Carlos Negro preséntanos un libro cheo de adrenalina, velocidade e enerxía; un libro dirixido especialmente a todas aquelas persoas ás que lles gusta acelerar, queimar roda e sentir a velocidade na estrada; un libro de bos comezos pero  tristes e sanguinolentos finais.

Makinaria móstranos unha nova forma de escribir poesía, onde non todos os versos teñen que ter exactamente o mesmo número de sílabas e rimar entre si, como o fan case todos os demais poemas que nos ensinan no colexio.  Senón que nos mostra uns versos cunha métrica libre, moitos deles sen división de estrofas e cun vocabulario propio da xerga xuvenil.

Con estes versos tan peculiares, Carlos Negro trata de advertir a todas esas persoas que cren ter a situación baixo control cando se soben a un coche cun condutor borracho, cando queren sentir a adrenalina provocada pola velocidade e se lanzan á aventura ou cando pensan que son as únicas persoas na estrada e que non lles vai a pasar nada aínda que vaian un pouco máis rápido do permitido.

 E que mellor forma pode haber para advertir a alguén ca mostrándolle a pura realidade? Pois iso é xusto o que se fai neste libro, os finais poden parecer un pouco duros e crueis pero simplemente son finais reais. 

Para rematar direi que Makinaria é un libro moi pero que moi necesario, e máis para o tipo de público ao que está dedicado. Espero que todo aquel que se atreva a mergullarse nesta marabillosa lectura a saiba aproveitar e decida non poñer en perigo a súa vida na estrada.
 

25/05/17

A evolución de Calpurnia Tate

Comentario de Noa Presas
 
A evolución de Calpurnia Tate
Jacqueline Kelly
Kalandraka
  


A evolución de Calpurnia Tate, da autora Jacqueline Kelly, é unha novela de extensión non moi longa e moi doada de ler. Cóntanos unha historia dunha rapaza cun soño: ser naturalista.
Esta é unha novela para xente nova ou non tan nova, porque a pesar da súa fácil lectura, ten unhas ideas que a autora expón claramente.
Eu comprendín como idea principal a dunha rapaza que non quere aprender a coser, nin a cociñar, dálle igual ter o pelo longo, e ser como se supón que unha rapaza ten que ser.
Ela, dotada dunha gran perspicacia, observa o seu arredor e interésase polo porqué das cousas,
esta nena, con tan só 12 anos ten unhas ideas moi avanzadas para a súa idade ou época, e coa axuda do seu avó descobre a Teoría da Evolución de Darwin, que lle axuda a evolucionar a ela tamén.
A novela tamén ten contidos didácticos, que son as conclusións que saca a rapaza, ben por si soa, ou coa axuda de alguén, os cales se absorben case sen darse conta.

Penso que isto axudará aos lectores máis novos de dúas maneiras, a primeira, axudalos a interesarse pola ciencia, xa que o libro a presenta de maneira moi entretida e interesante. E a segunda, fará pensar de maneira diferente, por unha parte a aqueles mozos que están acostumados a pensar que as nenas teñen que estar perfectas, e facer as cousas que as mulleres poden facer, e axudaraos a ver que estas cousas que as mulleres poden facer son todas; e por outra banda as nenas que pensan que esa profesión é de nenos que elas debería ser algo como enfermeira ou azafata, cando o que de verdade lles gusta son os animais, ensuciarse buscando neles, e facer cousas que non son as que lle pertencen como mulleres, e poñerlle como meta que persigan o que lles gusta sen importar os roles que esta sociedade nos marcou dende que nacemos, facendo que moitas cousas sexan un impedimento polo simple feito de ser muller.

20/05/17

A estraña desaparición de Esme Lennox

Comentario de Noa Presas

A estraña desaparición de Esme Lennox
Maggie O´Farrell
Galaxia








Esta novela conta a historia de tres mulleres diferentres das cales as súas historias veremos entrelazadas.
A vida de Iris dá un xiro inesperado cnado recibe unha chamada dun psiquiátrico na que lle din que é a responsable de Esme, a súa tía avoa, isto colleu totalmente de sorpresa a Iris xa que descoñecía a existencia desta muller.

Por outro lado temos a Kitty, que na actualidade se encontra nun centro de anciáns, e padece Alzhéimer, a cal é a avoa de Iris e a irmá de Esme.



A partir destes piares comeza a desenvolverse unha novela de intriga na que os planos narrativos se solapan e alternan entre eles e tecen un fio na trama a tempo real protagonizado por Iris, e sobre el os recordos de Esme que viaxan ao pasado, pero de maneira desordenada con certas lagoas, tamén os recordos de Iris que a miúdo se perde no pasado e recorda a súa vida con Esme, aínda que ás veces a mente lle xogue malas pasadas, perda a memoria por momentos e experimentando outros moitos de lucidez debido á súa enfermidade.



A estrutura dsta novela foi o que máis me chamou a atención, xa que a historia está narrada a tres voces, ao principo custoume adaptarme aos saltos no tempo, pero cando te adaptas, de seguido comezas a disfrutar da lectura.Tamén se aprecia que frases que van saindo ao longo da novela, nun principio non sabemos onde colocalas, pero co tempo todo ten sentido e ímonos dando conta de onde encaixan as pezas que a escritora nos dá salteadas.



Por outra banda, a historia de Esme impresionoume máis que a das demais dende o principio, xa que vén dunha familia na cal a máxima aspiración dunha muller é encontrar un bo marido e casar, pero Esme quere algo máis. Ela é unha rapaza independente e libre que quere viaxar e aprender, nada de atarse nin obedecer. Pero se retrocedemos 60 anos no tempo, a sociedade daquela non vía con bos ollos a unha muller con esta maneira de pensar. Para min foi unha das razóns polas que unha rapaza con ganas de voar acabou encerrada nun psiquiátrico máis de 60 anos.

O que me fixo reflexionar e darme conta de como xulgamos hoxe en día ás persoas e tachámolas de tolas a aquelas que non seguen as normas sociais establecidas que nos ensinaron dende pequenos e moi pouca xente se atreve a cuestionar, ou aqueloutras que non seguen os patróns de “normalidade”, pero non obstante… Que é a normalidade hoxe en día?



Por estas razóns teño que dicir que esta novela é unha das máis complicadas que lin, pero encantoume, aínda que ao principio pensei en abandonala antes de comprendela de todo, pero resistín un pouco máis e comecei a entender a trama.

O que me deixou sen palabras foi o final, aínda que penso que se pode interpretar de varias maneiras.


09/05/17

4 xinetes

Comentario de Noa Villar Gallego

Anxo Fariña
4 xinetes
Xerais
 

Cando tiven esta novela por primeira vez entre as miñas mans, unhas tremendas ganas de comezar esta nova lectura xurdiron en min, pero unha vez que xa a rematei, quédome cunha sensación un tanto agridoce. A novela cóntanos a historia de catro rapaces que se convirten de xeito inesperado nos xinetes da Apocalipse, cada un deles desenvolverá un novo poder que traerá a desgraza ao mundo, queiran facelo ou non.
Anxo Fariña plantéxanos como sería unha Apocalipse no século XXI, nun mundo no que as redes socias teñen o poder de unir a xente de todo o mundo para loitar polos seus dereitos. O autor céntrase en cada un dos personaxes dun xeito moi minucioso, tanto que pode chegar a parecer lento. Os personaxes nun principio non teñen nada que ver uns cos outros e ata mais alá da metade do libro segue sendo así, isto fai que eu non saiba moi ben que pensar en canto ao desenvolvemento da historia. 

Na miña opinión, a idea principal do libro é moi boa, pero non se aproveitou todo o que se podería. O libro comeza moi ben, pero a medida que a historia vai transcorrendo, vai perdendo fol. Todo comeza co que semella unha novela para adolescentes e adultos: escura, orixinal, inquietante e inesperada; pero que despois acaba sendo unha novela moi confusa, cun final moi precipitado para o meu gusto, e que deixa demasiadas incógnitas por resolver. 

Non entendo o motivo, pero non me dou aclarado con este libro, non me parece que sexa ningunha xoia pero, en cambio, mentres a estaba a ler, sentía a necesidade de rematalo e saber que sucedía. Para min é unha novela que ten moitas cousas a favor, pero tamén moitas en contra. Ao longo da historia plantéxansenos varios dilemas morais que fan que te poñas na situación dos protagonista e que reflexiones sobre que farías ti se foras un dos catro xinetes, tamén se fai unha crítica sobre o uso excesivo das redes sociais e de como inflúen estas na nosa visión do mundo; por outro lado, penso que a historia de amor que se dá entre Noa e Adán é un pouco forzada e innecesaria. Teríame gustado máis que o autor se centrara máis na Apocalipse e un pouco menos nas tramas secundarias.

Algo que si que me gustou da novela é o feito de que os protagonistas non foran os heroes destinados a salvar o mundo, senón que foran os destinados a destruílo. Para rematar, direi que esta novela produciu en min moita confusión e non sei se debería recomendala ou non, polo tanto, déixovos escoller a vós.


01/05/17

Denébola a Roxa

Comentario de Noa Villar Gallego

 Denébola a Roxa
 Héctor Cajaraville

 Baía




Denébola, unha rapaza con moitas ansias de coñecer mundo e vivir aventuras, vese obrigada a ingresar nun convento de clausura.  Ela non está disposta a pasar toda a vida entre esas catro paredes e, marcada pola superstición que se lle asocia á súa cabeleira roxa, decide loitar por un futuro moito máis interesante ca o que o seu pai tiña escollido para ela.
Ambientada no século XVII, amósanos as dificultades e os retos aos cales a nosa protagonista se tivo que enfrontar. Unha muller intelixente, áxil, brava e curiosa, sen ningún tipo de prexuízo e que sabe que para lograr o que queres, tes que loitar para conseguilo. Denébola ensínanos que os coñecementos e o saber nunca están de máis,  que nunca te tes que deixar levar polo que os demais digan e que debes aproveitar todas as oportunidades que teñas de cambiar algo que non é do teu agrado.
Unha novela cuns personaxes únicos, unha trama moi interesante e unha escrita  bastante sinxela. O que máis me gustou, sen dúbida ningunha, foron os personaxes; o feito de que todos sexan tan distintos, e que as súas personalidades se poidan apreciar segundo o xeito no que falan ou os actos que realizan. Penso que unha das cousas máis complicadas nunha novela é lograr que a forma de expresarse dos personaxes vaia acorde coa súa personalidade, e iso é algo que o autor logra facer neste libro.
Recoméndolle esta a lectura a calquera que queira pasar un anaco tranquilo, lendo, e sen pensar moito. É un bo libro, pero quizais demasiado sinxelo para o meu gusto. É perfecto para ler en momentos nos que non queiras mergullarte nunha lectura moi complicada e que supoña moito esforzo.