ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

15/04/16

Masculino singular

Comentario de Adrián Mato



Masculino singular
Carlos Negro
Xerais

Gustoume moito este libro, xa sabía que este autor era (para min) un dos mellores poetas galegos, mais outra vez neste libro superouse. Encantoume a sutileza coa que critica na maioría dos seus poemas, a violencia de xénero, pero incluso máis aínda como el tamén se declara feminista e defensor das mulleres. Parece mentira que na sociedade do século XXI teña que haber libros de crítica contra un problema tan grande e que este siga ocorrendo. Admiro de verdade a Carlos Negro por declararse feminista e crear una obra coma esta, penso que se todo o mundo fixera o mesmo e dera un paso adiante en favor da muller, poderíase erradicar ou cando menos diminuír, o número de mulleres mortas a man de homes.

Se tivera que escoller un par de poemas serían sen dúbida: "O muro" E os das múltiples interrogacións retóricas

14/04/16

Bilbao-New York-Bilbao

Comentario de Vanesa Lalín



Bilbao-New York-Bilbao
Kirmen Uribe
Xerais



Outra vez atopeime cun libro que ten un título que me gustou moito , pero unha vez que o rematei de leer desilusionoume un pouco, non sei se foi por ese final tan aberto, onde a miña cabeza pensaba varias cousas ou pola maneira de transmitir a historia que se nos conta durante un voo que vai de Bilibao a New York. Para min é como se lle faltara movemento, acción…, non sei como explicalo, pero ás veces pareciame que estaba lendo historias todas diferentes, aínda que no fondo tiñan todas en común a historia de tres xeracións da mesma familia, que había que ir unindo e enlazando para así poder formar a historia, onde o protagonoista, Kirmen Uribe, era como o eixe que unia esas historias, que unha vez aparecían como cartas, outra como diarios, poemas, e incluso como e-mails, onde se intenta reflexar o paso do tempo, é dicir, o pasado e o presente, e ás veces dabame a impresión que quería chegar o futuro.
Por outro lado creo que no fondo este libro o que intenta transmitir e que o protagonista sente unha especie de rexeitamento a continuar coa tradición de pescadores que tiña a súa familia, pero a pesar disto vese o gran amor que el sente por todos os pescadores, que neste caso son os vascos, pero as historias que nos conta poderían ser as de calquera mariñeiro de calquera lugar.
Para min este libro esta cheo de moitas ideas diferentes e acontecementos onde me fixeron reflexionar e pensar en varias ocasións para así entender o seu contido pouco a pouco, onde descubrin que a tradición oral era moi importante, pero que as veces me facía difícildiferenciar os feitos reais do que podían ser mitos dunha familia de pescadores en concreto.
Como resumo podo dicir que non é un libro que me entusiasmara, pero que no fondo me fixo ver cousas para comprender mellor outras maneiras de vivir.7

13/04/16

Masculino singular

Comentario de Christian Domínguez



Masculino singular
Carlos Negro
Xerais





Neste libro amósasenos como Carlos Negro racha para sempre co mito da virilidade de que os roles non deben estar preconcibidos: os nenos de azul e as nenas de rosa, os nenos xogar con camións e as nenas con bonecas.
Iso é o que non debe ser, e así o plasma Carlos Negro, autor do libro. É unha reflexión sobre o que supón ser home hoxe en día: Dende o “home macho” ata o heterosexual tenro, afectuano e non predominante.
Como se consegue iso? Grazas á educación, a rachar cos tópicos educativos e culturais a ter contacto co feminismo. Todo isto dende poemas curtos ata poemas visuais ou caligramas, con certa ironía sobre todo no nome dos poemas << just for men >> , << código de barras >>. No libro está claro o que quere o autor, concienciar o home de ser mellor persoa  e ensinar todo aquilo que ten de muller.

12/04/16

Os caloteiros

Comentario de Raquel García


Os caloteiros
Jim Thompson
Rinoceronte



Os caloteiros de Jim Thompson foi un libro no que a primeira cousa que me chamou a atención foi o seu título xa que eu nunca oira aquela,para min,estraña palabra "calote".

Ao principio o libro non me engaiolou moito xa que só contaba feitos e anécdotas que lle sucederan ao protagonista da historia chamado Roy Dillon sen ningún tipo de intriga nin misterio.Según avanzaba pasando páxinas e sen querer,o libro ía atraéndome cada vez un pouco máis xa que aí foi cando empecei a descubrir como era a verdadeira vida de Roy Dillon,distinta a calquera outra vida dunha persoa normal.En parte,entendo que Roy puidera ter unha vida tan fora do legal xa que a infancia marca e marca máis ainda o ambiente no que medras.
Roy bota tanto tempo fora do legal que cando ten a oportunidade de deixalo e mesmo de ter unha boa moza,humilde e modesta prefire seguir coa súa vida ilegal anque despois encamiña a tempo o seu futuro profesional.O que máis me gustou deste libro foi que seguro que no mundo do ilegal tamén hai persoas que viven así,calculando cada palabra e movemento que fan para non botarse a perder.
En canto a personaxes,o personaxe que máis me impresionou foi Lilly Dillon porque eu cría que,a pesar de todo unha nai sempre ía ser unha nai e como tal pese a todo querería o mellor para o seu fillo;Lilly Dillon non,para ela o máis importante son os cartos e a fin de contas no libro ben o demostra. Moira para min é un personaxe bastante secundario e que case podía sobrar xa que só participa nunha escea relativamente importante.
"Os caloteiros" a fin de contas gustoume bastante,non só polos feitos en si senón tamén pola súa fácil lectura xa que utiliza un vocabulario preciso e sinxelo.Recoméndoo!

11/04/16

Fontán

Comentario de Francisco Rodríguez


Fontán
Marcos Calveiro
Galaxia


Este foi o primeiro libro do escritor Marcos Calveiro. Oíra moitos eloxios respecto deste escritor pero por desgraza, todos ese eloxios non se viron reflectidos nesta novela.
Primeiro comezarei facendo referencia ó conxunto do libro. Este, desenvovle a vida do personaxe Domingos Fontán, dende a súa complicada infancia, pasando pola época adulta chea de brancos e sombras ata chegar á súa vellez coa que culmina o libro. Este pequeno toque que este libro ten de "Biografía" foi un detalle que non me gustou demasiado xa que non son moi fan deste tipo de novelas.
Se tivera que destacar algo deste libro sería o gran detallismo que Marcos fai á hora de describir os ambientes por onde transcorre toda a acción, xa que axuda á lectura do libro e que polo menos en min conseguiu o efecto máxico de mergullarme en cada un dos ambientes nomeados ata chegar a imaxinar que era eu o que estaba alí. Estes diferentes ambientes parecéronme moi interesantes xa que me serviron para aprender cousas sobre épocas ou acontecementos pasados que descoñecía como a Guerra de Independencia contra os franceses, espazo onde trascorre gran parte da trama. Tamén gústame o feito de que fai alusión a moitos lugares pretos de aquí, como cando Marcos introduce a Bermés coma lugar de nacemento do catedrático Xosé Rodriguez, mestre de Fontán. Ó mesmo tempo tamén fai referencia a personaxes de gran importacia coma Xulio Verne.
Por outra parte gustoume o toque de sentimentalismo que Marcos lle deu a esta novela en certas partes e que persoalmente conseguiu tocarme o corazón. Este sentimentalismo vese reflectido principalmente na difícil infancia que "Mingos" sufriu, con isto penso que Marcos quere facer unha especie de crítica a un problema que se atopa coma protagonista na sociedade actual e que cada vez está a acabar con máis nenos que non poden aguantar sobre as súas costas o enorme peso que conleva o bulling.
Esa parte fíxome reflexionar no importante que é levantarse e loitar polos teus soños para alguén que sofre ese acoso, como este personaxe que nunca se rindeu e finalmente conseguiu o seu obxectivo soñado tantas veces, pero que aínda non o conseguira acadar. Este soño foi un avance importantísimo non só na sociedade pasada e galega senón que tamén na sociedade actual e española. Este avance foi a consecución da primeira carta xeográfica dun territorio español, de Galiza. Nisto pareceume admirable a persuasión de nunca rendirse ata por fin acadar o seu obxectivo de publicar esa ansiada carta aínda que o tivera que facer, polos diversos obstáculos que lle puxeran aquí en España, en Francia.
Sen embrago pese a todos estes detalles anteriores que parecía que ían facer deste libro unha novela moi boa, a balanza do aburrimento ou do desagrado foi quén venceu nesta batalla utilizando coma arma principal a falta de acción que sempre lle fai ben a un libro e outras armas coma un linguaxe relativamente complexo de entender ou a falta de algo que che faga engancharte ó libro coma se dunha cadea se tratara sen poder desapegarte del ata rematalo.
En definitiva un libro que non me resultou doado de todo de ler pero que cunhas pequenas introduccións de acción pode chegar a ser un gran libro, que volvería ler a gusto pero de momento costaríame volver a lelo.

10/04/16

Historias de Oregón

Comentario de David González Sampayo



Diego Ameixeiras
Historias de Oregón
Xerais



A verdade é que cada vez me gusta máis isto de ler libros de novela negra, escritos por Diego Ameixeiras. O último libro que lin deste gran autor foi "Historias de Oregón", o cal gustoume moito. Este libro gustoume máis ca o de "Matarte lentamente", xa que a linguaxe que emprega o autor neste libro é máis directa, ademais esta novela pareceume máis fácil de entender. Este libro posúe unha estrutura semellante a de "Matarte lentamente", xa que está formado por varias historias relacionadas entre si. O que máis me gustou deste libro foi que Diego Ameixeiras consegue crear na mente do lector imaxes relacionadas co que un está lendo. Ademais este libro pareceume moi realista, ao igual, que todos os libros que lin de Ameixeiras ata o día de hoxe. Esta foi unha obra que me agradou bastante, pero houbo aspectos que os cambiaría. Dentro destes aspectos gustaríame dicir que neste libro, ás veces, a mesma historia está formada por capítulos moi separados, o que fai que o lector poida facerse un lío. Pero en xeral gustáronme case todas as historias que forman o libro.
Todos os personaxes que interveñen en cada unha das historias deste libro, son persoas normais, da vida cotiá, pero os cales todos teñen un problema que inquieta a súa vida e domina o seu papel ao longo desta marabillosa novela. Tamén hai que dicir que todos os personaxes de cada un dos relatos que comprenden este libro, proveñen de suburbios, da clase baixa e ao longo da súa vida sufriron numerosas inxustizas. En canto ao espazo, a historia transcorre na cidade de Oregón, a cal polo que se conta no libro está chea de zonas conflitivas. Nesta novela Diego Ameixeiras fai que coñezas Oregón coma a palma da man xa que realiza unha constante e fonda descrición deste espazo.
Como ben dixen ao principio do comentario, gustáronme case todas as historias e vou destacar dúas delas; unha positivamente e outra negativamente. A historia que, para min, salientou sobre todas as demais foi de Aurora P.G., en cambio, o relato que máis me decepcionou de todo o libro foi o da prostituta Camelia V.P.
A historia que máis me gustou foi a de Aurora P.G., xa que é unha historia moi realista e chea de intriga e acción. É unha historia moi realista porque a violencia de xénero é un tema que, por desgraza, está presente no día a día da nosa sociedade. Neste relato cóntase a vida dunha muller chamada Aurora, cuxo marido chega case sempre borracho á casa. Sempre que van para a cama esta muller é tirada ao chan por Andrés, o seu marido, e entón ela sempre durme na alfombra. É tal o medo que lle ten que cando vai para a cama xa non se deita nela, senón que directamente xa se deita na alfombra para que o seu marido non a tire ao chan. Pero un día Aurora xa farta de ser golpeada, insultada e humillada polo seu marido; esperta e observa que Andrés se quedou durmido mentres ceaba debido ao borracho que estaba. Sen pensalo dúas veces Aurora coloca varios coitelos enriba da mesa e apuñala repetidamente ao seu marido. A verdade é que o final desta historia me sorprendeu bastante xa que segundo vas lendo o que pensas é que Aurora vai ser asasinada polo seu marido, pero ao final é ao revés.
En cambio a historia de Camelia deixoume un amargo sabor de boca, principalmente porque non entendín a historia. Deste relato, só entendín que Camelia é unha prostituta que tras rematar un servizo co dono dunha empresa construtora lle rouba a este a carteira e escapa e tamén me lembro de que Camelia era amiga dunha tal Diana Maroto, unha chica que desapareceu repentinamente. O final desta historia é tamén o final do libro é a verdade non o entendín, xa que o libro remata cunha chamada de Camelia á televisión para mercar un dos produtos que anuncian a altas horas da noite, e por iso o desenlace do libro non me quedou moi claro.

09/04/16

Un animal chamado néboa

Comentario de Noelia Blanco


Un animal chamado néboa
Ledicia Costas
Xerais
 
 
“Un animal chamado Néboa”, de Ledicia Costas é un libro que non sabería moi ben como comentalo, xa que en moitos momentos deixoume sen palabras. De verdade que é impresionante. Parabéns, Ledicia.

É un libro que trata sobre a Segunda Guerra Mundial, pero non como nos fala a materia de Historia, se non dunha maneira moitísimo máis profunda e con ese toque que engancha. Ves a primeira historia tan brutal, que desexas saber que sucede na segunda e así, ata os xuízos finais. Impresionáronme moito detalles como os que suceden en Leningrado, que as persoas nada que meter na boca teñen, simplemente se teñen uns a outros e ó frío, o frío sempre presente. Ver como os seres que máis queren morren uns tras outros e que non poidas facer nada máis, son varios dos temas que nos presenta nos primeiros capítulos. Pero sen dúbida, o que máis me conmocionou, si se pode conmocionar máis aínda, foi o de “Un animal chamado Néboa”. Xa me tardaba en resaltar algunha historia machista, que de seguro que habería moitas para poñer neste libro con tanta tortura. Dende logo, que para nada me esperaba unha historia tan profunda e con tanta dor enganchada, con tantas bágoas inevitables. Paréceme tan incrible o machismo aí presente, prodúceme tanta impotencia, tanta rabia,… Ese capítulo en especial foi o máis duro, porque non me imaxinaba nin a metade das cousas; si sabía ese machismo aínda presente hoxe en día, pero non que puidera chegar tan alá.
O libro, en xeral, deixoume un sabor de boca moi raro, moi dorido; déixame con moi pouco benestar interior. Fíxome abrir os ollos, porque nunca imaxinei que iso chegara a pasar en moitas situacións. Tamén me fai reflexionar en canto á actualidade, xa que non entendo como moitas destas situacións aínda seguen vivas e contan avivar máis. Non entendo a sociedade. Non entendo esas mentalidades. Non entendo como se pode pasar ben facendo tanto dano. Teño medo.
Reitero, parabéns Ledicia.
 

08/04/16

Matarte lentamente



Comentario de David González Sampayo



Matarte lentamente
Diego Ameixeiras
Xerais

"Matarte lentamente" é un libro que pertence ao xénero da novela negra e, ademais, é o segundo libro que leo de Diego Ameixeiras. Este libro, ao igual que a outra novela que lin deste autor, titulada "A noite enriba", encantoume de principio a fin e cada unha das historias que o forman parecéronme moi interesantes e intrigantes. Mentres les este libro, a palabra aburrimento non existe, xa que Diego Ameixeiras consegue que o lector sea absorbido pola historia e se meta nela de cheo. Esta novela está formada por varios relatos, os cales están entrelazados entre sí. Este é un libro moi realista debido a que os seus relatos están ambientados en Santiago de Compostela, pero sobre todo o que de verdade lle transmite realismo a esta obra, son os seus temas relacionados con problemas socias da actualidade, como a crise, o aborto, as preferentes, as drogas, os enganos, os asasinatos, etc. Con todo debo dicir que este libro me pareceu bastante complexo. Con esto refírome a que tes que estar cos cinco sentidos postos durante a lectura senón non descobres a relación que gardan entre eles todos os relatos que forman esta magnífica novela, en cambio, o léxico e o vocabulario que emprega o autor, son moi sinxelos de entender e interpretar, xa que na obra non abunda a ironía.


Sen dúbida a historia que máis me gustou e entreteu deste libro foi a de Ramón. Pareceume moi emotiva e intrigante, pero, sobre todo, triste. Neste relato cóntase a historia dun home chamado Ramón, cuxo fillo sofre unha enfermidade e polo cal fai todo o posible. Durante a historia nárrase que quen se ocupa durante moito tempo da vida no fogar é a muller de Ramón, xa que este, debido ao seu malestar anímico, se refuxia no alcohol para fuxir dos seus problemas, e chega case sempre borracho á casa. Nesta historia tamén se narra como Ramón e a súa muller organizan un concerto para recaudar fondos e poder realizar unha operación de gran custo para sanar ao seu fillo, ou polo menos intentar mellorar o seu estado.


Os personaxes e os lugares onde transcorren todos os relatos desta novela están moi ben descritos, o que me gustou moito. Pola contra, como ben dixen ao principio do comentario, este libro é bastante complexo polo que hai que capítulos que o lector ten que ler lentamente para entendelos ben e atopar a relación que gardan con respecto aos demais relatos da novela.

07/04/16

Unha puta percorre Europa

Comentario de Andrea García Méndez


Unha puta percorre Europa
Alberto Lema
Galaxia
 
 
 
Calquera que lea o título pode pensar mal e pensar que unha prostituta recorre Europa e os seus diversos países e describe as súas experiencias vividas alá, pero dende logo esta ben equivocado.
Dúas mulleres feministas, radicais e lesbianas que queren ser oídas e frear a violencia de xénero contra as mulleres, dunha vez por todas, non se lles ocorre mellor remedio que facerse pasar por  prostitutas e asasinar os seus clientes deixando xunto eles unha tarxeta co nome de <>.
Non sería unha solución pacífica para todos pero tampouco o é o que os homes fan; elas toman a xustiza pola súa man e quen mellor ca elas que o viviron para facelo. Creo que as penas contra o asasinato ou calquera tipo de violencia contra mulleres é moi pouco, esas persoas deberían sentir o mesmo que sentiron elas durante todo ese suplicio. Non solo é para defensa de mulleres senón tamén de homes que sofren violencia de algún tipo, creo que non hai ningunha necesidade de pegarse uns a outros ou chegar a morte.
É un libro cargado de crítica social como no sexo das protagonistas,  xa que normalmente son os homes os asasinos e as mulleres as indefensas, sendo que a persoa máis resaltada en halterofilia en España é unha muller;  a súa condición sexual e a maneira de tratalas, como se fosen obxectos. Aínda así é un libro interesante e bastante entretido, algunhas partes máis ca outras.