ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

22/10/13

Eu, pel

Comentario de Laura Presas Mato


Eu, pel
Teresa González Costa
Xerais








Comezarei por dicir que este libro ten un inicio que non me agradou para nada, resulta que ata a metade del non souben de que ía a historia e tiña que irlle preguntando aos meus compañeiros. Pero cando Niki descubriu o taller esnaquizado e a levaron a unha das torres con outra xente comezou a chamarme a atención, a cada pouco debía saber que novas cousas lle acontecían á rapaza.
A historia do Innominable entristeceume moito, tivo unha vida de refuxio, unha vida solitaria na que seu pai e súa nai renegaban del por ter ese problema na pel, se se lle pode chamar pel. 
En verdade o libro gustoume, semellábame aburrido ao comezo tal como dixen pero ao ir continuando íaseme facendo máis ameno e collíalle interese, botei uns días que non soltaba o libro das mans porque precisaba saber como remataba tal historia. 

21/10/13

Ámote Leo A.

Comentario de Sonia Troitiño Loureiro
Ámote Leo A.
Rosa Aneiros
Xerais

Ámote Leo A, un libro que se quedou con un chisquiño do meu corazón.
Amote Leo A. é un libro un tanto especial. Conta a historia dunha rapaza que soubo tomar as súas propias decisións a pesar das circunstancias e das opinións que o resto podían ter por un só motivo: un soño. Atópase soa durante 6 meses en lugares moi afastados da súa casa pero a ansia de coñecer mundo e máis forte ca todos os problemas que iso poida supoñer. Loita contra todos os impedimentos que se lle cruzan no camiño e a pesar de en ocasións querer botarse atrás e optar polo fácil, consegue superalos e gozar da verdadeira maxia dunha viaxe.
Este foi un libro que me engaiolou por completo e me envolveu de tal maneira que cheguei a sentir en ocasións o mesmo ca os personaxes e  a pesar de que  ao comezar a súa lectura, a verdade, non me pareceu que fose a clase de libro que esperaba, axiña me decatei de que me enganaba. Pareceume un libro moi interesante xa que ademais de contar unha historia fixome aprender un pouquiño máis de cada unha das cidades polas que a protagonista viaxa, moitas das cales eran case descoñecidas para min. En ningún momento da miña lectura sabía o que podía acontecer no capítulo seguinte e iso foi algo que me fixo interesarme cada vez máis por cal sería a seguinte aventura de Leonor.
Foi un libro que me fixo reflexionar sobre moitas cousas e co cal me identifico bastante. As mensaxes dedicadas a Leo que aparecen ao longo da lectura teño que admitir que me desconcertaron bastante xa que aínda non lle atopei o sentido completo  pero iso non é algo que me entristece, ao contrario, foi algo que conseguiu que non perdese en ningún momento o fío da historia, unha historia entretida e interesante que me fixo sacar mais dun sorriso. 
Xa para rematar, recomendo este libro a todos aqueles e aquelas que lles encanten as aventuras. Espero ansiosa a segunda parte da triloxía  que sei que me encantará tanto ou máis ca a primeira. A pesar de que non acostumo ler demasiado, este será un deses libros que recordarei durante moito tempo.

20/10/13

Ámote Leo A.

Comentario de Denise Varela


Ámote Leo A.
Rosa Aneiros
Xerais




Ámote Leo A. de Rosa Aneiros, narra a peculiar viaxe ás cidades máis extrovertidas  do mundo que realiza Leo, unha rapaza que non lle teme a nada. Leo leva querendo facer esa viaxe ó rematar os estudos dende hai tempo, pero no último momento os seus compañeiros déixana plantada. Polo que Leo, sen medo ningún, decide facela ela soa valéndose por si mesma. Sen rumbo ningún, querendo descubrir novas cousas, vai coñendo amizades, anécdotas, amores dunha noite, pelexas, alegrías, revoltas... e atopa a Ruth e cía, unha banda coa que Leo encaixa perfectamente e realiza parte do traxecto con eles.
Este primeiro volume da triloxía a min encantoume. Ó comezo da lectura resultábame algo difícil de ler, debido a que ás veces falaba noutro tempo, cando ela recordaba, pero logo resultoume moi fácil de ler. En todo momento compréndese a lectura moi ben, o que che resulta máis fácil para non perderte. Gustoume moito esa maneira coa que detalle a detalle vainos narrando cada unha das cidades que Leo visita. Esa precisión coa que a escritora nos describe eses remotos e estraños lugares e, de certa maneira, achéganos a coñecer dende outro punto de vista esas cidades, ou polo menos no meu caso. 
Quedei bastante intrigada coa parte final e a frase que Leo vai atopando a medida que visita novos sitios, pero supoño que a todos nos ocorrerá e isto é algo que a escritora xa espera que lle comenten, así que só me toca esperar a que saia a segunda parte desta triloxía e que esperarei impacientemente. 
Poñendo fin ao meu comentario, recomendo a todos aqueles que lles guste a viaxe  que se animen a ler esa gran lectura de Rosa Aneiros.


19/10/13

Eu, pel

Comentario de Lucía García Rodríguez 


Eu, pel
Teresa González Costa
Xerais








Este libro conta dúas historias diferentes pero dalgún xeito unidas. Chamoume a atención o nome que decidiu poñerse o neno: Innominable. 
Gústanme as historias que mesturan realismo e imaxinación. Neste caso a de Niki, unha nena con talentos artísticos e a do Innominable e a cuberta que tiña por pel.
O principio pareceume aburrido xa que non daba collido o fóo da historia. O final gustoume, sorprendeume de certo modo, polo feito de que o rapaz quixese que toda a cidade o aceptase. A pesar de que comprendo de certa maneira o rapaz, tamén penso que iso na sociedade actual é imposible, dado que sempre vai haber persoas que non te acepten tal e como es.
O libro gustoume bastante.

18/10/13

Reencontro

Comentario de Lucía García Rodríguez

Reencontro
Fred Uhlman
Galaxia





Reencontro é un libro que me deixou sen palabras.
Os comezos sempre me resultan aburridos, pero unha vez que me enganchei na historia, continuei lendo ata rematalo. En certas partes a súa comprensión resultábame menos doada pola cantidade de nomes raros e frases noutros idiomas das que eu descoñecía o seu significado.
Dous nenos, Konradin e Hans, fannos ver que unha verdadeira amizade non entende de cor, raza, relixión...
O final foi inesperado, triste e tráxico. Por unha parte o suicidio de seus pais sorprendeume moito, pero cando souben o que lle pasara a Konradin quedei perplexa.
Gustaríame que o autor seguise escribindo un pouco máis. Ou cando menos quero seguir eu lendo libros del!