Comentario de Zaira Míguez
Este libro cóntanos a historia do verán de 1899
que vive unha rapaza de 11 anos en Texas. Calpurnia era a
única muller de sete irmáns. A rapaza mostra durante toda a novela o seu
interese pola natureza pero a súa nai
obrigábaa a estudar cociña e piano, cousa que non lle interesaba para nada á
protagonista. O seu gusto pola ciencia fai que comece a relacionarse co avó ao
que lle fai preguntas pero el fai que sexa ela mesma quen encontre as
respostas. Isto leva a que medre unha confianza e simplicidade entre o home e a
súa neta.
Durante toda a lectura vemos a diferenza de educación que se lles
daba aos homes e mulleres daquela época, ademais que a muller se tiña como un
obxecto que non tiña ningún mandato. Isto podémolo observar en moitas escenas
pero un exemplo é cando un irmán lle di á súa irmá que as mulleres non votan
nin se lles paga, que deben quedar na casa coidando dos seus homes, familias e
fillos. Isto é un claro exemplo da opresión que sufría a muller nesa época.
Foi unha lectura que me gustou persoalmente debido á súa fácil lectura e á incorporación de coñecementos sobre a natureza na
narración sen chegar a facela pesada e aburrida, senón que a facía amena. Ademais
Calpurnia é unha protagonista que te chega a cautivar debido as súas ideoloxías
que na súa época non se consideraban primordiais
e moito menos para unha rapaza, xa que o principal para unha muller era o seu comportamento
e saber facer as tarefas do fogar, que é un esquema que Calpurnia pretende
romper intentando escaquearse das súas
clases para dedicalos a pasar tempo co seu avó e realizar experimentos con el,
outro apaixoado da ciencia.
Creo que é un libro que se debería ler xa que nos
amosa como era a vida dunha rapaza nunha época na que os homes eran superiores
as mulleres, algo que hoxe en día por desgraza aínda se ve. Ademais amósanos
como a rapaza non abandoa o seus gustos polo que lle inculca a sociedade, senón
que segue adiante.
Sen comentarios
Publicar un comentario