Esta novela
trasládanos á época nazi para facernos reflexionar sobre o holocausto dende o
punto de vista de Bruno, un rapaz de nove anos fillo dun alto cargo das SS que
deixa a súa cómoda vida en Berlín para servir en Auschwitz. Bruno enseguida
comeza a sentir curiosidade pola xente que pode ver dende a fiestra da súa nova
habitación, levan todos un “pixamas de raias” que el nunca antes vira. A
curiosidade que sente fai que se
decida a achercarse ao lugar onde está
toda esa xente estraña e que, separados
por un valado, se faga amigo de Shmuel, un rapaz xudeu da súa mesma idade.
A historia é
interesante, trasládate a outra época e faiche vivir algo tan terrible como o é
un holocausto. É unha lectura case perfecta pero non podo deixar pasar por alto
algúns detalles que me descolocaron un pouco, por exemplo o feito de que Bruno,
con 9 anos, vivira nunha total ignorancia en canto a todo o que pasaba ao seu arredor.
Un rapaz da súa idade, por moi enganado que o teñan, sempre vai tentar
descubrir e preguntar sobre todas aquelas cousas que o rodean. Ou o feito de
que el e Shmuel se fixeran amigos estando un a cada lado da cerca, e que
incluso puideran pasar por debaixo dela; nun lugar coma o que estaban todo
tería que estar un pouco máis vixiado ou polo menos a cerca electrificada.
Aínda que tamén é certo que se ese pequeno detalle non se obviara o argumento
da novela non se podería desenvolver dese xeito.
Recomendaría
esta novela para un día tranquilo no que non che apeteza unha novela cun
argumento moi denso. Non é un mal libro, pero si que é un pouco previsible.
Sen comentarios
Publicar un comentario