ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

16/12/13

Ás veces quero morrer coa risa

Comentario de David Cabaleiro

Ás veces quero morrer coa risa
Birgit Schlieper e Nina Stahl
Galaxia


Nils arrinca as páxinas do calendario esperando que nunca rematen de caer. Con só dezaseis anos e a súa vida xa está escrita por culpa do cancro. Aínda lle quedan por vivir moitas experiencias, e apenas vai poder cumprir a metade: ter noiva, coche propio, ir a concertos… e sobre todo, poder ir visitar á súa irmá a Estados Unidos. Os seus pais están divorciados, polo que debe decidir con cal deles pasar os seus últimos días. Pero ao final, remata quedando no hospital, dándolle compañía e sendo acompañado por Helene, a quen lle queda menos tempo de vida ca a el.
Que ao seu primeiro amor lle agarde o mesmo destino é algo que non pode soportar. Outro dos motivos que o encadean a unha columna de sufrimento é que non é capaz de expresar os seus sentimentos: non quere atreverse a dicir “ámote”, non quere atreverse a dicir “abrázame”.

Quero aclarar que non é fácil deprimirme mediante a lectura, pero esta narración non eran unicamente letras, se non auténticas bombas de emoción e tristura.
Escollín este libro porque guiándome pola portada e o título me pareceu que ía ser un deses libros de humor, para botar unhas cantas gargalladas… Pero tan pronto comecei a ler decateime de que non era así, de que estaba ante unha gran obra de puro dramatismo. Que a un rapaz lle sexa arrebatada a vida cando aínda non comezou a vivila é un auténtico trauma.
Síntome bastante identificado co protagonista, pois a todos nos costa de vez en cando expresar os nosos sentimentos, aínda que saibamos que despois nos imos sentir mellor.
Non sabería dar unha mala crítica do libro, pois abrangue un tema moi serio e á súa vez moi presente na actualidade, que oxalá algún día teña cura. Unicamente quero aclarar que non me pareceu unha portada axeitada ao contido do seu interior.
Por último, quero recomendarlle este libro a todo o mundo, pero sobre todo aos duros de corazón, porque seguro que léndoo se lles acaba abrandando.

Sen comentarios