Comentario de Paula Gamallo
A estraña desaparición de Esme Lennox
Maggie O´Farrell
Rinoceronte
Despois de sesenta anos
Esme Lennox sae do seu pesadelo transmitindo, como pode, todo o acontecido na súa curta adolescencia.
Unha historia verdadeiramente intrigante caeu sobre as miñas mans hai uns días,
despois de rematar este libro podo afirmar rotundamente que Maggie O´Farrell é
dese tipo de autoras que non deixarían indiferente a calquera, que te
manteñen sumida na lectura ata o derradeiro instante.
É lícito cualificar a
alguén de persoa escasa de cordura e privatizala de toda liberdade social? Na
miña opinión non, pero a través de libros coma este podo ir decatándome un
pouco máis de como funcionaban algunhas sociedades no pasado e das terribles
inxustizas que se cometían con algunhas persoas. De como as convencións sociais
e as familias conservadoras acababan con milleiros de vidas e de dignidades.
Somerxinme nun mundo cheo
de misterios e de xeracións distintas en épocas apartadas unidas por uns lazos
de valentía e loita. A autora vai entrelazando os feitos de forma que a
curiosidade de Iris é cada vez maior ao saber que detrás do carácter diferente
e peculiar de Esme, a súa tía, agóchase unha vida chea de inquedanzas e
inxustizas, ante todo inxustizas que non pasarán desapercibidas na vida de
Iris.
Realmente ninguén é capaz
de superar a morte dun irmán na súa totalidade e menos se se trata dun irmán
morto nos teus propios brazos por algo tan nocivo e tan daniño como as
enfermidades asiáticas. Ninguén era quen de comprender a Esme, nin facían por
comprendela, máis ben todo o contrario; era evidente que se trataba dunha
rapaza un tanto excéntrica e dispar, cunha dor inmensa debido ao desarraigo
sufrido pero... cal foi o detonante? o seu valor, o seu coraxe, a rebeldía e a
loita continua dunha muller verdadeiramente intelixente e digna. Foi encerrada
e excluída da sociedade de xeito irracional e ilícito, amosando o fácil que era
naqueles momentos privar aos seres humanos independencia e autonomía, chegaba
con que calquera tipo de médico botase unha firma nun papel para acreditar que
determinada persoa debía ser pechada de por vida entre catro paredes. Terrible
non?
Non podo rematar sen ter
citado antes esta frase que seduciu a miña atención: Moita loucura é a máis divina cordura para o ollo que discirne. Moita
cordura, a máis rematada loucura. A maioría imponse nisto, como en todo.
Asente, e serás xuizoso; discorda, e serás perigoso de contado, e cinguido con
grillóns. As institucións políticas, as monarquías, as autoridades en
xeral... e incluso o pobo falan da liberdade de expresión do ser humano, de feito
está defendida pola lei. A pesar de todo
que aportar unha simple reflexión, tanto como conclusión final da miña lectura
como cavilación xeral da sociedade dos nosos antepasados e tamén da dos nosos
días; é preciso marcarse un punto de inflexión, no que pensemos se de verdade
existe a liberdade ou estamos continuamente condicionados a hora de actuar e de
expresarnos. Eu creo que que vivimos marcados pola sociedade e polo criterio
que nos inculca, carecemos de carácter suficiente para enfrontarnos a ela, e atrévome
a afirmar que é verdadeiramente triste e desolador: nós mesmos nos destruímos
uns aos outros con críticas e censuras innecesarias que nos privatizan da
verdadeira liberdade. Nós mesmos nos quitamos a nosa liberdade.
Sen comentarios
Publicar un comentario