ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

21/02/10

Resistencia

Comentario de Dolly González Álvarez


Resistencia
Rosa Aneiros
Xerais

Gustoume o libro porque a historia que conta paréceme moi interesante, ao tratarse dunha mestura de amor e odio, e a situación política na que se topaba Portugal neste período histórico.
É unha novela escrita en terceira persoa, dividida en 36 capítulos polo que se fai máis amena e fácil de ler.
A época histórica na que nos relata os acontecementos van do ano 1960 ata a revolución dos caraveis, coa que Portugal recuperou a democracia. Tamén reflicte as guerras portuguesas de independecia coas súas colonias.
É unha obra apaixoante aínda que tremendamente triste, por mor da imposibilidade de conseguir o amor e a felicidade da parella protagonista. Tamén saen a relucir as diferenzas sociais tan esaxeradas neste país, e o distinto tipo de vida, da aldea á cidade.
A miña opinión é que que non debeu existir este período político fascista no que Portugal sufriu a falla de liberdades, de diferenciacións sociais e de estragos nas colonias, que supuxeron un retraso social, económico e cultural deste país.

20/02/10

Diario de Ana Frank

Comentario de Raquel Rodríguez Vázquez



Diario de Ana Frank
Kalandraka

Este libro gustoume moito pois achegoume unha información diferente sobre a Segunda Guerra Mundial: o día a día duns xudeus agochados para salvar a vida. Foi unha obra que me emocionou e que me fai preguntar sobre que clase de persoa era esa rapaza que, sen percatarse, escribiu algo tan magnífico e importante.
O que conta no seu diario é unha historia que conmove a calquera, algo que se me antolla insoportable: vivir con outra familia, encerrados nun faiado, sen poder falar, pasar fame... E aínda así, eran unha familia privilexiada pois os xudeus que non estaban agochados eran levados a campos de concentración.
É un libro diferente, pois normalmente teñen o testemuño da persoa que vence e aquí conta a historia do perdedor. Unha historia que me conmoveu desde o primeiro momento, cando tiveron que saír da casa a escondidas, con toda a roupa encima para non chamar a atención. Pero máis emotiva é a historia de Henk e Miep, dúas persoas que arriscan a súa vida por salvar a dos demais.
E ao mesmo tempo a rapaza vai medrando e vai desenvolvendo sentimentos cara a Peter.
A parte negativa do libro é que en ocasións resultou monótono e aburrido, sobro todo os días que conta o que come, cea, os cartos que gastan en cada comida... pero, claro, é un diario dunha rapaza encerrada nun faiado sen contacto co exterior, agás unha radio.
Un libro que hai que ler.

17/02/10

Que me queres, Amor?

Comentario de Raquel Rodríguez Vázquez


Que me queres, Amor?
Manolo Rivas
Galaxia


Este libro gustoume moito aínda que algunhas historias non as entendín moi ben, pero pareceume un libro moi entrentido, que engancha e que ten un punto de vista diferente a todos cantos levo lido.
Está formado por 16 narracións, encerrando en cada unha delas algo de amor, misterio, tenrura e humor. Relatos fáciles de ler e amenos.
O relato que máis me gustou foi "A lingua das bolboretas", chamado así por ser unha das cousas que un mestre ensina ao alumnado; ambientado nunha aldea de Galicia nos principios do ano 1936, Moncho -fillo dunha familia republicana- ía pasear e aprender cousas da natureza con Don Gregorio, o seu mestre republicano.
Pero cando comeza a guerra civil, os republicanos son detidos polos falanxistas, marchando presos no coche. Aí Moncho tíralle pedras ao seu querido professor para non levantar sospeitas de que a súa familia fose amiga.
Outro dos relatos que tamén me gustou foi "A leiteira de Vermeer" que fala sobre o misterio dun cadro que resulta parecerse á nai do protagonista.
"O míster & Iron Maiden" é a historia dun viaxante que espera ansioso no coche que apareza o seu fillo e recibe unha milagrosa axuda dun cantante de rock.
A historia que dá título ao libro tamén me encantou. É unha narración que vai sobre un mozo que conta a súa historia de amor despois de falecer nun atraco. Un personaxe capaz de todo menos declararse.
"Vostedes será moi felices" conta unha historia amena, ambientada nunha noite de treboada, na que un veciño da aldea bótalle as cartas ao convidado dunha casa na cal se vai a luz. Unha historia estraña que me gustou.
Porén, a parte que menos me gustou deste libro foi que é un pouco macabro. Pero animo a todo o mundo a que o lea: é especial.

17/01/10

O único que queda é o amor


Comentario de Thalía Troitiño


O único que queda é o amor
Agustín Fernández Paz
Xerais

Este libro é unha recompilación de varios relatos relacionados todos eles co amor. Breves, claros, entretidos, converten o libro nunha lectura rápida e áxil.
En xeral gustoume moito, pero quédome co primeiro relato polo xeito de desenvolverse, algo que me cativou desde o primeiro parágrafo; os fragmentos que serven de pistas gustáronme moito e fixéronme disfrutar da lectura.
Recomendo este libro de Agustín Fernández Paz, un autor que nunca defrauda.

20/11/09

Un casoiro ben mal amañado


Comentario de Miriam González Castro

Un casoiro ben mal amañado
Bali Rai
Sotelo Blanco


Opino que o de planificar un casamento sen amor é un disparate, polo que entendo perfectamente a actitude de Manny. Non me gustaría estar no seu lugar. Por iso, creo que non valoramos o que temos. O libro gustoume e foi bastante fácil de ler, cousa que non me adoita suceder en galego.

17/11/09

Un casoiro ben mal amañado

Comentario de Ana Cristina Des Pérez


Un casoiro ben mal amañado
Bali Rai
Sotelo Blanco


O libro pareceume bastante aburrido. O único que me resultou interesante foi cando Manny foxe da voda e decide vivir a súa vida.
Teño que admitir que é un libro moi realista que reflicte a diferenza de clases que hai na India e como se vive neses lugares.
É excesivamente descritivo, con informacións innecesarias. Creo que non é bo nin malo, pode gustar ou non, pero eu non o recomendaría.

16/11/09

Un casoiro ben mal amañado

Comentario de Jennifer Mosquera Sanmartín.

Un casoiro ben mal amañado
Bali Rai
Sotelo Blanco


O libro pareceume interesante. Nel trátanse temas moi diversos, como as diferentes culturas, o racismo e o machismo que predomina nestas...
Creo que deberíamos ler máis libros deste estilo, xa que nos fai ter conciencia do que ocorre ao noso arredor.

15/11/09

Un casoiro ben mal amañado

Comentario de Alba Fernández Caderno

Un casoiro ben mal amañado
Bali Rai
Sotelo Blanco


O libro gustoume bastante, o tema dos casorios amañados é moi interesante e o punto de vista do libro de como o pai de Manny se aproveita da relixión punxabi, o que fai que Manny considere que a culpa é da relixión, cando en realidade é de seus pais, que o tratan coma se fose un obxecto, unha propiedade privada deles, e que pensan que propinándolle malleiras e facéndolle chantaxe emocional van conseguir introducirlle a súa forma de pensar.

14/11/09

Un casoiro ben mal amañado

Comentario de Carmen González Varela

Un casoiro ben mal amañado
Bali Rai
Sotelo Blanco


O libro gustoume bastante. É interesante porque trata un tema importante da actualidade, dun xeito que non aburre porque está contado por un rapaz da nosa idade e podémonos identificar con el nalgunhas ocasións, aínda que por motivos culturais sexamos tan diferentes. Creo que ao contalo desde o seu punto de vista podemos comprender mellor a historia e poñernos no seu lugar.

13/11/09

Un casoiro ben mal amañado

Comentario de Ainara García Doval


Un casoiro ben mal amañado
Bali Rai
Sotelo Blanco



A historia que se narra neste libro gustoume sobre todo porque tenta reflectir as ideas dun rapaz que se rebela contra a forma de vida que seus pais lle pretenden impoñer, e el decide optar por un futuro no que poida tomar as súas propias decisións, a pesar de que isto lle depare a xenreira e o odio de toda a sáu familia.
Na historia preséntanse tanto os pais coma os seus irmáns coma uns fanáticos da cultura e da tradición punxabis. Dentro destas ideas, caracterízanse tamén por teren pensamentos racistas, fascistas e desprezativos cara a outras culturas; por viviren nunha sociedade retrógrada que defende o papel inferior da muller, a hipocrisía dos seus membros (xa que acusan as persoas doutras razas de sern a orixe dos problemas sociais, mentre que dentro da súa cultura abárcase dende a prostitución e as drogas ata a infidelidade nalgúns matrimonios) e o emprego da violencia contra so propios membros dunha mesma familia co pretexto de difundir disciplina.
Tamén se presentan cunha mentalidade primitiva e retrógrada, -por exemplo, defendendo a continuacións da existencia dunha sociedade de castas, na que se trata con inferioridade aos membros de castas máis baixas; a distinción e separación de homes e mulleres en todas as tarefas da vida cotiá; a prohibición de mencionar temas tabú coma o sexo; a valoración sobre todo de cousas materiais que teñen algúns dos individuos de maior idade; a maneira superficial de ver as cousas e de se preocuparen das opinións alleas...-.
Unhas das cousas que máis de gustou da historia é que a pesar das chantaxes emocionais que levaba a cabo a súa nai, Majit ao final acaba por se decidir a levar as rendas do seu propio futuro, aínda que para isto vaia quedar apartado da súa familia para sempre, posto que tome as decisións que tome -sexan axeitadas ou non- polo menos será el mesmo quen asuma a responsabilidade dos seus actos.