ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

03/06/09

Moda Galega

Comentario de Lucía Domínguez Mato


Moda Galega
María Reimóndez
Edicións Positivas


Este libro levoume a facer unha gran reflexión acerca de min mesma e da sociedade en xeral. Unha sociedade dominada polo consumo e na que estar á última moda e aparentar semella ser o esencial.
Por medio da poesía a autora fai unha crítica desta sociedade e amosa a súa desconformidade. Cada poema está inspirado nunha tenda de roupa da que se fala con ironía e sarcasmo.
Volvendo ao dito anteriormente, a miña reflexión, comparto a opinión da autora na maioría das súas críticas e ao mesmo tempo síntome identificada co prototipo de mulleres descritas por ela e ás cales critica. Un prototipo de muller que se deixa levar polas masas e as aparencias, polo concepto de beleza establecido na sociedade e polo consumo atroz. Paréceme triste encaixar nese prototipo, pero o que realmente me preocupa é a hipocresía que me domina, xa que a pesar de estar de acordo coas críticas da autora, teño a seguranza de que seguirei sendo partícipe do "prototipo" establecido.
Pareceume un libro moi interesante e recoméndollo a todo aquel que queira replantexar o seu modo de vida.


02/06/09

Comedia bífida


Comentario de Sonia Salgueiro Brea

Comedia bífida
Manuel Núñez Singala
Galaxia

Divertinme moito lendo este libro pois as historias ademais de insólitas e interesantes están analizadas desde outro ángulo, desde outra perspectiva.
Con humor fannos ver un problema que está latente dende hai moitos anos, ponnos ao descubert unha serie de prexuízos que acompañan unha parte dos galego-falantes, e sen abandonar esta parte humorística ensínanos diversos xeitos de enfrontar a situación.
O libro constitúe tamén outra forma de ver e entender a morte, quitándolle esa parte de escuridade, medo e tristura. Ata semella que o inferno poida ser un lugar sorprendente, nada semellante ao que del nos contaban, pois o seu xefe parece calquera cousa menos o demo.
O certo é que de cando en vez apetece ler libros que fagan desconectar un pouco e que mentres os les fan pasar un anaco de tempo moi agradable e que logo cando reflexionas sobre el daste conta que é unha acertada crítica a unha parte da sociedade galega.

01/06/09

Unha puta percorre Europa

Comentario de Susana Cumbraos


Unha puta percorre Europa
Alberto Lema
Galaxia


Unha puta percorre Europa é un libro feminista. Un libro que defende os dereitos da muller dun xeito brusco. Maneiras agresivas de obter a liberdade da muller.
O poder como un obxecto sexual.
Na historia exponse a idea de dúas mozas que pretenden sufocar a desigualdade. Acabarán cos homes que tratan ás mulleres coma seres inferiores, seres sometidos ao sexo masculino.
A trama é moi entretida posto que entrelaza a novela policíaca coa amorosa coa feminista.
O final é totalmente sorprendente. O autor conseguiu despistarme!

30/05/09

Poesía última de amor e enfermidade


Comentario de Marta Nercellas Rey


Poesía última de amor e enfermidade
Lois Pereiro
Edicións Positivas


Este poemario gustoume moito, xa que aínda non sentindo o mesmo có autor, transmite a sensación de querer que a súa enfermidade acabase con el, por non ter polo que loitar, nótase certa confusión entre esa morte xa desexada e as ganas de vivir para poder sentir de novo razóns polas que enfrontarse á enfermidade e seguir adiante.
Os poemas tratan todos os mesmos temas pero de xeito diferente, facendo que a lectura sexa amena e con moitas sensacións.


29/05/09

Cartas de inverno


Comentario de Lorena Ares Troitiño


Cartas de inverno
Agustín Fernández Paz
Xerais


É un libro moi entretido. Gustoume moito pola súa trama de misterio dende o comezo ata a fin e por isto consegue engaiolar ao lector dende a primeira páxina.
Animádevos a lelo porque é un libro que paga a pena!

28/05/09

Comedia Bífida


Comentario de Flavia Fondevila Pena


Comedia bífida
Manuel Núñez Singala
Galaxia


O libro pareceume de bo ler e gustoume, xa que unha vez que o comezas, apetéche seguir lendo, porque, a verdade, resulta moi entretido. Ademais, aínda qeu non queiras, o escritor consegue que sorrías. Tamén quero dicir que tivo unha boa idea, a de amosarnos a realidade da lingua galega a través do humor.

26/05/09

As confesións de Carlota Doyle


Comentario de Alismar Hernández

As confesión de Carlota Doyle
Avi
Galaxia

Pareceume un libro moi interesante porque nos explica a dura vida dos mariñeiros, de como os explotaban os capitáns, etc...
Por outra parte, o comprensiva que é Carlota cos mariñeiros ao descubrir todo o que ocorre no barco sorprende, ao ser unha nena rica de mente tan pechada. O final sorprende, polo camiño que escolle a nena para o seu futuro, podendo ter unha boa vida ao lado de seus pais, escolle irse cos mariñeiros, dos que tanto aprendeu, e que tanto a queren, sendo a capitá do barco, pois ese é o camiño que a fai feliz.

25/05/09

Poesía última de amor e enfermidade



Comentario de Erea Rey Presas

Poesía última de amor e enfermidade
Lois Pereiro
Edicións Positivas

Este é un libro no cal os poemas aparte de seren fermosos fan sentir emocións, e é ademais un libro fácil de ler e de comprender no que se mesturan temas como o amor e a morte; antes de cada poema hai uns versos doutros autores cos que máis ou menos nos facemos unha idea de cal vai ser o tema do poema que imos ler a continuación, e mesmo hai nalgúns deses versos unha anotación do autor para indicarnos cal é a súa actitude ante o que le.
É un libro que me gustou moito e que recomendaría a calquera persoa que queira ler poesía. Mesmo se non gusta, é un bo xeito de "entrar" nela.

24/05/09

A cabeza de Medusa


Comentario de Silvia Villar García


A cabeza de Medusa
Marilar Aleixandre
Xerais


Este libro cóntanos a historia de dúas rapazas que son violadas a noite de disfraces por dous rapaces que non coñecen. Cando estes as deixan abandoadas no medio dun lugar do que non saben como volver, Sofía chama á súa nai para lle explicar o sucedido. Logo, ela e Lupe poñen unha denuncia e pasan unha inspección médica.
Este libro continúa dicíndonos o mal que o pasan no instituto ; púxenme por momentos na pel delas, porque algúns compañeiros non as aceptan, e iso enfúreceme, por ler que "a culpa era delas por non levar unha saia máis longa", ou cando o pai de Lupe retira a denuncia por vergoña de que falen deles.
Persoalmente recomendaría este libro para o alumnado da ESO porque demostra o apoio dalgúns compañeiros e poderían recapacitar sobre a súas ideas, e que non se pode xulgar ás persoas polo xeito de vestir.
Pero non me gustou demasiado, a verdade.


18/05/09

O crepúsculo e as formigas

Comentario de Carla Gómez Ferradás


O crepúsculo e as formigas
Xosé Luis Méndez Ferrín
Xerais



É un libro un pouco complicado de ler pero que é moi fermoso.
É distinto aos que adoito ler. Está dividido en relatos que se caracterizan polo mesmo ambiente de terror nos que se desenvolven. Son relatos curtos e tenebrosos que me deixan cunha sensación estraña.
O relato que máis me gustou foi o do Suso, no que este vai buscar un amigo para que vexa un cadáver no río e resulta que o cadáver é o do Suso que está afogado. É terrorífico.
Recomendo o libro, aínda que o galego que emprega resulta difícil, anticuado, diferente.