ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

03/06/09

Moda Galega

Comentario de Lucía Domínguez Mato


Moda Galega
María Reimóndez
Edicións Positivas


Este libro levoume a facer unha gran reflexión acerca de min mesma e da sociedade en xeral. Unha sociedade dominada polo consumo e na que estar á última moda e aparentar semella ser o esencial.
Por medio da poesía a autora fai unha crítica desta sociedade e amosa a súa desconformidade. Cada poema está inspirado nunha tenda de roupa da que se fala con ironía e sarcasmo.
Volvendo ao dito anteriormente, a miña reflexión, comparto a opinión da autora na maioría das súas críticas e ao mesmo tempo síntome identificada co prototipo de mulleres descritas por ela e ás cales critica. Un prototipo de muller que se deixa levar polas masas e as aparencias, polo concepto de beleza establecido na sociedade e polo consumo atroz. Paréceme triste encaixar nese prototipo, pero o que realmente me preocupa é a hipocresía que me domina, xa que a pesar de estar de acordo coas críticas da autora, teño a seguranza de que seguirei sendo partícipe do "prototipo" establecido.
Pareceume un libro moi interesante e recoméndollo a todo aquel que queira replantexar o seu modo de vida.


3 comentarios:

Ronsel dixo...

Creo que acabas de facer un gran labor e que vés de ser moi valente: non todas as mozas serían quen de asegurar que comprenden o libro pero ao mesmo tempo saber que non van cambiar porque a presión da sociedade é maior. De todos os xeitos, a adolescencia deixa paso á madurez, e quizais daquela o peso da sociedade faga menos mella en ti.
Moitas grazas

Reimóndez dixo...

Querida Ronsel e querida Lucía:
o ano que vén fanse 12 anos da publicación de Moda Galega e ando preparando algunhas cousiñas ao redor deste texto. Gustaríame saber se me dades permiso para utilizar algún anaquiño deste post.
Apertas ás dúas
MReimondez

Ronsel dixo...

Por suposto que podes contar coas nosas palabras, prezada María.