Comentario de Noa Villar Gallego
Os nenos da varíola
María Solar
Galaxia
Desta volta
achegámonos a unha das aventuras máis importantes da historia da humanidade,
protagonizada por uns nenos que non tiñan idea de facerse heroes, pero que o
foron. Nin eles, nin a reitora do hospicio no que se atopaban, podían imaxinar
de que maneira lles cambiaría a vida a chegada do doutor Balmis e a súa
expedición médica.
Nesta
novela, vinte e dous orfos conformarán unha cadea humana “brazo a brazo” para
facer chegar a vacina contra a varíola a América. Os nenos da varíola é unha estupenda lectura que trata de
homenaxear aos 22 pequenos protagonistas que fixeron posible a erradicación
dunha enfermidade tan grave coma o era a varíola; un suceso moi importante para
a humanidade, pero que tamén é moi pouco coñecido hoxe en día. Nesta historia
hai que resaltar a personaxe feminina, Isabel Zendal, a reitora do hospicio,
ela é a viva imaxe dunha loitadora; unha
muller forte e segura, que a pesar de todas as dificultades que ten que asumir
polo simple feito de ser muller, e máis naquela época, logra chegar a ser un
papel fundamental na expedición.
Baseada nun
feito real, amósanos a miseria que se vivía no século XIX, a dedicación e a
entrega que algunhas persoas teñen para seren capaces de renunciar a practicamente
todo só para poder permitir o avance da ciencia, tamén nos mostra a forza da
amizade, o valor do amor entre unha nai e un fillo, e a importancia da
esperanza á hora de afrontar un reto.
En
definitiva, esta é unha novela que te fará viaxar a comezos do século XIX,
cunha linguaxe sinxela e atractiva, cunhas personaxes cheas de autenticidade e
de vida, cun estilo propio que che fai
meterte ben de cheo na narración, e cunha historia que vale a pena coñecer.
Sen comentarios
Publicar un comentario