ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

18/06/16

Orlando. Unha biografía

Comentario de David González Sampayo


 Orlando
Virginia Wolf
Irmás Cartoné



Este libro lino grazas á recomendación de Carla González Silva, que me dixo que este libro era moi interesante e debía lelo, xa que inculca moitos valores e transmíteche moitas emocións. Neste libro mestúranse elementos fantásticos con outros reais, pero estes son contados cunha gran normalidade, o que fai que sexan máis verosímiles. Creo que é unha das primeiras veces que leo unha biografía, como ben di o título. Ademais é unha biografía moi orixinal e pouco común, xa que estamos acostumados a ler biografías nas que se plasma a vida dunha persoa e as cousas que fixo, en cambio nesta, a súa autora, Virginia Woolf, entrelaza dun xeito marabilloso e formidable, feitos reais e fantásticos. Con esta técnica a escritora consegue que o lector estea enganchado todo o tempo a obra sen perder detalle, e que nel aumenten, co paso do tempo, as ganas de ler e a intriga de saber o que acontecerá co paso das follas. É un libro sinxelo de ler e entender, xa que non abunda a ironía ao longo da historia. Como ben dixen neste parágrafo, en xeral, o libro encantoume.

Esta novela é a biografía dun home chamado Orlando, o cal ten unha gran relación de amizade coa raíña Isabel I e provén dunha familia noble con moitos cartos. Cando Isabel I morre, Orlando coñece a Sasha e durante uns días mantéñense en contacto. Un día estes dous acordan citarse nun lugar para fuxir os dous xuntos, pero Sasha non aparece e Orlando séntese moi decepcionado. Tras este suceso marcha para unha casa que ten no campo e invita a un escritor inglés moi famoso, Nick Greene, para que pase alí uns días con el. Tras pasar varias noites en vela, Greene decide marchar pero escribe un poema inspirado na casa de campo de Orlando. Pasados uns días unha muller chamada Harriet achégase con moita frecuencia á casa de Orlando, xa que lle gusta. Para fuxir, pídelle ao monarca que o traslade a Constantinopla, pero debido a unhas revoltas regresa pronto a Inglaterra. Cando Orlando chega a Gran Bretaña, descubre que Harriet é un home que se disfrazou de muller para conquistalo. Orlando sufre un cambio de sexo e un día que camiñaba polo campo tropezou e foi asistido por un mariñeiro. Orlando chega a Londres onde publica un libro que co paso do tempo acadará unha gran fama e será moi coñecido.

Unha das cousas que máis me sorprendeu da historia foi o momento en que a autora conta que Orlando ao chegar á súa casa de campo durme sete días seguidos. O mellor de todo isto é que a historia absorbe ao lector dunha forma que fai que este non se decate destes feitos, ademais da verosimilitude coa que estes son narrados. Ademais, desta obra despréndese que a homosexualidade era unha cousa bastante penalizada e castigada naquela época, xa que Harriet é un home que está namorado de Orlando, e tense que disfrazar de muller para ocultar que é homosexual.

Sen comentarios