ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

06/11/14

Unha rosa é unha rosa

Comentario de


Unha rosa é unha rosa
Suso de Toro
Xerai



A obra de teatro de Suso de Toro que limos neste trimestre gustoume. Persoalmente gústame ler teatro porque resulta entretido e a lectura fáiseme máis amena, pero se ademais a temática é de humor coma neste caso moito mellor aínda.
Ao principio pensei que o libro ía ser de medo porque o subtítulo ,“unha comedia de medo”, fíxome pensar iso, pero xa dende a escena primeira cando a Vella Rosa chama ao sobriño “Pololo, o do lunar no Pirolo” (p. 14) decateime de que esta obra non ía dar precisamente medo. Debo confesar que cando mirei a portada e vin un pétalo de rosa tamén pensei que ía ler algo romántico. Nada de nada. Rosa había, pero era unha pantasma rencorosa pouco romántica.
A Vella Rosa é precisamente a personaxe que máis me gustou. Primeiro é moi boa , boa de máis, case unha miñaxoia, pero logo a partir do acto 4º cónvertese nunha meiga vingativa que chega dicir que “ a inocencia é un obstáculo na vida, eu fun inocente e mira que me fixeron (p. 82).
A personaxe que menos me gustou foi Adela porque me resulta moi aburrida. Pololo pareceume máis interesante debido a que a fai de perfecto tonto interesado.Tamén me parece interesante Colombo. Eu non coñecía a esta persoaxe e a súa serie. Mirando en internet entereime de que era unha serie estadounidense dos anos 70 protagonizada polo actor Peter Falk que fai dun tenente da policía de Os Ánxeles que parece parvo , pero que non o é. Na obra fase referencia concretamente a esta serie cando está a Vella Rosa véndoa na cama co seu chupito de “auga bendita” (=augardente). Ademais o propio Colombo aparece na obra falando coas persoaxes como cando de cara a Santiago fala con Pololo porque estaba facendo o camiño e mirando de abrir unha churrasquería (Parrillada O Emigrante) (p.50). Menuda situación de comedia …
Son moitos os exemplos de escenas de humor como a que comentei anteriormente.
O libro está cheo de humor e chistes a,lgúns moi bos como cando Pololo fala do colesterol e o doutor entende clombuterol (p.31). É un humor de situacións irreais e ilóxicas que ten sentido nun contexto absurdo, pero non todo na obra é estar de festa. Detrás de tanta broma, hai críticas sociais hacia os políticos (na p. 52 aparece un conselleiro que ven de unha familia de contrabandistas ou na p. 27 unha conselleira moi parva), críticas á xente “pija” e superficial o caso de Borja, ( un auténtico parvo) e críticas a un mundo avaricioso e interesado só nos cartos, non nos sentimentos.
Para min a obra é coma Colombo: parece unha cousa , pero é outra. Parece que todo son chistes fáciles, pero no fondo hai moita miga. Hai moita retranca e humor intelixente que esixe que o lector “pille” os chistes. Así que cando a les ris bastante e engánchaste, pero hai que ver máis alá.
Quizais o único que botei de menos nesta comedia é unha trama máis de acción. As veces hai chistes de máis. Gustaríame algún acontecemento a maiores, algo máis de intriga , de tensión, pero claro entendo que entón o libro non sería unha comedia senón unha novela.
En conclusión, a lectura deste libro foime amena e sen dúbida recomendaríallo a calquera que busque teatro divertido, sinxelo , pero con substancia.

Sen comentarios