ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

02/01/14

A evolución de Calpurnia Tate

Comentario de Cristina Cabaleiro
A evolución de Calpurnia Tate
Jacqueline Kelly
Kalandraka
 
Calpurnia ten case doce anos, é a única rapaza de sete irmáns e vive en Caldwell (Texas). Durante o caloroso verán de 1899, case no seguinte século, Calpurnia comeza a facerse preguntas sobre o seu entorno, a familia, o medio natural… Curiosa e perspicaz, comprende que as súas preguntas non serán respondidas nin polos seus irmáns nin pola súa nai, obsesionada coa calceta e coas labores dunha “futura señorita”. Cando Calpurnia supera o gran temor que lle provoca o seu avó, e se atreve a entrar no seu laboratorio e preguntarlle sobre as súas dúbidas, pasará a formar parte dun mundo extraordinario e completamente novo para ela. Pero a Texas de principios de século aínda non concibe que a ciencia sexa para unha rapaza, polo que deberá loitar contra receitas de cociña, clases de piano… para seguir fiel a si mesma.          
A través das experiencias de Calpurnia, o lector embárcase nunha historia emocionante na que as aventuras e os descubrimentos son os protagonistas. A chegada do teléfono ao pobo, os amoríos dos seus irmáns ou descubrimento dunha nova especie vexetal son moitas das vivencias que se plasman nesta novela de Kelly.
O libro gustoume pola maneira de pensar de Callie Vee, sempre adiantada ao seu tempo e intentando enfrontarse aos ideais machistas daquela época. E que acaso só por ser muller non podía facer realidade os seus soños? Só o seu avó era capaz de comprendela, nin tan sequera a súa familia a apoiaba. Ademais, tamén me cautivou a maneira de expresar estes datos por parte da escritora.
Recoméndolle o libro a calquera persoa curiosa, á que lle guste investigar, explorar, aprender, descubrir cousas novas… xa que se verá moi identificada coa protagonista.

Sen comentarios