ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

26/12/13

A evolución de Calpurnia Tate

Comentario de Sonia Troitiño Loureiro

A evolución de Calpurnia Tate
Jacqueline Kelly
Kalandraka
 
 
A evolución de Calpurnia Tate é unha historia dunha rapaza aventureira de case doce anos que é a menor de outros seis irmáns. Durante o verán de 1899, Calpurnia comeza a facerse preguntas sobre a súa contorna, a súa familia, sobre si mesma e sobre o medio natural que a rodea. Curiosa, perspicaz e cun afiado sentido da observación, comprende que as súas inquedanzas científicas e persoais non van atopar resposta en ningún dos seus irmáns e moito menos na súa nai, obsesionada en facer dela unha futura señorita que soubese coser, cociñar ou tocar o piano. Cando consegue o valor suficiente coma para entrar no laboratorio do seu avó, descobre que el é o único interesado nas súas andanzas e grazas a el aprende a observar e investigar a natureza.
Teño que recoñecer que os temas  deste libro non os podería encadrar neses  que eu considero como preferidos, pero de todos modos, resultoume bastante interesante. A pesar de que en ocasións facía referencia a sucesos un tanto tristes ou morriñentos, tamén contiña certos elementos de comedia, que baixo o meu punto de vista, o facían máis apetecible. En ningún momento pensei que o titulo e a portada tan chamativa deste libro, se ía corresponder con este argumento tan peculiar, no que ademais de contar unha historia, ensina moitas cousas acerca de  certos descubrimentos ou dos segredos da natureza. A pesar de que a súa lectura me resultou bastante sinxela, había certos momentos nos que a historia se volvía un tanto monótona. O feito de ler cousas acerca da orixe das especies ou sobre a natureza non e algo que me chame demasiado a atención pero este libro consegue que temas coma estes resulten interesantes.
Sen dúbida, o que máis me gustou do libro foi a actitude da protagonista. Ese afán por descubrir cada día algo novo e querer estar continuamente dun lado para outro sen perder un segundo fai que, ademais de resultar entretido, configure unha maneira de ver a vida que en certo modo se identifica comigo. Penso que é un libro que pode, a simple vista, tomarse como un relato dirixido a un ámbito xuvenil pero, baixo o meu punto de vista, tamén pode conectar perfectamente cos adultos. Baixo a apariencia dun relato sinxelo que xira en torno á aventura da ciencia e os métodos científicos, descríbense reaccións humanas moi interesantes que invitan ao pensamento. Ademais, encántame a idea que transmite o relato  na que se reflexa a gran importancia dos avós, dotados de grandes coñecementos e sabedoría.
Para rematar, debo dicir que en verdade recomendo este libro a todos aqueles amantes da lectura e non tan amantes que desexen pasar un tempo entretido mergullándose no mundo da ciencia e da natureza.

Sen comentarios