Ámote Leo A.
Rosa Aneiros
Xerais
Catro amigos e unha apaixonante
aventura, ou polo menos este era o maior soño de Leo antes de que Martiño,
Aldara e Inés romperan en mil anacos a promesa que fixeran anos antes.
A pesar de todo, Leonor debe tomar unha
difícil decisión: desistir da viaxe ou afrontar os seus medos e ir soa. As
dúbidas son demasiadas, pero ten tanta ilusión por coñecer novos lugares e
culturas, que decide coller a mochila e embarcarse nunha emocionante travesía de
seis meses arredor do mundo. Lisboa, Granada, Marrakech, O Cairo e Istambul son
uns dos moitos destinos que toma. Ademais, na súa estancia en Barcelona coñece
a Ruth e a cía, que rapidamente lle encontran un oco no seu peculiar grupo.
"Ámote Leo A.", esta pintada tamén a
acompaña a cada paso que realiza.
Quen será o autor desa enigmática
mensaxe? Esta é unha das moitas preguntas que nos podemos plantexar coa
primeira entrega desta triloxía de Rosa Aneiros, pero que soamente poderá ser
resolta se acompañamos a Leo ata o final da súa gran aventura.
Persoalmente, o libro fascinoume, era
como se puidera viaxar (cousa que me encanta) ao mesmo tempo que a
protagonista, como se os seus pasos fosen os meus. Asemade, aprendín moitas
cousas novas que descoñecía sobre estes lugares, as súas tradicións e as súas culturas.
Pero sen dúbida ningunha a mensaxe máis valiosa desta narración é que debemos
afrontar os nosos medos, pois ás veces pode atopemos novos horizontes ao atravesalos.
Recoméndolle o libro a todas as persoas
que teñan un anaquiño libre do seu tempo para poder facer unha profunda viaxe
pola imaxinación.
Espero con afán as seguintes aventuras
de Leo, para poder resolver dunha vez por todas o emblemático enigma. Ogallá que
as saboree tanto ou máis cá primeira!
Sen comentarios
Publicar un comentario